

óscar fojo y el viejo caracol con la casa a cuestas
A gravación e publicación deste álbum é o premio ao primeiro posto no I certame de cantautores da plataforma cultural Xpressionk. Tras moitos anos de baterista en diferentes formacións e sempre acompañado dun inconformismo punk e urbano, o ferrolán Óscar Fojo colleu hai uns anos a guitarra para expresar a pé de rúa as súas inquedanzas líricas: “cancións de distinta temática centrada en el amor, en el odio y en muchas más disfunciones de carácter humano”. Mais como ás composicións acaíalle unha banda que as arranxase, a principios do pasado ano apareceu El Viejo Caracol. “Con la casa a cuestas” é o resultado desta simbiose e un intenso día de gravación no estudio de gravación MANS, grazas á Deputación da Coruña e a Fundación Paideia. A pesar das premuras de tempo na gravación, ou probablemente grazas a elas, a produción resulta máis fresca e acorde a unha proposta de rock de autor urbano, de poesía sombría e cotiá que cheira a rúa (“La orilla donde todo el mundo orina y se respira peor”, canta en “Sube la ventanilla”) ou a cara B da vida, porque “da alergia tanta alegría” e prefire “estar fuera de corriente” (como cita en “Hoy”). No musical, a banda procura certa variedade estilística co rock como base e algúns pequenos matices benefician a escoita: a intro de “Al viento santo”, a harmónica de “Hoy”, a zanfona que abre “Del nicho al amor” e domina a epitáfica “Jaco de cartón” e ademais dos medios tempos e as baladas mesmo atopamos country & western en “No doy más de mí”. As cancións son máis directas, como “Mundo guai” e “Conversaciones con un espejo”, que non chegan aos 2 minutos, ou máis elaboradas e densas, como “Del nicho al amor”, do máis interesante deste debut de media hora. Imposible non mencionar a influencia e inspiración innegable de Los Enemigos, e máis cando a voz de Óscar lembra tanto á de Josele Santiago. Porén, a sensación que lle queda a un servidor é de que en próximas entregas é capaz de ofrecernos un discurso máis de seu. Ah, a bonita portada é do artista ferrolterrán Leandro. En definitiva, unha digna e prometedora tarxeta de presentación. Pepe Cunha 2-novembro-09
caballero reynaldo tamoxifeno funk
O proxecto musical de Luis González -tamén responsable do noso apreciado selo Hall of Fame- chega ao seu undécimo disco e faino coa continuación do “Hispano Olivetti” de hai dous anos. Así, volvemos recuperar dez composicións de Malcolm Scarpa nas imprevisibles mans de Caballero Reynaldo en algo máis de media hora de música coas narracións intercaladas a cargo de Aníbal G. de pequenos fragmentos do libro “Que te debo, Jose?” do propio Scarpa. Acompañando a Luis González (voz, baterías, teclados, programacións, guitarra, baixo … ), atopamos músicos habituais nas súas gravacións como Manoel Macía nas guitarras e Marieta Tamarit nas voces, e novas incorporacións como Teddy Baxter no baixo e Nick Markham nas voces. En tempos nos que moitos nos tomamos tan en serio certas propostas e análises musicais, por que relaxarnos cun exercicio de xogo e reivindicación ao mesmo tempo? E nese caso, ¿que mellor que escoitar a Luis G., músico melómano (non é tan de perogrullo a frase) e desprexuizado coma poucos, reinterpretando a un estupendo compositor como Malcolm Scarpa? Mais finalmente pregúntome eu: onde comeza o funk desde o jazz e antes de chegar ao pop? Aquí vale case todo, afortunadamente, así que a min déixenme bailar co funky de “How My Heart Sings” e “She Was A Little Gem” ou relaxarme co balanceo de “Do The Baccarola”. Pepe Cunha 1-nov-09
el mentón de fogarty venimos subidos en norias
Sen que un aspecto teña que estar rifado co outro, poderiamos dicir que este quinteto bilbaíno chama máis a atención polos apuntes extramusicais que pola orixinalidade da súa proposta. Enumeremos: son autores da música de cabeceira da serie de ETB2 'Euskolegas', fixeron o himno do equipo de baloncesto da súa cidade, tocaron no descanso da última final da Copa do Rei de fútbol e o seu debut "Días rojos" foi o segundo disco máis vendido en Biskaia no 2007. Mais no verdadeiramente importante, fican no lado menos arriscado dos referentes que citan: "Tequila, The Beatles e Los Rodríguez y en general cualquier grupo que adopte nuestra idea de canciones frescas y directas, interacción de la música y la letra (la letra dice lo que la música le cuenta que tiene que decir): los cinco elementos puestos al servicio de la canción." Quen se cualifiquen como afeccionados ao "pop español" valorarán máis positivamente a súa procura da melodía pegadiza, directa, sen fendas nin aristas e conformaranse cunhas letras que tampouco mergullan en complexidades líricas. Citando os dous extremos do álbum, esvaran cos "dejes" flamencos de "Vamos a bailar" e dan no clavo en "No puedo dormir", o primeiro sinxelo. A boa man de Kaki Arkarazo non pode sacar máis brillo a unha colección de cancións que se dilúen xa na primeira escoita. O primeiro sinxelo e vídeo-clip é "No puedo durmir" ritmonet.net. Pepe Cunha 1-nov-09
bobby bare jr. american bread
O novo EP do de Nashville é unha recreación de cancións de America e Bread, dúas bandas do “denostado” soft-rock dos 70.De America, “Venture Highway “, “I Need You” , “A Horse with No Name” , “Sister Golden Hair, Alpha” e “Sister Golden Hair, Beta”. Dos Bread, “Guitar Man” and “It Don't Matter to Me”. Segundo el, as versións son un xeito divertido de dicir algo sobre o teu propio gusto musical ou falta de gusto. Así, proponse apertar as cancións cun brazo mentres co outro, e co mesmo entusiasmo, anda ás labazadas. Da mítica”Sister Golden Hair” atopamos dúas versions totalmente contrapostas, unha alfa e outra beta, unha doce e outra ruidosa, reflectindo unha fluctuación entre un country alternativo e un compositor indie rock dos 90, mesturando o lo-fi cun agarimo codas raíces e, xa que logo, amosando un salientable dominio estilístico. Os discos de versións adoitan ser pouco sorprendentes ou aproveitables, agás cando son acometidos por artistas con talento. Bobby Bare Jr é un deles. Junket Boy /Houston Party Records Pepe Cunha 2-novembro-09


