

the pains of being pure at heart the pains of being pure at heart
O debut destes neoiorquinos é un disco ideal para acender o debate sobre o revivalismo, as lindes entre o plaxio e a influencia, a frescura da proposta etc. Os seus sinxelos foron recibidos con entusiasmo polos seareiros do noise pop, do selo Creation, daqueles tempos do shoegazing e nomes coma Another Sunny Day, Ride, The Field Mice (“This Love is Fucking Right” é unha clara referencia). Un fondo de melancolía, esa produción abafante sobre unha luminosa melodía, unha voz relaxada e un baixo con tanta presencia como en “Come Saturday”. Asemade, quen apostan pola desconfianza ou a contención ante tales eloxios, xogan ás comparacións e a especularen sobre que grupo “calcan” en cada canción: que se My Bloody Valentine en “Stay Alive”, The Jesus and Mary Chain en “Gentle Sons”, The Pastels en “Hey Paul”... Porén, non resulta inxenuo pensar que de ser editado a principios dos 90, estariamos falando dun referente do noise pop. Revivalisimo? Pois benvido sexa se o disco está ben servido das ensinanzas dos orixinais e as cancións funcionan como “Stay Alive”, "Young Adult Friction" ou “Everything With You”, aínda que o álbum adoeza dun chisco de variedade nas liñas dos temas, como a que aporta “A Teenager in Love”. myspace.com/thepainsofbeingpureatheart . houstonpartyrecords.com Pepe Cunha 19-maio-09
noise box locked up in a human body
Formáronse en Murcia a comezos de século e acadaron bos resultados en diversos concursos ao tempo que foron colándose en festivais, onde, tras escoitar estes temas, deducimos que debe prestar ben o seu traballo. Amosan unha grande influencia do indie rock dos 90 e do dream pop, de nomes como Smashing Pumpkins, Radiohead, Ash, Nirvana, And you will know us by the trail of dead ou os mesmos The Cure, en cuxo homenaxe español participaron con “Play For Today”. Con produción propia e de Raúl Manrique de Lara (Second), apostan por un son de nivel internacional, cun resultado case tan impactante como a portada. Así, as guitarras e a sección rítimica soan contundentes, as melodías ben cargadas de enerxía, cun toque emo, sons melancólicos e atmosferas envolventes. Asemade, contan con colaboracións como as de Juanma de Schwarz no moog, Marina de Klaus&Kinski ou Alondra Bentley para achegar máis matices ao disco. “We're Made of Sand” ten ese ar de rock algo grandilocuente, de estadio; “My Evil Twin” é un single potente (vídeoclip); “Doublefeel” mestura con gusto Nirvana e The Cure, mais o disco faise longo por algo reiterativo e sobrecargado. Coas directrices ben asimiladas e un máis ca digno digno resultado sonoro, acaeríalles ben un chisco máis de personalidade propia e, se cadra, a cuestión idiomática podería ser un factor diferenciador. Pepe Cunha 19-maio-09 myspace.com/noiseboxband ; edita www.baillomusic.com / anewlabel.com Pepe Cunha 18-maio-09
idealipsticks radio days
Eis un deses discos “made in Spain” por riba da media da oferta independente española. Si, deses que poden aspirar a saír das fronteiras españolas con máis xustiza ca outros que fan o camino inverso. Se o seu adianto tiña xa boa pinta, con actitude e forza a eito, o álbum debut abafa con descargas roqueiras bailables, retrousos pop, directos, e unha aquelada alternancia nas voces. Liberan as cancións do accesorio para facer bailar sempre coa convincente voz de Eva e a guitarra de Jave coma sinais de identidade. Sempre nos parámetros do rock (setenteiro, punk, garaxeiro) beben de moitas fontes: Yeah Yeah Yeahs, os primeiros The Strokes coma penúltima mostra da tradición neoiorquina, PJ Harvey, o pop guitarreiro dos Kinks (en “Don´t You Love Me Anymore” copian un riff de “All Day...”), a new wave duns Pretenders reflectidos por momentos na voz e actitude de Eva ... Aquí hai gancho, forza, personalidade, desenfreo, moito baile, riffs e ritmo ben marcados. Entre os temas máis salientables, o punk sobrevoa cancións coma “Love Destroys All” ou “There is No Music At Home”; “ Wet to the bones” viaxa ao disco; “Bitch & Whore” ou “Frozen Head” baixan un chisco o ritmo sen deixar de provocar as cadeiras. Dispoñible en CD con once cortes e vinilo vermello cun tema máis. E veñen de gañar o premio rock na 31ª edición do Villa de Madrid. Máis razóns para darlles a proba? myspace.com/idealipsticks Edita Rock on Music. Pepe Cunha 18-maio-09
xazzar històries desencantades
Hai menos de 2 anos recibiamos un disco onde destacabamos a frescura e descaro da xuventude e a formación en escolas de música. Esta rica formación (piano, acordeón, dous violíns, baixo, batería, clarinete e a acolledora voz de Miranda Gas) segue a conservar unha rica variedade de estilos mais crecen no arranxo e acabado das cancións. Afrontan con solvencia os cambios da festa á reflexión e as cancións gañan en arranxos con respecto do seu debut. Nos textos reflicten o carácter agridoce e a melancolía da vida, evidentes no título en “Blanco y negro”, unha das dúas pezas cantadas en castelán. Polo menos, a metade do álbum raia a gran nivel: “Imaginari”, “Si m´espero una miqueta”, “En unes hores”, o ritmo frenético de “Circ reciclat” e “Gipsy blue”, o seu primeira tema en inglés. Esta formación catalan é toda unha celebración de eclecticismo musical: swing, cool-jazz, cabaret, música de autor, swing, klezmer, gypsy, tango e mesmo pop, aínda que en ocasións podan despistar con tanto cambio. Neste caso, quen moito aperta, abondo abrangue. kasbamusic.com myspace.com/xazzar ; www.xazzar.org . Xa teñen 2 vídeos do álbum!!! A velos… Pepe Cunha 19-maio-09
igloo la transición de fase
O seu primeiro traballo homónimo (2005) contiña máis electrónica e o EP seguinte 'Una luz de estío glacial' (do 2006 e tamén en Junk records) semellaba máis escuro. Tras tres anos, Igloo concretan un son propio en 10 novas cancións de enerxía ben contida e textos luminosamente sombríos nos que falan de sentimentos, con enerxía e desgarro poéticos. Probablemente, o feito de seguiren a colaborar intesamente noutras bandas dota aos seus componentes dun salientable crecemento musical que envorcar na idea de Igloo. A consecuencia é un pop-rock propio, ben definido, asentado, elaborado e compacto para escoitar con atención. Coma referencias do pop independente, poderiamos citar un cruzamento duns La habitación roja, Maga (na salientable “Sin mentiras” colabora Miguel Rivera, vocalista dos sevillanos) ou os Piratas para finalmente conseguir soar a eles mesmos. '”Veranos del oso polar'”, “'Desarrollo de la autoestima”, bailable en “Azul casi transparente”, até o egoísmo descarnado de “Informe de daños”, a electrónica de ”Todos somos átomos”; “El pase de la muerte” é o tema máis rocoso e algo emo do disco e primeiro videoclip. Por certo, o título do disco é unha homenaxe ao seu admirado Punset: “Unha vez explicaba os cambios de estado do xeo: do estado sólido, ao líquido e despois ao gasoso, matizando que sempre é un proceso cíclico.” Todo un salto de calidade. ernieproducciones.com www.igloo.name ; myspace.com/iglooeskimos Pepe Cunha 19-maio-09



