discos
comentados en outubro 2009
máis en arquivo

trilok gurtu massical
Este reputadísimo percusionista hindú, que xa colleu a táboa aos 6 anos, comezou a súa reputación ao carón do guitarrista John McLaughlin –ao que adica neste álbum a peza "Kuruksetra” -, para xa continuar canda outros grandes jazz como Joe Zawinul, Jan Garbarek, Don Cherry, Pharaoah Sanders ou Dave Holland. A súa música é unha aberta loita contra as etiquetas e os purismos, pois mestura ritmos tradicionais da música hindú e outros lugares do globo con elementos do jazz e rock, feito que o levou a colaborar con REM, Eric Clapton, Gary Moore ou Bob Dylan. Na súa faceta compositora caracterízase pola orixinalidade e gusto, do que é boa mostra este “Massical”, con pezas tan hermosas, diversas e ricas coma a fermosa “Bridges”, onde destaca o saxo de Jan Garbarek, “Mumbai Shuffle” coa vocalista Kalpana, “Seven Notes to Heaven”. O título "Massical" é un xogo coa palabra classical "porque a miña quere ser unha música para todos, non para unha clase. Eu entendo a música como unha forma de crear pontes". Mais este non é un disco de colaboradores, senón unha banda predominante á que se suman, como se non chegasen xa Garbarek, Cantini ou Roland Cabezas, aínda máis aportacións punctuais. Escoitalo é unha experiencia recomendable para fuxir dos clixés e a rutina. “Cando estaba a aprender, sempre había unha sección que primeiro che dicía o que non facer. É por isto que as masas foron alinenadas dos sons clásicos. A música trata de achegarse á xente, as súas formas poden e deben variar”. Escoita fragmentos en http://www.trilokgurtu.net/new_release.phpEdita BHM-Indigo. Pepe Cunha 1-outubro-09

fred martins guanabara

c Hai uns meses tivemos a sorte de ver este cantante, compositor e guitarrista grazas á Central Folque, ( http://www.folque.com ) que o achegou ao interesante ciclo de Músicas Portuarias. Mais non só en Ferrol, lugar dese ciclo, tivemos esa sorte, pois o fluminense foi paseado con orgullo por outras cidades e vilas. E digo con orgullo porque se trata dun dos artistas más reputados nos últimos anos no seu país ao gañar en 2006 o Visa, máximo premio da música. Mesmo as súas cancións foron gravadas por grandes intérpretes como María Rita, Ney Matogroso e Zélia Duncan. Nestes directos amousou, como no seu magnífico DVD “Tempo Novo” do 2008, unha paleta sonora máis ampla que neste cuarto álbum, onde homenaxea a música carioca, principalmente o samba e a bossa (Cartola e Nelson Cavaquinho, João Gilberto, Paulinho da Viola, Baden, Vinícius) que o iniciou. Totalmente acústico, o disco céntrase na composición, na pureza da canción, na esencia e na concisión na voz, desde a deliciosamente espida 'Breve primavera', puro voz e guitarra, ata a máis rítmica afro-samba de 'Doceamargo', por citar dúas das mellares pezas dun disco do que se goza máis e máis coas escoitas. Non é de estrañar que no Jornal do Brasil falen de «un artista completo, cunha técnica que agrada ao xurado, e co carisma que agrada ao público». Edita e selo Sete Sóis e distribúe Tratore. “Guanabara”, que titula o álbum:  Pepe Cunha 2-outubro-09

esquíos éche o que hai

Desde o comezo da súa andaina alá por finais do 2005, esta banda de rock con actitude punk da Estrada sacou á luz "Esquíos" e "Un tipo normal". Neste seu terceiro álbum apostan por once novos temas cantados en galego e un instrumental. Desgraciadamente, nótase en exceso a precariedade de medios e a produción non pasa de maqueteira. Se a isto sumamos o estilo e as temáticas, sentímonos retrotraídos á época na que non existía o retoque dixital e onde se descoidaba a calidade interpretativa baixo a excusa da inmediatez e a emoción. Eles mesmos confesan que a música se gravou “en dous días, e as voces en dúas horas” . A poucos escapa que o máis importante é ter cancións, pero aquí as aproveitables son as menos, con textos e músicas abondo manidas: cargan contra a clero en “Sinferencia episcopal”, adican unha “Carta á SGAE”, rexeitan os “Politiquiños”, reivindican a festa con “Pogomuiñeira”, fálannos de personaxes coma “O Perolas” ou unha estraña moza de “Non caeréi máis”. Se Leño ou La Polla Records seguen na nosa memoria é porque as súas cancións merecidamente crearon escola, mais,  se se quere transcender un chisco, a súa inspiración debe ir acompañada de máis traballo e formación coas que enfrontarse á composición. Outra cousa é a festa do directo, onde de seguro Esquíos se desenvolven mellor.  myspace.com/esquios . O álbum esté dispoñible en formato físico ou coma descargable en mp3 baixo licenza copyleft no Netlabel: www.aregueifa.net . Pepe Cunha 2-outubro-09

the last 3 lines crows

Xa comentamos aquí o seu interesante debut “You Are a Big Forest” e agardabamos novo material, que chega da man deste EP con 3 novas cancións: “Fish Tank”, “Crows” and “Women & Children First”, ademais do remix da primeira, subtitulado “Our classmates were robots RMX”. Unha embriagadora combinación de ritmos britpop dotados de máis enerxía e mesturados con distorsión, post-punk decadente, o noise duns Sonic Youth, Kaiser Chiefs, garaxe e psicodelia. Agora a aportación dos sintetizadores e programacións de Marc Mateu completan unha música máis electrónica e bailable e refórzaos coma uns dos mellores recolledores peninsulares da corrente británica de electro-rock bailable. Como acontece coas demais edicións deste entusiasta selo independente catalán, podes descarregar o álbum Aloudmusic.com , pero tamén se lanzou un precioso vinilo blanco de 7", que contén dous temas e inclúe un CD con outros catro. videoclip con estética retro-futurista: Pepe Cunha 2-outubro-09

esquíos

the last 3 lines

trilok gurtu
éche o que hai
fred martins
guanabara
crows
massical