discos
comentados en abril 2009
máis en arquivo

som do galpom em terra de ninguém

Desde A Moniña, aldea da zona de Compostela, conquistaron o público que os viu ao vivo e gañaron varios concursos, entre eles o da rede Nsaio. A consecuencia inmediata é a gravación deste seu debut discográfico co selo Falcatruada e a elección dos estudios de gravación Casa de Tolos, cos que sacaren o máximo das súas composicións e a súa interpretación, sen recorrer a máis fontes que eles mesmos cos seus instrumentos. É dicir, que non engadiron nada que non pudiesen defender de seu nos concertos. Así, as características recoñecibles e selo da banda quedan ben definidas nunha hora de convincente fusión de funki, reggae e rap: o violín de Brais de Esteban, o rapeado do seu irmán Gael, ese son orgánico, acústico, o ritmo ben marcado e a guitarra mantendo a liña das cancións. Ademais das xa coñecidas “Na cama”, “Dende A Moninha”, “África” ou “Xisco”, destacan o romántico reggae “A rosa do deserto” e a bacilona “Antes de pequeño”. As letras de Gael falan de relacións sentimentais, da explotación do continente nai (“África”), do espírito de loita irmandiña, da xuventude, da perda da inocencia, da sociedade de consumo. Un convincente debut reflexo desta primeira etapa dunha banda que agardamos sigan a crecer musicalmente sen perder nin un anaco da súa personalidade. Pepe Cunha 1-abril-09. myspace.com/somdogalpom

madredeus & a banda cósmica metafonía

O dobre “Metafonía” marca unha nova etapa do proxecto Madredeus, mesmo un recomezo, co guitarrista Pedro Ayres Magalhaes coma único supervivente da formación original. Anteriormente houbera marchas como a de Rodrigo Leao pero a de 2007 foi a máis traumática, pois a carismática vocalista Teresa Salgueiro marchou acompañada de José Peixoto e Fernando Judice. Aínda que tamén segue Carlos Maria Trindade aos sintetizadores, xuntaron para este etapa unha banda completa, A Banda Cósmica, que dese coma resultado unha proposta ben diferente: “deseábamos tocar nuestras composiciones más alto y ante máis personas”. De feito, non só as voces de Mariana Abrunheiro e Rita Damásio tentan de facer esquecer a de Salgueiro, senón que as guitarras eléctricas, o baixo e a batería acadan unha sonoridade máis pop-rock, ben diferente do son acústico da banda portuguesa máis coñecida polo mundo adiante. Ten bos momentos, algúns ben interesantes e fermosos, pero o nome de Madredeus xa non lle acae o máis mínimo. Se anteriormente caían na repetición, “Metafonía” procura unha diversidade musical impensable nun grupo tan portugués. Agora a súa artesanía na composición fai por cheirar a Brasil, ao Caribe, a África ou a un pop rock xa moi visto pero ben facturado. Así, “Metafonía” pode ser cualificado como un traballo ponte, pois componse dun primeiro cedé con temas “Inéditos” e un segundo con reinterpretacións de “Classicos” da banda asinados polo propio Pedro Ayres. ¿Estamos perante un valente cambio de rumbo ou só se trata dun oportunismo tirando á covardía ao non renunciar a gancho do nome Madredeus? Na procura dunha posición equilibrada e un xuízo tirando a xusto, podemos falar dun bo disco entre o pop e a world music porque, probablemente, “Metafonía” non agradará a uns incondicionais de Madredeus reticentes a escoitar outras sonoridades. E ao mesmo tempo, corre o risco de quedarse nun son pouco anovador para ouvintes máis inquedos. Pepe Cunha 1-abril-09

los peces ocho brazos para abrazarte

Lembras a canción “Merodeando” de hai uns catro anos? Foi a que máis soou do disco co que debutaron desde Zaragoza Santi Comet e Clara Téllez. Daquela, produciunos Alejo Stivel, case sinónimo de éxito comercial, e agora, catro anos despois, ese labor recae en Álex Olmedo (máis coñecido por La Naranja China). Este saca brillo a unha colección de cancións pop desas que un desexaría tomasen as radiofórmulas en detrimento dos habituais produtos máis prefabricados e impersoais. O seu empeño é meritorio pois a tarefa está ben complicada e eles conseguen boas cancións, ora íntimas (a balada “Contrapunto”), ora directas (o soul de “Las playas del sur”; Rubén Pozo, de Pereza, regálalles “Déjame vivir”.,), as cancións funcionan unha a unha, sen a habitual pretensión de dar o pelotazo cun sinxelo que xustifique un álbum enteiro de recheo. Independentemente da querencia que un poida ter ou non polo estilo pop de Los Peces, aquí recoñecerá que hai moitos detalles coidados e de bo gusto na estrutura dos temas e no traballo no estudio de gravación: os coros, os detalles de guitarra, as cordas, os teclados, os retrousos ... Nun negocio tocado como o mercado discográfico, a presenza dun padriño faise máis imprescindible ca nunca para darse a coñecer ou, en troques, cómpre contar cunha gran autoconfianza para seguir adiante, facendo aquelo no que se cre e por riba de modas. Por isto último semellan apostar Los Peces, pois teñen cancións maduradas, traballadas unha a unha e merecedoras da boa cara da cualificación de “comercial.” Por citar unha referencia coñecida, se os Nena Daconte gozan de tanta popularidade, as cancións de Los Peces supéranos en méritos. Mais ben sabemos o pouco que adoitan pintar os méritos. Pepe Cunha 1-abril-09

a coruña son 08

O pasado ano celebrouse o certame de canción popular A Coruña Son, unha idea de Algueirada S.L. cuxo alicerce principal con respecto doutros era a do obradoiro dirixido por todo un referente da lírica en castelán das últimas décadas. Don Santiago Auserón (Radio Futura, Juan Perro) escolleu dez das cincuenta cancións presentadas para traballalas cos autores en marzo do 2008. A meirande parte destas mostras da nova creatividade expresada en lingua galega aparecen aquí nas gravacións do directo e co apoio dunha banda feita para a ocasión. Atopamos nomes que xa están a dar que falar, como Chámalle Xis!, O Sonoro Maxín, Tonhito de Poi e outros dos que, desde xa, agardamos novas: Pablo Díaz, Os John Deeres, N@T ou Iria Pinheiro. Ademais da d iversidade de propostas musicais (son, reggae, rock, canción de autor, folk, cabaret ou trip-hop), inclúese o agasallo da versión en galego de “La misteriosa”, de Juan Perro cantada polo propio Santiago Auserón. Agardemos que vindeiras edicións dean tan bos resultados ou mellores, pois o pop lixeiro na liña dun Andrés Do Barro semella seguir como materia pendente. Pepe Cunha 1-abril-09. http://acorunason.eu

los peces

a coruña son 08

som do galpom
ocho brazos para abrazarte
em terra de ninguém
madredeus & a banda cósmica
metafonía