

bellón maceiras quinteto folkfusión
Dous músicos novos, o laureado gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras, decidiron unir o dominio de cadanseu instrumento e o seu coñecemento da música tradicional no 2005. Mais tamén viron que compartían atracción por músicas doutras partes do mundo. Para canalizar esta inquedanza necesitaban de máis músicos e así no 2007 ficharon outros tres tamén interesados en traballar nesa fusión: Juan Tinaquero (Miki Nervio and the Bluesmakers, Mr. Dixie Jazz Band ..) achegou os seus contrabaixo e baixo eléctrico, “Cabe” (Cempés, Mr. Dixie Jazz Band, Harry Navisson, Hot3sss ...) as guitarras e o novísimo Miguel Lamas (Brothers in Band, Harry Navisson...)a batería. Por se fose pouco, Bellón tamén se aplica co saxo soprano para sacarlle aínda máis partido á máquina. O seu debut discográfico non podía ter un título máis significativo pois non engana con respecto do seu contido: a esencia deste quinteto é a fusión partindo dunha base de folk galego. A súa viaxe viaxe musical vai desde o son máis tradicional de “Caldo requente con broa de onte” Aquí hai tango, muiñeira, blues, habanera, jazz, samba ou vals francés. Nunha festa do desprexuizamento musical, versionan a Galliano en “Tango pour Claude” e coquetean con Piazzolla en “28” ademais de empregar o que chaman “espichos”, unha introdución de partes de melodías coñecidas doutros temas, como acontece con Mancini na “Muiñeira de Pontesampaio”. Edita o subselo Do Fol de BOA. Pepe Cunha 05-agosto-2010
víctor aneiros brétemas da memoria
No seu álbum anterior, o guitarrista ferrolá musicara o poema de Ramiro Fonte (1957–2008) “Na barra”. Seica confirmou que a obra do poeta eumés transmite blues, porque agora son sete poemas os que constitúen o núcleo deste seu quinto longa duración. Ademais dos instrumentais que abren e pechan o álbum, “Bule bule” e “Canido blues” respectivamente, Aneiros adapta sete poemas de xuventude e primeira madurez do poeta. "Sirenas da policía", "Lupanar de cristal", "Máis alá", "Autor de westerns" sobre o director irlandés de cinema John Ford, "Vida bohemia", "Un tute á morte" ou "Sombras de Compostela" son de seu títulos significativos, urbanos, que rezuman a ambientes nocturnos, melancolía, personaxes decadentes, sombras, atracción polo abismo… No musical, ademais do seu xa coñecido dominio da guitarra e máis comodidade coa voz e a súa sobria base rítmica actual (Marcos S. Yánez na batería e Víctor Gacio ao baixo), contou na gravación con colaboracións de Javier Vargas na guitarra en “Axúdame” (único poema do álbum que non é de Fonte, senón de Xosé Carlos Caneiro) ou Mauri Sanchis no Hammond. Se no textual hai xa tempo que se afianzou no galego, no musical Aneiros achega máis ca nunca o seu blues característico ao pop e o rock, asinando quizais o seu álbum máis accesible, cunha notable sección de vento a cargo de Roberto Somoza, José Somoza e Fernando Froján. myspace.com/victoraneiros Como acontecía con “Live in Montreaux”, “”Blues do amencer” e “Heroe secreto”, publica o selo éuscaro Gaztelupeko Hotsak Pepe Cunha 04-agosto-2010
nothink hidden state
