discos
comentados en novembro 2009_2
máis en arquivo

fuxan os ventos terra de soños

Os días 18 e 19 de outubro de 2008 quedaron marcados para a música galega como os do dignísimo retorno dunha banda imprescindible coma poucas. Desde os difíciles primeiros 70, Fuxan entregaron verdadeiras letras de pólvora e magnolia en oito discos que afianzaron a tradición galega e o folk. Tal ocasión merecía un coidado esforzo, un plantexamento actual e o envoltorio das mellores galas para facer revivir ese lendario cancioneiro: o Auditorio de Galicia, invitados de luxo e unha competente banda de apoio baixo a sabia dirección musical de Xosé Luis Romero (Nova Galega de Danza, Vaamonde, Lamas & Romero). O resultado foron dous cheos completos e emotivos, pois eramos abondos -máis vellos ou máis novos- quen queriamos estar alí. Xa que logo, ficou ben claro que o compromiso de Fuxan os Ventos coa identidade galega e a forza do seu cancioneiro seguían vixentes para distintas xeracións tres décadas despois. Un ano despois deses concertos, e tras unha mini xira por varias cidades galegas, chega o documento audiovisual en forma de libro disco con CD e DVD (que inclúe 8 temas máis, como as imprescindible “Sementeira”). Na banda, Guillerme Fernández, Benxamín Otero, Roi Adrio, Simón García ou o cuarteto de corda Saiva Nova; entre os invitados, Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní, a Nova Galega de Danza e Sabela Rodríguez. Por salientar algunhas pezas, no cedé soan magníficas “Nana para un amante”, “Canto de seitura”, “As pachocas”, “Cantar de cego”, “O carro”, “Brazos prá seitura” ou “Cantiga de berce”. Por citar algún “pero”, a ausencia de Mini e Mero (fundadores de Fuxan e d'A Quenlla) e que e edición non sexa totalmente galega, pois edita BOA a traverso da súa colección Do Fol. ( www.dofol.es ). Pepe Cunha 17-novembro-09

micah p hinson all dressed up and smelling of strangers

Tras o magnífico ‘…And The Red Empire Orchestra' do pasado 2008 (abretedeorellas.com/discossetembro08_1.htm ), o songwriter atormentado continúa cun disco de versións. Este tipo de propostas xa resulta pouco atractivo no mercado actual, pero o Hinson non é dos que o fan por cumplir ou cubrir expediente. Canda menos, a súa personalidade e peculiar voz espertan un merecido interese, xustificado cunhas sorprendentes e perturbadoras “While My Guitar Gently Weeps”, In The Pines (Leadbelly) ou “Listen to Me” (Buddy Holly). Versiona composicións con significado para el, tanto de lendarios - Bob Dylan, Leonard Cohen, Roy Orbison ou The Beatles- coma de contemporáneos a (re)coñecer -Emmy The Great, Pedro The Lion ou Centro-Matic (“Not Forever Now” é do mellor do álbum). Dividida en dous volumes con cadansúas oito cancións, esta ediciónamosa unha primeira parte de corte máis espido e unha segunda máis eléctrica e ecléctica. Todo un disco de contrastes: o familiar e o descoñecido, o vello e o novo, tristura e feliciade. Hinson mergulla nas pezas para logo refacelas á súa maneira (un “My Way” de voz rota), en algo máis achegado ao seu estilo. En xeral, consígueo, facendo deste un produto tanto para neófitos coma para seguidores, que de seguro quererán máis composicións propias. Edita por estes lares houstonpatyrecords. Pepe Cunha 17-novembro-09

5 duros 12 cortes

Formada a principios desta década en Granada, esta banda dá un forte paso adiante coa continuación dos álbumes "Aun brilla el sol" e “Con las botas puestas". Precisamente deste último xa os daba a coñecer cun dos temas soando coma sintonía do programa de La2 de TVE "No Disparen Al Pianista". “12 Cortes” está gravado nos estudios Gismo 7 de Paul Grau e a masterización levouna a cabo Greg Calbi en Nueva York. O seu son é contundente, nítido, melódico, entregado, mais sen segredos: un estilo reminiscente do rock clásico dos 70, especialmente o hispano a cabalo ente os 70 e os 80 “non movida”, con nomes coma Leño, Asfalto, Triana, Coz, Bloque … Porén, a súa proposta clásica mantén o tipo coa forza da xuventude dos membros da banda e un salientable vocalista. Amosan unha entrega, autenticidade e paixón que a xeración destes tempos máis "brandos" ou asépticos probablemente descoñeza. Defenden medios tiempos cercanos ao rock duro -“El hombre del tiempo”- e mesmo ao heavy -“Hechos para recolectar”; ao blues rock -“Hoy no es un día para deprimirse”- ou rural -“Leales al sur"; tampouco falta un aire boogie en “Regreso con vida”, ou a balada “El fin”. Nunha colección que comeza con moita forza para ir perdendo pegada, destaca esa clara homenaxe ao rock andaluz que é "Eres parte de mí", coa presenza do mestre Enrique Morente. myspace.com/5duros Pepe Cunha 17-novembro-09

manoel macía rozando burbujas

Disque este é o primeiro disco oficial deste guitarrista que recoñece influencias de Renbourn, Reindhart, Howe, Hackett e Fripp, e que coñecemos polas últimas gravacións de Caballero Reynaldo (ver arquivo de discos). Mais tamén colaborou no primeiro disco de Galadriel e foi compoñente do Guitar Craft (escola de formación de guitarristas fundada por Robert Fripp, líder de King Crimson). Procurando información, descubrimos que asinou tamén traballos como 'Lizard Music' , 'Caos Sensible' e 'Cielo Profundo' (2006), predecesores destas 14 composicións instrumentais dificilmente clasificables, pois apañan ropaxes de ambient, folk, progresivo, jazz ou ragtime. Unhas veces agrada e outras chega a confundir, consecuencia da total liberdade do seu JuanPalomismo -el mesmo encargarse das guitarras e das programacións. Iso si, Luis González (Caballero Reynaldo) colabora programando percusións en dous dos mellores cortes: "Nudos" e "Medusa". Un traballo ben orixinal, de exploración, ecléctico, co risco que iso supón para chegar a moito público, algo que, de seguro, non preocupa nin a Macía nin ao selo que o edita: Hall of Fame records. Pepe Cunha 16-novembro-09

5 duros

manoel macía

fuxan os ventos
12 cortes
micah p hinson
all dressed up and smelling of strangers
rozando burbujas
terra de soños