

vaamonde, lamas & romero vellas artes
Tres nomes salientables na música tradicional galega dos últimos anos quixeron dar un paso adiante “cunha proposta atrevida pero, sobre todo, moi divertida.” O público menos erudito do folk probablemente non apreciaremos na súa xusta medida a frescura que procuran os intérpretes, mais a ninguén pasará desapercibida a calidade, elegancia e solvencia destes músicos. Suso Vaamonde nas gaitas, pandeireta e triángulo, Pedro Lamas no saxo soprano e Xosé Lois Romero, no acordeón, interpretan once cortes tradicionais (“Corrido”), populares (“A volta da festa”) e propios. Entre as pezas, un par delas cantadas (a tradicional e arrancada “Foliada de San Pedro de Visma” e a divertida “A marcha dos cheíñas” de Romero) e unha fermosa versión d' “O esplendor” de Milladoiro. O cedé acompaña tamén unha pista audiovisual cun fragmento dun concerto no Parlamento de Galicia, no acto inaugural da campaña “Convivir-Convivencias.” Edita Falcatruada. Pepe Cunha 12-xan-09
sara tavares alive! in Lisboa
Tras gañar un par de concursos da TV portuguesa e editar un álbum impersonal do que renega, esta cantante caboverdiana comezou a súa traxectoria actual no 1999 co seu primeiro álbum de seu, Mi Ma Bô (hai tempo descatalogado e gravado para unha multi con 21 anos!). Houbo que agardar até 2006 para a súa máis madura, lograda e exitosa continuación “Balancê”, cuxa xira levouna a acadar maior recoñecemento polo mundo adiante. A gravación do concerto que celebrou en Lisboa en marzo do pasado 2007 é o eixo principal deste lanzamento que nos ocupa, aínda que, atinadamente, a edición en DVD da actuación completa (máis de hora e media) vén acompañada dos seus 2 mencionados álbumes de estudio. Nestes, a súa conexión cun pop máis occidental é, especialmente no debú, maior ca nos concertos, onde coa súa banda amosa un son máis étnico e personal. Dous percusionistas, baixo e guitarras acústicas, ademais da kalimba, acompañan a doce e flexible voz da protagonista nas súas composicións románticas e positivas, con referencias coma Bob Marley ou Angelique Kidjo, por citarmos dous artistas que se abriron camiño no mercado occidental. Así, nun único pack, podemos gozar do crecemento e os diferentes matices dunha artista que está a se facer cun lugar de seu, especialmente nos escenarios,.no panorama da chamada World Music. Malia a súa xuventude, non chega aos 30, está sobrada de carisma e ten todo un futuro por diante. Distribúe Resistencia. Myspace de Sara Tavares. Pepe Cunha 12-xan-09
caballero reynaldo unmatched vol. x – the grand kazoo
O selo valenciano Hall of Fame leva anos editando álbumes de versións e recreacións do inagotable repertorio de Frank Zappa. O décimo volume das “Unmatched series”(myspace.com/unmatchedseries) está perpetrado en exclusividade por Caballero Reynaldo, o proxecto de Luis González. Acompañándose de Marieta Tamarit nas voces, oZcar Cuenca no trombón, Manoel Macìa na guitarra solista e Luis Prado de Sr. Mostaza no órgano e piano, revisa en clave country&western, e co humor que inspira o Zappa, títulos míticos coma "Dirty Love", "Bobby Brown", “Pojama People”, “ Eat That Question", “Big Leg Emma”, “Love of my Life”, “Watermelon In Easter Hay", "Lumpy Gravy", "Catholic Girls", "Mr. Green Genes", Wowie Zowie" ... A maioría das 20 versións amosan unha naturalidade máis ca convincente e máis dunha sorpresa. O resultado son unhas cancións que cobran nova vida e que fan deste álbum unha recomendable diversión. Non deixedes de ver algunha mostra en es.youtube.com/halloffamerecords.www.halloffame.es/caballeroreynaldo.html . Edita Hall of Fame. Pepe Cunha 12-xan-09


sara tavares