Este trío de rock alternativo e posthardcore debutara hai 5 anos cun primeiro disco prometedor ("Bipolar Age", 2005), seguiu a crecer con "Spotlights" en 2007 e agora confirman a súa pegada cun terceiro asalto. "Hidden State" foi traballado e gravado en Seattle coa produción de Matt Bayles (Mastodon, Minus the Bear, Pearl Jam), confirmando unha proposta de personalidade e son pouco habituais por estes lares. A contundencia do seu son é máis ca notable, con melodías claras, envolventes, riffs que seguen na cabeza tras a escoita e un magnífico vocalista. Desde o arranque musculoso de "Melting Sun" até o final "See you soon" cun piano que nos procura acougo tras a batalla, sucédense pezas con tanto gancho como o sinxelo ”In a Row” ou a potente "Coleman Fields" con aire aos Foo Fighters, e apuntes épicos e momentos de repouso como "Wherever the river goes" ou esa "My broken lady" que transpira o cansazo tras a batalla: "cause i've walked in these streets for so long". A súa discográfica, a voluntariosa e entusiasta Aloud Music, ten neles probablemente a súa banda máis exitosa cun notabilísimo número de descargas. Probade tamén a escoitalo e se vos gusta, tedes alí mesmo a posibilidade de facervos co CD o vinilo ou mesmo achegar unha doazón solidaria. Só a falta de interese por un estilo decote asociado cunha insolente adolescencia excusaría non probar cos Nothink. myspace.com/nothink; Pepe Cunha 02-agosto-2010
damien lott damien lott
Damien Lott é o proxecto persoal de Carlos Soler Otte, ex da banda Dizzy Noise. Tras gravar no seu estudio caseiro en Valencia entre 2007 e 2009, agora no 2010 presenta este álbum debut producido e gravado por el mesmo. Desde un certeiro primeiro corte, a fantástica "Erase and fall", o resultado dese ensimismamento amosa que as 11 cancións foron elaboradas con coidado, moito agarimo e ideas boas, claras e atinadamente plasmadas, coma se se fechara nunha burbulla musical na que pululan as obras de The Byrds, The Beatles, Hank Williams, Nirvana, Arcade Fire, Weezer, The Beach Boys, Teenage Fanclub, Matthew Sweet ... Servidor engadiría que pode gustar tamén a quen simpaticen con Sidonie ou Nada Surf, por citar unha banda que canta en castelán e outra que o fai en inglés. Isto vén mencionado por mor de que Damien Lott se expresa nas dúas linguas con tan bos resultados como "Quien soy", "Pascua", "Mesa Tormenta", a case psicodélica "Good intentions (go to hell)" ou a folkie "Million Eyes". Un quedou prendado destas cancións con cadansúa vida propia ao tempo que diferenciada das demais, nunha colección ecléctica, pulcra, coidada até o máximo, abonda en detalles de ventos, cordas, coros e melodías. En definitiva, un exercicio pop no sentido amplo do termo e magnificamente executado. Non sabemos se Damien Lott volverá pasar por un proceso semellante, pero se o resultado se asemella a este debut, pagaría a pena. por certo, esta edición hai que agradecerlla ao selo Absolute Beginners. Pepe Cunha 21-xullo-2010
tondra II
As bandas de rock instrumentais non abondan aínda en España, polo que o segundo album destes madrileños resulta salientable xa de partida. Mais isto quedaría no anecdótico se non engadísemos que posúen un son personal e difícilmente etiquetable. Neste traballo titulado sen complicacións nin distraccións -"II"-, chegan a interpretar mesmo sons árabes sen deixar de amosar unha vertente abondo metaleira. Un bo exemplo son os 11 minutos de "Magreb", o máis longo e logrado dos 7 cortes. Unha proposta ben executada, interesante e por momentos realmente cautivadora, con guitarras ora máis pesadas, ora máis imaxinativas e unha contundente base rítmica. O selo Aloud Music invita a descargar o disco de balde (aloudmusic.com/descargas.php) sen deixar de ofrecer edicións en CD e vinilo (editaráse tamén en Alemania, EEUU…). O vinilo é dobre e está dispoñible en 3 edicións diferentes: Normal 2 x 12" negros de 120 gr, Color 2 x 12 transparentes de 120 gr ou Deluxe 180gr 2 x 12" negros de 180 gr. Recomendado para ouvidos inquedos ou afeitos a explorar en propostas menos complacientes ou habituais. Desde aquí anímovos a darlle unha oportunidade. Pepe Cunha 05-agosto-2010
