discos
comentados en decembro 2009_2
máis en arquivo

descarga ao vivo cuba-galiza09

Resumamos a historia: Ramón Pinheiro Almuinha levou a cabo unha investigación musical reflectida no libro "A la Habana quiero ir. La música gallega en Cuba" (Sotelo Blanco, 2009). Coa súa dirección artística, a Central Folque embarcouse na aventura de xuntar os artistas que fusionarían a música galega e a cubana nuns concertos. Co material obtido nos concertos na Habana, A Coruña, Compostela e Vigo, Falcatruada edita este pack de CD + DVD. Falemos agora do musical: o cubano Alejandro Vargas -que pianista!- e os galegos Pedro Pascual e Marcos Teira dirixiron unha orquestra mixta na que figuran o trío de jazz do primeiro, outros músicos cubanos e unha representación notable da actual escena galega, desde Guadi Galego, os Marful ao completo e os Berrogüetto Xabier Díaz e Quim Farinha, até o saxo de Pablo Castanho, pasando polo gaiteiro Edelmiro Fernández e o zanfonista Óscar Fernández. Se a este salientable elenco lle sumamos un repertorio escollido con agarimo, temos os ingredientes para un gran disco. Para o noso gozo, o resultado confirma as expectativas, ao ser sobrada maioría os momentos no que as pezas cobran sentido de seu, deixando que cada estilo domine con naturalidade, xa sexa habanera, rumba, jota, muiñeira, danzón ou jazz latino. Compróbeno en "Rumbas", "Cuba-Galicia", "Empanada de pollos" ou "O indiano". Coma sobremesa, no DVD contamos visualmente non só coas actuacións dos músicos, senon tamén coa dos bailaríns, ademais dun álbum de fotos e unha anecdótica interpretación do mítico "Aí vén o maio" a cargo de Pablo Milanés. Myspace d'A Central Folque. Pepe Cunha 22-decembro-09

the homens cuarta potencia

Aínda que cos EPs autoeditados "1" (2005) e "2" ('06) xa comezaran facerse un oco na precaria escena do pop rock galego, foi co seu primeiro longa duración que o trío santiagués se convertiu nunha das nosas formacións ineludibles actuais. Dado o bo resultado dese seu primeiro álbum "Tres" (Falcatruada, '07), repetiron nos estudios Ultramarinos Costa Brava con Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy...). Iso si, a súa proposta musical mellorou coa incorporación de Cristovo aos teclados, cuxo traballo xa se aprecia desde "Perfecto" ou "Tigre, tigre!", boas mostras de que seguen a soar a eles mais co plus dese "colchón sonoro". Non abandoan o ruído e a enerxía e as referencias seguen claras: pop británico de todas as décadas e a enerxía do punk americano dos oitenta. Si, soan máis pop, como en "Crocanti", pero na amplitude estilística do termo, non no pexorativo senso de “mol”. Coidan máis as melodías, amosan un renovado interese pola psicodelia, atrévense cun chisco de experimentación e dan unha volta máis aos arranxos e textos. Entre os estimulantes 34 minutos, destacariamos tamén a acústica "À la guillotine", o toque nipón de “Nada está tan alto", talvez a menos predecible para os seus seguidores, a inmediatez de “Hamster” ou a combinación da acústica co solido ruído da eléctrica en "Alba nuclear”. Agora toca confirmarmos se o seu directo cumpre con esta gravación. Se aínda non os tomabas en serio, talvez xa estás tardando. Edita o rexurdido selo santiagués Lixo Urbano. myspace.com/thehomens Pepe Cunha 21-decembro-09

dinero dinero

Esta formación básica de batería, guitarra e baixo ten a base de operacións en Madrid e practica unha mestura de rock alternativo e indie bailable que ben podería chegar a un público amplo. Porén, móvense nese terreo case de ninguén, entre o clásico e o indie, comerciais ou pouco interesantes para uns, pero algo diferentes para, desgraciadamente, moitos outros. O seu son é compacto, contundente, e un correcto vocalista interpreta letras sen grandes complicacións pero ben construídas sobre temas tan habituais como o amor, desamor, festas, excesos, relacións sociais, existenciais (“Qué más da”). Abren coa acelerada e directa “El momento perfecto”, seguen con retrousos tan pegadizos como o hit en potencia “UU.AA (Utópicos anónimos)”, "Trastorno bipolar" ou medios tempos sólidos como “Ahora”. Aínda que nun principio podan soar a outras bandas españolas oportunistas, deseguido se aprecia un son ben traballado, auténtico. Poderían, sen problema, abrir para uns Foo Fighters, por citar unha referencia, pero podemos apreciar influencias como Silverchair, Radiohead, Weezer, Pearl Jam, Everclear, Marilyn Manson, The Posies, Queens Of The Stone Age, Bloc Party, Franz Ferdinand, The Killers, The Music, The Strokes, The Libertines... Compróbao no seu myspace.com/dinerodinerodinero. Edita Tricornio producciones e promove promosinfronteras.es Pepe Cunha 22-decembro-09

lovely luna chang y eng

O proxecto paralelo destes dous coruñeses volve cinco anos despois de "Las cosas que nadie debe ver" (Mushroom Pillow '04). Hai un ano, Xoel López (ex Deluxe) preparaba o seu retiro ás Américas. Pola súa parte, Félix Arias paseaba as pezas do seu disco en solitario (“Manchados de tinta”) e o último cos Guru Deva. Para retomar o dúo Lovely Luna, xuntáronse no estudio para preparar este terceiro álbum, coa coprodución doutro galego en boa forma, Juan de Dios Martín. Estas novas dez cancións insisten na súa vertente máis folkie, preciosista e emocionante, esa que chama á calma e á contemplación das historias pequenas que poden chegar a facerse grandes. "Chang y Eng" é pop-folk de sempre, "añejo" ou atemporal segundo a disposición do ouvinte, feito con bo gusto, agarimo e atemporalidade. Nunhas pezas ben espidas de ornamentación, o protagonismo cae nos xogos vocais e nas guitarras acústicas, con coidadas achegas de piano e outros instrumentos como a trompa en "Balada del hombre desesperado y la novia en el río" ou a harmónica de "Borrascón" ou "Usted". Coas aprendizaxes do pop psicódelico británico dos 60 e comezos dos 70, os Beatles, The Band, Simon and Garfunkel, Dylan ou os Cánovas, Rodrigo, Adolfo y Guzmán, asinan o seu disco máis sólido con pequenas xoias como "Parando el tráfico", "El tercer día de abril", "Tan sólo es la vida" ou "Rosa". Autoeditado e dispoñible na tenda do dúo. Pepe Cunha 21-decembro-09

dinero

lovely luna

descarga ao vivo cuba-galiza09
dinero
the homens
cuarta potencia
chang y eng