discos
comentados en marzo 2009
máis en arquivo

la pegatina vía mandarina

Xa falamos neste portal do seu debut “Al carrer!” ('07), autoeditado, autoproducido e autodistribuído. Desde entón, curráronse moitísimos bolos nunha xira que rematou ateigando a barcelonesa Apolo. Agora presentan unha continuación que se antolla lóxica consecuencia do seu traballo e entrega. Conservan a vitalidade e frescura da súa rumba urbana, enriquécena instrumentalmente con acordeón e trompeta, seguen a producirse eles mesmos e outra vez reciben salientables colaboracións, agora as de D'Callaos ou El Puchero del Hortelano, así como os consellos do Manu Chao, entre outros nomes. Aquí non atoparemos nada sofisticado ou novidoso, pois a súa proposta é directa e claramente enfocada ao desfrute no directo, con 13 temas máis un bonus-track para bailar nas coordenadas mestizas da rumba como fío condutor decorada con chiscos de ska, reggae ou cumbia. En catalán, castelán, galego ou portugués falan de historias da rúa, de ilusións, e dos heroes anónimos do cotiá. Neste aspecto é quizais onde máis se personaliza a súa oferta, debido aos distintos letristas que asinan. Porque sen grandes teorías, tan pronto cantan alegre melancolía “Eu teño morriña/eu quero volver/ a miña terra /que me viu nacer” como reflexionan sobre o lado cru da vida “nadie le había dicho/que las cosas no eran así/que si nada buscas nada viene”. Volven a Galiza o 15 de marzo no Aturuxo de Bueu; o 18 no Café Auriense, Ourense; e o 19 no Salón Parroquial, Pontecesures. A comuñón co público está garantida. myspace.com/lapegatina. Pepe Cunha 2-marzo-09

dr.explosión ¡¡chupa aquí!!

Os afeccionados ao garaxe están de noraboa: os carismáticos Dr. Explosión regresan e fano con forza . Tras cinco anos sen novas gravacións, o trío asturiano presenta un sétimo álbum de máis calidade e mellor son , co propio Jorge Explosión curtido coma produtor nos seus Estudios Circo Perrotti. Os 12 cortes están gravados 100% analoxicamente, con aparellos vintage e mesturados en mono. O resultado son auténticas descargas, directas e tan inmediatas coma o recordo que temos das súas actuacións. No esencial mantéñense fieles aos 60, cos 3 minutos coma tope, xa sexa viaxando polo garaxe-punk, o beat, o rhythm&blues ou o pop. De feito, defenden o rock and roll como algo visceral i emocionante en contraposición ao “aburrido” rock. Ademais dos previsibles temas proteicos como “All Mine” ou “She Broke My Heart” tamén destacan en medios tempos coma “ Worries” ou “Sorry”. O lugar para o seu saber e erudición vén da man das versións do "She don't care about me" de los Byrds , o ‘Summer sun', duns suecos The Beathoveens, así como a adaptación ‘Chesterfield Childish Club d o "Night of the Phantom" de Larry & The Blue Notes. Ante tales contido e presentación física do álbum imitando os vellos LPs, case doe facerse coa edición en cedé en detrimento do vinilo. Agora veremos se manteñen o nivel nas táboas: o 20 de marzo na Mardi Grass da Coruña e o 21 en La Iguana Club de Vigo. myspace.com/drexplosion. Pepe Cunha 2-marzo-09.

aíd jugando

Nacida no 90, esta moza viguesa non é unha rapeira ao uso: estuda “teleco”, xoga tenis i é locutora (no “Moito de aquí e pouco de alá” de Radio Piratona.) Pisa con forza e seguridade, pois o seu vén de atrás, desde que comezou aos 11 anos cos bboys e graffitteiros do instituto até gañar o IV Concurso Heineken Greenspace no 2008. O álbum debut chega coa produción de El Puto Coke (líder do colectivo Licor Kafé) e apóiase en bases clásicas de soul, funk, disco ou jazz para compartir connosco as súas sensacións. Resulta comprensible preguntarse qué nos pode contar unha moza tan noviña (“claro, que es un problema de esta sociedad/más de uno que confunde experiencia con edad”), mais é realmente salientable a credibilidade e lucidez das súas letras. “Tú puedes” é todo un canto á procura de emoción, ás ganas de sentirse viva; “Boogie Vigo” é a súa declaración de principios coma inqueda rapeira viguesa; “Escucha la gente” é unha chamada de atención cara ás inquedanzas da fauna urbana, coa colaboración de Wöyza (outra realidade da escena da contorna viguesa) e El Payo Malo; ”Non importa” anima a sobrepoñerse e actuar e “Ai non” constitúe unha oda hip-hopeira á noite urbana. Nesta última atopamos unha das frases definitorias do disco e da propia Aíd: “Non teño flow, o que teño é xeito”. Case unha hora dá para moito, especialmente para caer na reiteración, aparecendo eses cortes prescindibles, por repetitivos ou eclipsados (“Mi mochila”, “No me lo pueden quitar”). Porén, estamos perante unha moi positiva carta de presentación. myspace.com/aid8990 ; Edita Falcatruada. Pepe Cunha 2-marzo-09.

clem snide hungry bird

Disque se desfixeran dun xeito tenso alá polos tempos de gravación destas cancións, polo que esta publicación pode soar a rentabilizar os gastos. Aínda que dende aquela Eef Barzelay sacou un par de meritorios álbumes en solitario, a finais do ano pasado a banda semella que se deu outra oportunidade. Xustificacións aparte, o que importa é que case tres anos despois a banda segue adiante e estas gravacións ven a luz. Son dez temas nos que co sarcasmo de seu falan de historias do lado difícl da vida e o amor. Arredando o seu lado máis pop e directo, estes Clem Snide soan máis contidos, menos agresivos, cun volume máis suave, pero non por iso máis doces ou amables. Si, ás veces soan encantadores, nostálxicos, delicados, pero outras desacougantes, quizais pola presenza na produción de Mark Nevers, responsable da cara máis intranquila dos Lambchop. Con estas bases, resulta un álbum algo irregular, no que si atopamos moi boas cancións (o amor vestido de folkie "Beard of Bees", “Our Time Will Come”, "Born a Man", ese góspel de "Pray” apoiado nun melodioso piano...), pero tamén cortes máis difíciles que non acaban de funcionar, como "Encounter at 3 AM”, co recitado do poeta Franz Wright, e "The Endless Feelings", violentada por uns incómodos arroutes de guitarra. Non é o mellor disco da banda de Barzelay, mais o seu material sempre é interesante e esta recuperación entretén a espera de novas e máis asentadas mostras da súa valía. Con esa melancolía que desde o indie é capaz de conxugar vintage pop, cool jazz, country e folk asinan un disco notable. www.myspace.com/clemsnide Pepe Cunha 2-marzo-09 Pepe Cunha 3-marzo-09.

aid

dr. explosión

la pegatina
jugando
¡¡chupa aquí!!
vía mandarina
clem snide
hungry bird