


doctor divago las canciones del año que viene
Difícil tarefa resumir a densidade deste álbum nunhas poucas liñas. Ou máis que difícil, inxusta, pois merecería unha análise canción a canción. Estas 13 novas volven reflectir as abundantes referencias duns auténticos melómanos, referíndome non só ao musical, senón tamén ao lírico, dado o especial énfase que Manolo Bertrán pon nos textos, procurándose un lugar preto dos Antonio Vega, José Ignacio Lapido ou mesmo Quique González, por que non?. Con case 20 anos de traxectoria, acadan nos últimos álbumes, xa con formación máis estable e consolidada, un nivel compositivo que raia a gran altura. Nas súas cancións recrean as agridoces consecuencias das batallas coa esperanza das raiolas de sol e a coraxe dos que seguen a levantarse. Aprenderon, compartiron, loitaron, foron constantes mentres compañeiros caían víctimas das modas ou as tendencias musicais imperantes ("es difícil porque la radio escupe voces vacías,/ música de zapatería", dicen en "Horas y horas"). Eles son corredores de fondo, deses que só saben ser eles mesmos e hai tempo que merecen recoñecemento máis aló do seu Levante natal. Son moitos os detalles a degustar neste oitavo álbum: cancións coa enerxía desbordada ("Frunciendo el ceño" ou "¿Cuándo perdimos el rumbo?"), contida ("El animal protector"), imaxe boxística ("El viejo campeón"), coidados medios tempos ("Mirar por dentro" ou o single "La habitación de Charo", as lembranzas de compañeiros de colexio ("Ezequiel"), a armónica e o deseño de Chumi, unha banda ben engraxada ... En definitiva, cancións que ir saboreando e que defenderán sobre as táboas do Felipop, onde repetirán por méritos propios e cun magnífico álbum baixo o brazo. MySpace.com. PEPE CUNHA 20/04/08
combo dinamo decencia y buen gustoOs coruñeses Mistakens collen novos folgos transformándose en Combo Dinamo. Nestas meritorias doce composicións propias e unha versión ("Libre elección" dos Devo) seguen a apostar polo pop enerxético, ese que pode lembrar aos primeiros Jam e Police ou a outros seguidores da new wave como os Hives ou Franz Ferdinand. A contundencia que aportan dúas guitarras e un novo teclista sumado a un notorio paso adiante na produción fan deste álbum un bo debut que defenden con forza no directo. Abondan os temas de 2-3 minutos, vigorosos e ata acelerados, algúns con tanto gancho como "Más de lo mismo", "Tu luz brillando" ou "Planetas". A excepción á pona "Algo es mejor", un tema máis reflexivo e relaxado que crea boas expectativas cara a posteriores entregas con máis argumentos no musical. MySpace. Edita Wonderland e distribúe Junk. PEPE CUNHA 20/04/08
josé james the dreamer
Nado en Minneapolis, de nai irlandesa e pai panameño, escoita hip hop na adolescencia para pouco despois descubrir os grandes do jazz. En 2000 marcha a Brooklyn, onde case en segredo comeza a escreber, compoñer e cantar. As súas voz de barítono e composicións impresionan a Gilles Petterson, que decide gravalo no seu selo Brownswoodrecordings. Agora, este seu debut "The Dreamer", cun acompañamento musical igual de protagonista ca el mesmo, contén sensualidade, espiritualidade, suaves toques de hip hop, ar de cotton-clubs, swing ("Love") e sobre todo cool-jazz que por momentos lembra a Chet Baker, Nina Simone, Thelonious Monk ou Billie Holiday. Non esperen aquí unha boa voz preparada, máis ou menos edulcorada musicalmente, para asaltar a grandes audiencias. Esta é unha proposta auténtica que precisa de oíntes dispostos a deixarse atrapar. Mais o mellor de todo é que aínda non cumpriu os 30 anos e ten previsto, entre outros plans, gravar cos Basement Jaxx. En MySpace. PEPE CUNHA 20/04/08ruxe ruxe xigantes
Tras máis de dez anos de carreira, os de Aríns xa nin sorprenden nin defraudan, pero si afianzan o bo son que acadaron co anterior "Comercial". Era de prever entón que repitisen no estudio Casa de Tolos con Pai_Música. Así, coa atinada presenza dos metais dos Mañufe Horns en varios temas e o recoñecible sabor da gaita da banda, os doce novos temas manteñen os seus sinais de identidade: o inconformismo de actitude punk (The Clash por sempre) baña un rock de pelexo duro, con influencias de fora pero interpretado con selo da Galiza bravú. o sinxelo "Xigantes" fala de resistencia ("No vello carreiro, /á túa beira estarei/erguerei a fouce/e nunca acougarei") "Ferrallas" lembra a esa escola de bandas de rock dos países celtas. "Rock and roll" é iso, rock do de sempre, sen máis complicacións; a temática inconformista das letras de Vituco, máis cercana que refinada ou complexa, acada o seu punto máis claro en "Ratos mortos" ("E pola rúa hai ratos mortos,/corazóns derruídos e casacallos") ; e hai achegamento ao ska en "Paifoco". Se falamos de rock galego e en galego, Ruxe Ruxe manteñense coma referencia ineludible. Ademais, no peche "Feliz" acompáñanse das voces doutros referentes: Xurxo Souto, Bocixa (Zënzar") e García (Dios que te crew), PEPE CUNHA 20/04/08

