portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
11/04/2019
The Soul Jacket "Plastic Jail"
06/04/2019
Sés "Rabia ao silencio"
20/03/2019
o Fisterra Blues celebrarase do 28 ao 30 de xuño e participarán, entre outros, Los DelTonos, Morgane Ji e Víctor Aneiros
17/03/2019
o novo Budiño cumpriu na Sala Capitol, 15-marzo-2019
12/03/2019
Vudú "Vol. III"
11/03/2019
Óscar Quant presenta o seu libro "Bailando sobre el parqué"
Budiño "Fulgor"


Seis anos desde o último álbum en estudio (“Sotaque”) de por si creaban expectativas abondas para o novo álbum de Budiño. Entre ambos, tivemos a estupenda reedición do mítico álbum “Paralaia” no seu vinte aniversario, a súa xira correspondente e tamén algunhas ocasións nas que o moañés se animaba a cantar. E isto hai que sinalalo desde o principio: a novidade máis rechamante deste disco novo é que deixa a gaita e colle o micrófono. Un mínimo de atención aos seus traballos amosaba que era máis que un gaiteiro, frautista e compositor de músicas excelente. Agora escrebe tamén textos e é quen de defendelos cun novo instrumento para el. Se @s compañeir@s artistas o animaban é que algo vían.

Tras o certo receo inicial, a súa voz vainos convencendo e xa podemos comezar a nos centrar no novo material. A presencia de cancións nos discos de Budiño non é unha novidade, pois xa contara con colaboracións de Xoel López, Mercedes Peón, Antonio Zambujo ou Luis Tosar e textos de Antón Reixa, Carlos Blanco, Celso Emilio Ferreiro ... Porén, agora estamos ante un traballo de autor no que o artista compón, produce e canta, nunha proposta que resiste a delimitación, pois bebe de moitas fontes desde o pop case convencional até ritmos étnicos ou músicas do mundo e mesmo rozando a clásica. O contido de “Fulgor” é aberto, plural, e coa amplitude necesaria para dar saída a máis inquedanzas musicais das que até agora o público recoñecía en Budiño. Non esquece a raíz e desde ela creceu coa firmeza e sen eludir certo risco; sempre e cando este non o leve a experimentos carentes de coherencia.

Budiño con voz, frauta, piano e guitarra non está só no reto, pois contou coas clases de canto da grande Mónica de Nut. Dentro do disco tamén coas guitarras precisas de Luiz Caracol, Antonio Casado e Jairo “Depedro” Zavala e o luxo das cordas do Cuarteto Quiroga en “Santiago” e “Bos amores”. Si, atrévese con esta marabilla do referente e lembrado Narf sobre versos de Rosalía de Castro. A esta letra, suma a poeta Antía Otero (“Pulso”) e a compañeiros como Xoel López (“Santiago”) e Vega (“San Xoan”), pero el asina media ducia. No son e a banda, máis apostas de confianza: Arturo Vaquero nas mesturas e masterización e a base rítmica de Fran Sanz (baixo) e Ton Risco (batería). Todo ben encaixado para conseguir que o que é até certo punto un debut, co seu camiño de afianzamento por diante, teña asemade o peso dun artista experimentado, inquedo, con moito gusto e unha traxectoria musical afianzada.

Coma curiosidade, “Fulgor” e “Santiago”, dúas das mellores cancións, teñen cadansúa versión en castelán ao final do disco. Mención aparte merece o coidado na presentación: unha edición física espectacular e respectuosa co medio ambiente da man da Adega Ponte da Boga dentro da súa colección “Viños de Autor” e o traballo fermoso de Ana Zon ao deseño, ilustración e maquetación, como na reedición de “Paralaia”.

Cando temos un artista tan asociado a un imaxe ou idea, a aceptación ou o éxito dun cambio só pode ter sentido se a valentía vai acompañada dunha preparación a conciencia. O músico Budiño decidiu agora crecer cara a canción e o comezo saíulle ben. Quédalle por diante un camiño para crecer coma vocalista e letrista, pero esta presentación é un paso firme. A escoita de “Fulgor” confirma que aquí non hai nada de boutade e si moito de traballo, actitude e coñecemento.

Pepe Cunha, 6-febreiro-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo