discos
comentados en decembro 2008
máis en arquivo

alfredo gonzález dudas y precipicios

Desde Asturias chega unha mostra de rock de autor ben feito, todo un alumno avantaxado de Quique González. Este seu 2º álbum é o primeiro para DFX Records e, xa que logo, cun certo apoio promocional. Pode ser pasto fácil da comparación simplista e os prexuízos, dadas as influencias claras de tanto empaque (Dylan, Cohen, Waits, o xa mencionado Quique González, Nacho Vegas…), mais como renegar de John Mellencamp ou Tom Petty por estaren influídos por Dylan? Se o que importan son as cancións,  aquí hainas e moi boas. Non se trata dun disco nin orixinal nin alegre, mais si de ritmos que espertan a adrenalina, mais si resulta cercano e convincente, con intensa carga emocional, reflectindo esa certa complacencia de estar triste ou melancólico. Tamén meditativo, observa historias cotiás con atención e sensibilidade á hora de plasmalas en cancións que canta convincente, sen perder esa humildade do novel. A interpretación sae ben parada cunha instrumentación atinada a cada tema, como as baladas “Cicatrices de prestado” e “Según los días” ao piano, o rock de “Sigue buscando”, o son caseiro e espido de “Golfo”, os medios tempos con eses aires épicos de perdedor “El último taxi” co afín Pablo Moro ou especialmente “A borbotones”, do mellor do disco con eses latexos baixo a voz tinxida de carraspeira:  “yo que robo de tu piel las coordenadas, que pongo el pecho cuando me disparan, que canto porque no sé respirar”. www.myspace.com/alfredoglez . Edita www.dfxrecords.net . Pepe Cunha 1-dec-08

xoan curiel nai

Este mozo, actor e cantante, que é natural de Fonsagrada mais reside en Santiago, presenta a música resultante dos anos de vivencias, moitas delas rodeado de cantantes, poetas e outros artistas galegos cos que colabora. “Nai” é unha colección de composicións propias adicada en especial á muller e que presenta, en corte básicamente acústica, un chisco de experimentación sobre ritmos afrobrasileiros, galegos, pop, subsaharianos ou árabe. Sen dúbida estamos a falar do froito do seu aprezo pola convivencia coa diversidade e unha enriquecedora naturalidade cara á mesma. Na gravación engade utensilios e sons da vida cotiá, como en “Bágoa de pataca”, un dos mellores momentos do álbum e, sen dúbida, o máis galego. Nun disco do seu tempo, reflexiona sobre a inmigración en “O teu sangue” ou denuncia a falla de respecto á terra, dos abusos do home cara ela e cara a muller. Con cancións como "A chía", a xa mencionada "Bágoas de pataca" ou "Os mares de Marte", "Nai" é outra proposta non só necesaria senón tamén salientable nestes momentos fructíferos da música feita no país. O seu MySpace. Pepe Cunha 1-dec-08

vvaa just like heaven: a tribute to the cure

Se houbese unha premisa para afrontar un bo álbum tribute sería o respecto ás composicións sen por iso deixar de aportar novas lecturas. Aquí acádase un gran nivel para este tipo de edicións grazas á altura destas 16 cancións (+ bonus track) escollidas dos de Robert Smith e a independencia creativa dos intérpretes. Repasemos: Joy Zipper achegan  “Just Like Heaven” ao power pop; Tanya Donnelly & Dylan in the Movies retocan con gusto a atmosfera de “The Lovecats”; “Lovesong” é feita máis latexante por The Brunettes; Kitty Karlyle leva “In Between Days” ao punk pop; “Friday I´m In Love”, “Jumping Someone Else's Train” e “Boys Don´t Cry” e “Close To Me” revístense de densidade con Dean & Britta, Luff ,The Submarines e Elk City respectivamente; “Let´s Go To Bed” vólvese máis electrónica e bailable con Cassettes Won´t Listen”. En resumo, unha adquisición moi recomendable para fans de The Cure, obviamente, e para quen xa estean familiarizados coas orixinais, imprescindible cancioneiro para calquera curioso da música popular das últimas décadas. O disco sairá en xaneiro, mais pódese conseguir na web nunha oferta especial con bonus track e chapiña. A discográfica que o lanza, e á que vos podedes dirixir para mercalo, é American Laundromat Records, da que xa falamos cando o tributo femenino a Neil Young: “Cinnamon Girl - Women Artists Cover Neil Young for Charity”. Escoitade algún tema en myspace.com/atributetothecure ; myspace.com/americanlaundromat . Pepe Cunha 1-dec-08

vvaa

xoan curiel

alfredo gonzález
just like heaven: a tribute to the cure
nai
dudas y precipicios