budiño volta
Tras interpretar a súa proposta polo mundo adiante, o gaiteiro de Moaña ofreceu coa súa banda un intenso concerto no Festival de Ortigueira en 2009. A gravación desta actuación constitúe a parte de audio dun atractivo digipack que toma o seu nome do regreso a unha cita de referencia para o propio artista e, en xeral, para os afeccionados á música folk. Nun obrigado repaso á traxectoria do noso gaiteiro máis permeable á innovación, non faltan seis pezas daquel celebradísimo debut “Paralaia”, tres do último álbum de estudio “Home” – “Ortegal”, “Shokran” e “Pedra de Abalar”- e pezas doutros coma “Arredor”, “Nós”, “Galo Galán”, “Fume de Lume”… ademais de dous novos temas, “Volta e “Tradi”. Cómpre salientar unha magnífica produción musical que fai sentir ao ouvinte coma parte do público que presenciou o espectáculo “in situ”. Porén, hai moito máis nun atractivo digipack no que atopamos un DVD que se centra na mencionada actuación de Ortigueira, con imaxes intercaladas das xiras, un tema en directo con Xoel López (Deluxe), unha actuación sorpresa na Praza das Praterías de Compostela e pequenas entrevistas a amigos músicos coma Kepa Junkera, Mercedes Peón, Xoél López, Jorge Pardo ou os escoceses Donald Shaw e Karen Matheson de Capercaille. Por certo, o encargado da dirección audiovisual foi o realizador galego Quique Otero. Por se fose pouca a xenerosidade e calidade, “Volta” comparte un extenso libriño con fotos e apuntamentos dunha xira mundial: Bos Aires, México DF, Oriente Próximo, Europa e finalmente Ortigueira. Sen dúbida, “Volta é unha noite en Ortigueira / Volta é un agasallo para a miña xente”. Edita Falcatruada ; myspace.com/ xosemanuelbudino Pepe Cunha 04-agosto-2010
narf e manecas costa aló irmao!
Manecas Costa é un cantante de fermosa voz, compositor e músico virtuoso (guitarra, baixa e a ‘tina' ou tambor de auga) de Guinea Bissáu, moi vencellado ás tradicións da súa terra pero ao mesmo contemporáneo, atento ás tendencias musicais do mundo. Narf (Fran Pérez) é un músico galego con tendencia á aventura que xa no seu segundo disco, “Tótem” (2007) amosaba influencias africanas e brasileñas sobre as súas melodías de pop. Estes dous músicos de mentes inquedas e corazóns abertos atopáronse tras actuaren por separado e sentiron a necesidade de crear xuntos e compartir esta experiencia para que “o público veña con nós mentres dure o concerto a ese lugar no que non hai preocupación, no que só hai felicidade”. “Aló irmao!” é o primeiro resultado da súa proposta entre sinxela e innovadora que transmite a calidez dunha gravación ao vivo (16 e 17 de xuño de 2009 no Teatro Principal de Santiago). Ademais dos 12 temas do CD, cantados en galego, en portugués, en crioulo, en machopi ou inglés, achegan un dvd que recolle o concerto, no que tamén participa o percusionista mozambicano Celso Mahuie. “Aló irmao!”, é unha proposta creativa aparentemente sinxela, de encontro e encaixe, que procura a emoción baseándose nas guitarras e nas palabras. Un ten certa debilidade polas composicións de Manecas “Nha mame” ou “Irmón di terra”, pero os temas construídos con poemas de Sonia Sultuane “Palavras” ou “Quero ser tambor” de José Craveirinha, as letras de Xelís de Toro “O tren… marchou sen facer ruído” ou “Woman rain”, e as composicións conxuntas coma “Esta noite”, tamén invitan a deixarse levar por esta viaxe. Producido por Nordesía e editado por Falcatruada. myspace.com/aloirmao Pepe Cunha 04-agosto-2010





