discos
comentados en maio 2009
máis en arquivo

quant new adventures in full color

Os membros de Quant teñen a cultura popular coma eixo de entretemento e o mellor pop de sempre coma banda sonora. Do mesmo xeito que ían devorando discos, asistían a concertos ou xogaban ao baloncesto (Ferrol entre os 80 e os 90), hai uns anos tamén colleron os instrumentos para divertirse. E niso seguen, desde agora xa con ese plus de credibilidade que para moitos terá que conten cun CD editado. Como as súas anteriores entregas, está autogravado, autoproducido e autoeditado, co mesmo entusiasmo e coidado amateurismo, a partir duns medios limitados pero ben aproveitados. Asemade, tampouco descoidan os detalles do deseño (a cargo de Alberto e cun bonito libreto con comentarios sobre as cancións) e a imaxe (Rubén ten unha produtora e nunha pista multimedia inclúen os seus tres primeiros videoclips). Canto ás cancións, todas seguindo os cánones dunha melodía marcada, coros e retrousos e poden soar tan clásicas e atemporais como a recuperada “Marta (it won´t last long)” coa voz de Daniel Alonso (O Neno Elliott) nun inglés de verdade crible, máis melancólicas como “Tell Your Mama”, ou pegadizas e con efectos máis modernos como a tamén remozada “Girls, Girls, Girls” tamén da época na que Daniel Alonso xogaba a gravar con eles. Mais hai salientables excepcións á lengua inglesa, como "Ta liste des amitiés brisès" na voz invitada de Amparo e que tamén vira a luz noutra versión, “¿Sabes guardar un secreto?” e “Algo nuevo” (outra das remesturadas-masterizadas...) e unha grata sorpresa: “Ninguén parece escoitar”, salientable tanto polo emprego do galego como polo compromiso da letra en menos de 3 minutos de duración. Nunha proposta pop, no senso máis luminoso e hedonista do estilo (predecibles tópicos do mocear, a diversión asociada ao sol, a praia e o verán), agradécese ese ollo posto na nosa contorna e a procura de máis diversidade dentro dos seus parámetros. Por aí han seguir crecendo, ao igual que na mellora da pronunza nas linguas alleas (véxase aquí un chisco de ollo). En resumo, un disco agradable de pop de diferentes épocas e que podes conseguir nun currado disco físico (5 €) ou en descarga de balde dende A Regueifa, como as súas anteriores entregas.Máis info en quantsounds.blogspot.com . Pepe Cunha 6-maio-09

jean paul breve historia universal

Baixo o nome de Jean Paul se agocha a banda que interpreta as composicións de Raúl Bernal, teclista actual dun José Ignacio Lapido que colabora cantando nun tema e fai un solo de guitarra noutro. Coma este referente, amosa nas súas composicións un forte contido literario, aínda que no musical o seu rock de autor tira máis polo folk. Desde “Viéndolas venir”, toda unha declaración de principios para abrir o álbum, atopamos un herdeiro das maneiras e moitas das influencias de xente como Nacho Vegas. A súa voz non é bonita, senón grave e rota. A banda non é inexperta, senón que está curtida en gravacións e concertos. As cancións non son música de fondo, senón o acompañamento dunha escoita cómplice. As letras non son doces, senón viscerais e agridoces. A gravación non é un minucioso traballo de estudio, senón o rexistro ao vivo de 5 días. O disco non se vende nas tendas, senón na web de Jean Paul o nos directos. Aquí non se xoga covardemente a cabalo gañador, senón que valentemente se expoñen á bella derrota. Unha proposta tan valente merecía ser editado en selo propio: Bartlevy Records. Pepe Cunha 5-maio-09 myspace.com/jeanpauljoue

the handsome family honey moon

O matrimonio Brett & Rennie Sparks debutou hai case 15 anos cunha proposta renovadora do country e o bluegrass. Foron labrando unha reputación álbum tras álbum especialmente desde Through the Trees , o máis celebrado. A partir da súa aceptación, mellor album de novo country para a revista especializada Uncut, centráronse na música coma traballo e comezaron a facer xiras con asiduidade. Coincidindo co seu vixésimo aniversario de voda, publican este seu oitavo álbum de estudio, unha colección de letras evocadoras sobre o amor desde o seu estilo de gótica americana . Sen perder as características de seu (voz de barítono, influencias do Nick Cave de “Murder Ballads”, mestura de instrumentos e ritmos da tradición americana con atmosfera e imaxinería romántica), o dúo presenta agora unhas cancións menos sombrías, aínda que sobrevoe ese barroquismo, o ar sombrío e cinematográfico, outonal e carga poética a eito. En resumidas contas, estamos perante o seu disco máis ecléctico e algo optimista, no que destacan “When You Whispered”, un bluegrass somnolento, a balada pop clásica “Linger, Let Me Linger”, a máis bluegrass “A Thousand Diamond Rings” e máis cara ó pop electrónico “Love Is Like”. “The Petrofied Forest” é unha das mellores pezas, onde a imaxinería da natureza casa cun sensación de perda máis tanxible ou convencional. Si, hai moito de pose e un risco de caeren no impersonal, mais o ton xeral indica que debe ser ben recibido por fans de Smog, Nick Cave, Lambchop, Micah P Hinson. Distribúe Houston-Party. Pepe Cunha 5-maio-09

the joe-k plan Rigan asesino, OLibia vencerá

O rock experimental de Mario, guitarrista da banda Peluze, e o batería César pon todo do revés. E xa desde a presentación física do cedé, cos textos en vertical. Este seu primeiro álbum amosa case unha hora de caos, anarquía sonora, forza, enerxía e contundencia. A súa é unha proposta a recibir ou cunha mente moi aberta ou cun ouvido algo afeito a propostas doutras bandas instrumentais de corte semellante. A pesar de pezas máis asequibles coma “Bongus dei” ou “Monte de Venus”, os ritmos sincopados e os cambios continuos fan deste, por arriscado e extremo, un dos discos máis sorprendentes que podes atopar hoxe na xungla do “non mercado”. Pero atentos: dependendo do estado do consumidor pode provocar tanto vertixe coma mareos ou euforia. A ver se a xente de SinSal se anima e os trae a tocar en directo, que a cousa pinta ben. Todos unos outsiders. Podes descargalo en aloudmusic.com ; soundsinacoma.com. Pepe Cunha 5-maio-09

killus extinción

Desde Vila-real chega esta banda de rock industrial con toques góticos e ciber-punk e unhas imaxe, enerxía e actitude rechamantes. Tras un primeiro disco, God Bless Us (2007), que acadou boas críticas e xiras por Europa adiante (chegaron a aparecer no compilatorio Extreme Degeneration Vol 1 , do selo alemán X-Fusion Music) agora semellan ir a polo mercado estatal. Este segundo álbum gravárono en Madrid, coa produción de Jorge Escobedo, a edición de DFX records e uns textos apocalípticos xa en castelán. Ademais do seu gusto por nomes coma Rammstein, Nine Inch Nails, White Zombie, Ministry ou Marilyn Manson, podemos citar ecos de Depeche Mode, Parálisis Permanente ou Alaska y Los Pegamoides. Agora serán os máis afeccionados ao xénero quen ditarán se cren ou non nos seus textos sobre “El día final”, “La última inyección”, “Extinción” ou “El juego del terror”, porque a contundencia do seu son non semella amosar fendas. Pepe Cunha 5-maio-09 myspace.com/killusgroup

the handsome family

the joe-k plan

quant
honey moon
new adventures in full color
jean paul
breve historia universal
Rigan asesino, OLibia vencerá
killus
extinción