

the right-ons look inside, now
Aínda que o disco saiu hai meses, aproveitamos a nova visita da banda a Galiza para recuperar un dos álbumes que máis loubanzas levan colleitadas neste 2009 en España. Desde a primeira escoita, recoñecemos a confirmación e superación do debut (“80.81”, '07) deste combo que se creou a principios do 2006 e cuxo directo xa nos chamou a atención no Festival do Norte do 2008. Os seus membros non eran novatos, senón que xa pasaran por Jet Lag, Anvones. Steelwood ou Sugar Soul Shakers e iso nótase. A estas alturas e tras a boa acollida é fácil caer nos eloxios, mais non me queda outra, pois saen vencedores desta cocteleira de garaxe, soul, funky e rock and roll clásicos. Entregan un excelente traballo de guitarras e voces (os dous vocalistas e os coros) ademais de acadar o equilibrio entre medios tempos e baile. Estamos ante un deses discos que se saborean desde o comezo, con “Thanks”, bailable sinxelo e atinada declaración de principios, até a fin, coa aportación vocal de Lisa Kekaula (The Bellrays) na contundente “Why Don't You Break My Heart Now?”. Entre as mencionadas, un feixe de pezas igual de salientables: “That's New York”, herdeira do Motown soul pop, o soul de profundidade de “Take It Easy”, a máis tranquila “A Subtle Hint” e o increscendo da balada “I Don't Love You Anymore”, os teclados e solo de guitarra de “Take It Easy”, o sabor a Beatles da última época en “Frontline”, o optimismo de “The Right Song”, James Brown en “Come Running”…O labor na produción de Ed Valauskas -si, o do aclamado Ely "Paperboy" Reed- non fai máis que incidir nun produto de calidade internacional, porque mentres moitas bandas españolas que tamén se expresan en inglés nos poñen roibos, eles deféndense con orgullo alén das nosas fronteiras. E por se non abondase cun álbum case redondo, pechan cun bonus track máis cru. myspace.com/therightons. Pepe Cunha 15-out-09.
manolo tarancón imperfectos
Coas boas cancións do seu segundo álbum, "Más allá de uno mismo", este valenciano deuse a coñecer entre unha salientable xeración de cantautores de influencia máis roqueira ou eléctrica (Fabián, Alfredo González, Luis Moro...), na liña xa consolidada de Quique González. Para este terceiro disco repite cunha discográfica da súa terra, Comboi Records, mais aposta forte por un cambio na produción. O que na anterior era pulcritude, suavidade, predominio do acústico ou grato ao ouvinte, convértese agora, da decisiva man de Paco Loco, nun son algo cru, máis de banda e abondo americano. A base rítmica, sinxela e sólida, acompaña a variedade sonora e instrumental das cancións: blues, toques electrónicos, megáfonos, distorsións, rock and roll, pedal steel, hammond, mandolinas, banjos ou lap steel. Mesmo as letras semellan aínda máis traballadas, máis personais, entendendo isto por gañar un selo distintivo de seu. Aquí hai un compositor currante, autoesixente, de mente aberta e que loita por ser el mesmo. "Imperfectos" resulta máis ca convincente con 11 cancións que se aprecian máis a cada escoita e que manteñen un alto nivel de principio a fin, así que permitídeme que non quede só con algunhas. Porén, "Momento perfecto", "Con la magia a otro lugar" ou "Días de tregua" puideron ter o privilexio de adianto e vídeo que xa acadou "Alfama". Coido que se fixésemos un traxecto de Nacho Vegas a Quique González, ben poderiamos topar con Manolo Tarancón no camiño. Pepe Cunha 16-out-09.
rodrigo leao a mae
Aínda que resulta case obrigado mencionalo nunha presentación, moi atrás queda xa a referencia a Rodrigo Leao coma ex de Madredeus, banda que abandoou hai 15 anos. Mesmo anteriormente na súa traxectoria, ten outra etapa case tan importante como membro doutra seminal banda portuguesa, Sétima Legiao. Porén, os seus discos en solitario desde 1993, este é o sétimo, consolidárono polo mundo adiante cunha visión artística ben ampla: o camiño instrumental, con teclados electrónicos e instrumentos de cuerda clásica (o bonus track “O futuro” é a peza máis clásica), a inspiración da música minimalista contemporánea, do cine, ecos parisinos, de fado, tango ou outras suxestivas e melancólicas paisaxes sonoras, desta vez ben enriquecidas polo acompañamento orquestral. “A Mãe” é o punto álxido das pezas instrumentais dun álbum adicado á súa proxenitora, finada no último ano, e que inclúe a novidade de dúas pezas interpretadas por voces masculinas tan selectas como as de Stuart Staples (Tindersticks) en “This light holds so many colours” e Neil Hannon (The Divine Comedy) en “Cathy”. Ana Vieira pon o contrapunto feminino nas non menos brillantes “A corda”, “Vida tao estranha”, “Canciones Negras”, “No Sè Nada” (coa participación de Melingo) ou “Ya skazhú tebé!”. En España edítase uns meses despois ca en Portugal, onde chegou ao número un. Feito canda menos curioso para unha música tan bella e alonxada de fronteiras e a comercialidade. Pepe Cunha 17-out-09
bang 74 three kids
O título de “Tres mozos” casa coa redución numérica desta formación ferrolá, unha vez que Rogelio Arias marchou para emprender nova etapa coma Roger de Flor. Os irmáns Fran e Óscar Millarengo, base rítmica dos Bang 74, acumularon experiencia en bandas coma Blind River, Flanelon Crash e Studebakers. Pola súa parte, o vocalista e guitarra Cristóbal Veiga deuse a coñecer co seu proxecto Johann Sindell e o dúo de versións “La sociedad protectora del hombre mono" (si, The Kinks) co mencionado Rogelio. Neste EP, primeiro traballo “oficial” (edita Rumble), confirman a liña da súa lonxana primeira maqueta: enchoupar o seu power pop con enerxía punk. Se teño que elixir entre os cinco temas novos, quedo cos máis pop: "Searching for Romance" e "Time To Make Things Right", que tamén chamou a atención de Michael Davis, dos MC5. Aquí hai melodía, hai proteínas e unha boa asimilación das directrices clásicas do rock and roll, esas que nunca pasan de moda porque sobreviven á marxe dela. A ver se non tardan tanto en volver entregar novo material, pois esperamos a evolución desta digna presentación á que lle acaería ben máis matices musicais e vocais. Pepe Cunha 17-out-09


