discos
comentados en decembro 2009
máis en arquivo

cuarteto caramuxo tiruriru

O Cuarteto Caramuxo naceu a comezos dos 90 no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Dentro do seu labor de recuperación do clarinete (instrumento que perdera presencia na música tradicional galega), hai uns anos comezaron traballar no cancioneiro popular galego. Xa no 2006 o seu “Vento mareiro” fora recoñecido cun Premio Casares de Teatro á mellor música orixinal. Máis recentemente, e disque por unanimidade, gañaron o Festival Folk Cancioneiros da Fundación Barrié de la Maza, coas consecuentes dotación económica, actuación con Milladoiro o 17 de maio no Palexco da Coruña e a gravación deste disco o pasado verán. Os clarinetistas Fernando Abreu, Felipe Agell, Óscar Prieto e Xoan Carlos Vázquez –acompañados polo acordeonista Alonso Caxade e a percusionista Patricia Cela- veñen mudarnos calquera prexuízo de solemnidade que poidamos ter sobre este instrumento, sen por iso desprestixialo nin un chisco. Gravado ao vivo e mesturado nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero, “Tiruriru” son 13 reinterpretacións de melodías tradicionais dos cancioneiros galegos, composicións de autores contemporáneos de Galicia feitas expresamente para a banda e melodías inspiradas ou bañadas noutras latitudes (“Xotis romanés”) e estilos, como o jazz (“O demos”), soul (“Invernia”) ou o pop. A súa formación e capacidade expresiva permítelles ser orixinais e espallar frescura e recibir complicidade e, de feito, a definición de Xesús Ferro Ruibal “seriedade divertida” acáelles ben. Serios pola calidade interpretativa e divertidos por gozar e transmitir un traballo sen présas. A fermosa portada é a imaxe “Músico” de Antón Pulido. Paga a pena coñecelos e desfrutalos relaxadamente. Pepe Cunha 2-decembro-09

wild honey epic handshakes and a bear hug

Quen seguides Ábrete de orellas sabedes que adoitamos falar daqueles discos que chegan á nosa cativa oficina para que informemos de que existen e, no seu caso, de que merecen atención. Este disco nin nolo enviaron nin o pedímos, senón que, atraído polo nome da banda –un dos meus discos favoritos dos Beach Boys-, descarreguei este debut que ofrecen de balde con magnífica calidade de son na Rede. Unha vez escoitado e tras saber da súa elaboración artesá, decidín recomendalo como unha pequena xoia do “faino ti mesmo”. Guillermo Farré -baixista dos Mittens- plasmou as súas composicións na casa cos mínimos recursos disponibles e toneladas de agarimo e ilusión. Desde a gravación das pistas até a oficina de vendas do produto final, o seu piso de Madrid foi o centro de operacións. Confeccionadas artesanalmente, 12 pezas pop en media hora de melodías marcadas, abondos arranxos e detalles sonoros (sons de palmas, guitarra, ukelele, triángulo, xilófono, trompeta, timbre de bicicleta) para confeccionar cancións intensas e breves. Entre as referencias, referenciais os Beach Boys dos setenta, o disco blanco dos Beatles, os Zombies do "Odessey and Oracle", os comezos de Carole King ... Vale, até aquí podería parecerse a outros proxectos musicais beneficiados por esta época das tecnologías asequibles, mais o acabado sonoro das cancións vén dado pola mestura en Nashville por Brad Jones (Ron Sexsmith, Josh Rouse). E por se fose pouco, o atractivo deseño de Pablo Serret (Grande Graphix), entre o vintage e o moderno, envolve o LP en fermoso vinilo vermello de 180 gramos, acompañado da versión en CD. Queda claro que poucos recursos poden ser moitos cando están en boas mans. Pepe Cunha 2-decembro-09

pando hands on pando

Este Inglès descendente de alemáns e residente en Zaragoza até non hai moito – xa volveu a Londres-, regresa con 11 cancións a ritmo de blues, country, folk, doo woop, góspel… Semella que nada se lle resiste á hora de completar un àlbum tan repleto de matices. Podemos ler que, a pesar desta imprensión que causa, son poucos os instrumentos empregados, mais a maxia destas cancións está no gusto, a imaginación e a falla de prexuizos de Pando. Ademais da súa versátil maneira de cantar, toca o ukulele e a guitarra e compón músicas e melodías tan adictivas e diferentes como o blues rock “Kill Yourself”, o puro pop de “Been in the Jungle So Long”, “Bad Guy Gets the Girl” ou a sinxelamente folkie “Bricks” onde só se pregunta “de onde saíron os ladrillos cos que se construiu esta casa?”. Neste álbum tan curto como intenso -11 cancións en media hora-, abondan os momentos gratificantes: o contraste ukulele-guitarra eléctrica na introdución “Hans on Pando”, o aire góspel de “Walkie Talkie”, a balada “No Flies On Me”, o momento doo wop de “Pondo”, o violino de Jaime Lapeña, a tuba e trombón de Javier García … Puro entretemento musical. Como aconteceu cos seus anteriores “We Want Pando” e “Snapshots Of Pando”, tiña que ser a entusiasta Hall of Fame, quen editase. halloffame.es/pando.html Pepe Cunha 2-decembro-09

Una historia del pop y el rock internacional-años 60

Outra compilación sobre os 60? Sen dúbida, trátase dunha tarefa farto complicada e as escollas sempre serán discutibles, pois se por algo foi grande aquela década é por agochar moitas composicións pioneiras e unha variedade de maior da que adoitan reflectir coleccións similares. Esta selección confeccionada por José María Iñigo e José Ramón Pardo, como acontecía cos volumes “en España” (tamén comentados en Ábrete de orellas), consta de corenta cancións en dous cedés, ademais dun caderniño de 130 páxinas e moitísimas fotografías da época. Con boa intención, hai presenza da invasión británica (Stones, Animals), o soul de Memphis (Otis Redding, Aretha Franklin, Wilson Pickett), o son da Motown de Detroit (Supremes, Temptations, Four Tops), o hippismo, a psicodelia e as armonías vocais da Costa Oeste (Sonny and Cher, The Beach Boys, The Mama's & Papa's, Buffalo Springflied, The Doors), comezos do rock sinfónico (Moody Blues), bluesrock británico (Cream), jazz rock (Blood, Sweat & Tears), o comezo do folk rock (o “Mr. Tambourine Man“ de Dylan seguido da seminal versión dos Byrds), éxitos de grandes solistas como Bobby Vinton, Elvis Presley, Roy Orbison, Tom Jones, Brenda Lee, Percy Sledge, Del Shannon, Bobby Hebb e o seu superversionado “Sunny” … Se os neófitos descubren cousas e aprenden co libreto, benvido sexa, mais o público curioso e iniciado a penas atopará máis que tópicos e triunfadores das listas de éxitos. Un servidor fai de menos a presenza de nomes co tempo ben influintes aínda que menos populares no momento, como Love, Zombies ou The Velvet Underground. Para facerlles sitio, que tal deshacerse da anecdótica presenza dos Beatles coa menor “Ain't She Sweet” (os permisos discográficos condicionan) e outras cancións como “Multiplication”, “El paso” ou “Greenfields”, que non acadan o nivel para unha selección de 40 temas dos 60. Edita RTVE Música. Pepe Cunha 2-decembro-09

pando

Una historia del pop y el rock internacional-años 60

cuarteto caramuxo
hands on pando
wild honey
epic handshakes and a bear hug
tituriru