

le punk mátame
Seica toca recurrir ao tópico de que á terceira vai a vencida. Vaia por diante que, nin moito menos, “La logia de la canalla” e “No disparen al pianista” non foran bos discos, mais a nova entrega da banda madrileña saiu victoriosa dunha reestruturación que puxo a proba a forza e convición da súa proposta. As recoñecibles orientacións da banda xa soan asimiladas e o son é máis directo, sólido, algo no que tería moito que ver a produción de Juan de Dios. Este reforzalles a vea pop-rock e fai brillar as boas cancións de “Mátame”. Como non podía ser menos, non perden os sinais dos discos anteriores: os aires de arrabal e tango, a fanfarria, o swing e as boas e convincentes letras e voces de Alfa e Joe, que canta en “Sirena desafinada” e na sobresaínte “He vuelto a amanecer”. Mais agora reforzan as composicións con máis rhythm‘n'blues, ska-reggae, rock, blues e uns magníficos ventos a cargo dos No Reply. Nunhas cancións que resistirían espidas dos coidados do estudio de gravación, afondan nesas historias de perdedores e “perfume barato”, aparece o dylanismo en “Canción del soldado”, a denuncia política na dura “Europa”, cun ben encaixado rapeado de Le Flaco MC, e a balcánica “Partisanos”. O nivel xeral deste álbum merece o recoñecemento popular suficiente para xogar nesa liga das propostas asequibles á par que ben feitas: Quique González, Fito y Fitipaldis, Amaral, Deluxe ou, remontándonos atrás no tempo, Los Rodríguez ou Gabinete Caligari. Coido que non esaxero. lepunk.es ; myspace.com/lepunkmadrid ; fabricadechocolate.com. Pepe Cunha 8-feb-09.
anorak neighbourhood postcards
Este trío de Rubí (Barcelona) debutou hai 3 anos con “A Limited Time Only” e hai 2 continuou co disco de versións "Synthetic Pop Covers From The European Underground". Para este terceiro van máis aló no seu pop electrónico, amósanse máis ambiciosos en intencións e abren o seu espectro dos New Order-The Postal Service cun álbum máis detallado. Atinadamente, non pecan de recargamento e as numerosas colaboracións acadan salientables momentos. Así, Coque Iturriaga (Migala, Num9) en “Yesterday, Tomorrow and Today”; Helena Miquel (Facto delafé, Élena) en “Silhouettes”, facendo un dúo vocal con David Jornet que consegue o pegadizo retrouso dun bo single; a fráxil "Make Me Return" You" con Iris; “Through You” con Guillamino aportando o toque hip hop na onda The Streets; o brit pop dos 90 en “Make Me Return” ... Como apunta o título do álbum ("postais de veciñanza"), no apartado lírico tratan da vida nas grandes cidades dormitorio. Cunha sutil crítica político-social pouco frecuente nun estilo habitualmente hedonista ou nostálxico, falan da perda de poder adquisitivo, as políticas liberias, os sonos que se esvaecen e outros rasgos desa clase media cuxa supervivencia periga. Como agasallo, e nun segundo disco, diversos músicos e produtores remesturan as cancións de Anorak dotándoas de novos espectros. Un disco ben digno. Pepe Cunha 8-feb-09.
danielson trying hartz
A Familia Danielson é un dos combos indie estadounidenses máis orixinais da última década, cunha peculiar proposta que acadou abondas loubanzas, sempre en círculos alternativos, co seu último álbum "Ships" (2006). Aparece agora esta recompilación de material entre 1996 e 2004 na que os neófitos deberán deixar os prexuízos a un lado ou non entenderán nin a metade da misa. E nunca mellor dito, porque o colectivo de familiares e amigos de Daniel Smith canta letras cristiás, iso si, explícitas e ortodoxas, que amosan agradecemento polo cotiá. Liderados pola chiante, infantil ou tenra voz de Daniel, falan de sexo, de televisión ou de non xulgar aos demais ("Don´t You Be The Judge"). No musical móvense por ese folk lo-fi achegado ao do seu amigo e colaborador Sufjan Stevens ou a Deerhoof, ademias de amorsaren aires post-punk e minimalistas. Entre un total de 28 cortes, varios en directo, recomendo comezar polas súas mellores cancións, entre elas "Good New for the Pus Pickers" e "Rubbernecker". Se non funciona, volta a cousas máis convencionais ou habituais. Pepe Cunha 8-feb-09.
chema vargas corazones raros
Na procura dun son máis roqueiro ca no seu debut “Mundo en espiral”, este xerezano residente en Madrid foi gravar nos estudios Circobeat (propiedade de Fito Páez) de Buenos Aires, co productor argentino Guido Nisenson e músicos locais tan destacados coma os habituais de Andrés Calamaro Gringui Herrera o Ciro Fogliatta. Iso si, o disco rematouse en Madrid, nos estudios de Santi Fernández, coa colaboración de Basilio Martí e dalgúns membros de Los Secretos como Jesús Redondo ou Juanjo Ramos. Xa que logo, a calidade da gravación non crea dúbidas. Nin sequera o farán as cancións que, porén, co avance do álbum van perdendo interese pola pouca variedade estilística do intérprete. I é que Chema Vargas é fiel abondo ás súas referencias, mais sen acabar de achegar algo novo, ese aquel distintivo ao seu lugar entre Secretos e Antonio Vega (sorte de padriño seu e salientable partícipe do seu debut) e os seus Nacha Pop. Agradécen os toques máis de pop-jazz de “100 millones de gatos no pueden equivocarse”, as máis roqueiras "Corazones raros" e unha "Sin paradero" máis cerca dun Quique González, o aire de radiofórmula madura (no mellor sentido) de "La ciudad no duerme" ou o resultón sinxelo "Aprendiz de malo", mais corre o risco de quedarse no público de sempre. chemavargas.com ; myspace.com/chemavargas. Epmusica.net. Boomerang Discos. Pepe Cunha 9-feb-09.


anorak
