discos
comentados en novembro 2008
máis en arquivo

elastic band boogie beach days

O disco debut desta banda granadina é toda unha collage sonora. Un divertido traballo de estudio con sabor artesanal e, canda menos, 2 cancións irresistiblemente bailables: "Smokin' & trippin'" e “My Right Time”. Ben liderados pola boa voz de Pablo Román e nunha filosofía afín ao Beck máis hedonista e vacilón, viaxan con coñecemento e devoción por unha gran variedade de estilos: funky, pop clásico, rock, electrónica, psicodelia, folk, disco, e incluso lembran cortes de bandas sonoras de series ou películas. En definitiva, case 40 minutos en 15 cortes para unha festa-revolta contra o tedio. Cómpre mencionar tamén o deseño e a man na produción de Mike Pelanconi e preguntarse…como levarán esta amalgama da gravación ao directo? En MySpace: myspace.com/elasticparty. Edita Rock-On (www.rockonmusic.net ) Pepe Cunha 11/11/08

few days later your voice is my intoxication

Por gañaren o I concurso galego de maquetas patrocinado pola marca de whiskey dos 100 gaiteiros, esta nova banda lucense ve editado e promocionado este primeiro álbum. Claras influencias do punk-rock americano e sons post-hardcore, bandas tipo Blink 182, Sum 41 … e as esperables forza e enerxía da súa xuventude, e que de seguro reflectiron na final do concurso,mais non engaden un discurso cun chisco de novidade ou calidade. Por citar 2 bandas do panorama estatal, entre uns El Canto del Loco menos edulcorados no son e as claras limitacións idiomáticas, vocais e a influencia estadounidense nos primeiros Dover. O bo é que son ben novos e só poden crecer, mais un lembra outros debús moito máius afortunados (Catpeople, Niño y pistola, The Blows, 5 PM). Edita Falcatruada. http://www.falcatruada.com. En MySpace: myspace.com/fewdayslater. Pepe Cunha 11/11/08.


damien jurado caught in the trees

Este salientable cantautor folk independente saído de Seattle, partiu dun obvio impacto de Nick Drake para irse logo achegando a nomes máis personais e impredecibles como Neil Young, Randy Newman, Bob Dylan ou Lou Reed. Sen saírse da súa liña habitual o seu décimo álbum do canadiano procura un chisco de novidade coa maior presenza da voz de Jenna Conrad. Ademais liricamente tomouse máis tempo para aparcar as súas historias escuras en primeira persoa e completar un álbum cheo dunha musicalidade agradable e unha narración viva, intensa e interesante. Aínda que hai un par de cancións nas que “rockea” un pouco máis, como “Gillian Was a Horse”, domina o downtempo , co protagonismo dos acordes de guitarra e ben calculados detalles de percusión, outras cordas e pianos. En MySpace: myspace.com/damienjurado ; Edita Secretely Canadian.com; Distribúe en España Houston Party Records. Pepe Cunha 11/11/08

ataque escampe galicia es una mierda

Comezamos a tratar de álbumes dispoñibles na Rede coa penúltima esperanza da música popular feita en Galiza. Estes mozos de Vista Alegre (Compostela), recollen en parte o testigo do humor, a retranca e a ironía do país duns Resentidos ou Siniestro Total mais locen a bandeira do “rock de serie B”. Tras o debú “Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos” (2006), neste segundo álbum desenvolven ese rock acústico que combate a precariedade con imaxinación, ironía, provocación (desde o mesmo título do álbum), autoproducción e derrubo de prexuízos. Nos textos amosan os seus contextos xeracional (“Akira Toriyama”), xeográfico (“Canción para pechar o Ruta”, “Vista Alegre”) ou social (“Sobre a cuestión nacional” ou “Galicia es una mierda”). No musical móvense entre cheiros de Violent Femmes, Neil Young, Los Panchos, Andrés Do Barro e outras herbas. Coma provocadores de seu, acadan tantas filias coma rexeite, pero poucas medias tintas. Podes sumarte ás máis de 11000 descargas ou mercalo no formato físico en http://www.aregueifa.net . O seu MySpace é: myspace.com/ataquescampe e o seu blog: ataqueescampe.blogspot.com/ Pepe Cunha 11/11/08

damien jurado

few days later

ataque escampe
elastic band
caught in the trees
your voice is my intoxication
galicia es una mierda
boogie beach days