portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/09/2018
Hoxe sae á venda 'Cuadrilla de Pepa a Loba' o libro que conta os 25 anos de historia de Heredeiros da Crus
06/09/2018
comunicado das Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo sobre o acceso ás salas de música ao vivo sobre o acceso de menores de idade ás salas de concertos galegas
06/09/2018
Tanxugueiras "Tanxugueiras"
07/08/2018
Marem Ladson "Marem Ladson"
02/08/2018
O Casa SonRías combina música, gastronomía e audiovisual o sábado 4 de agosto en Bueu
02/08/2018
Uxía e Rodrigo Romaní encabezan a delegación galega dun Interceltique que en 2019 pode ter sabor galego
festival Sinsal de San Simón, crónica do venres 27 e sábado 28 de xullo de 2018.


Cando tes a fórmula do éxito, que podes facer para non morrer del ? Pois neste caso, conservar a idea orixinal e non perder forzas nin sapiencia para volver traer toda unha infraestrutura a unha illa para deseguido abandonala sen deixar pegada visíbel. E segundo, seguir a coidar os detalles e escoitar as suxestións e comentarios do público, cousa que o SinSal tamén fai desde os seus inicios. Nesta ocasión fíxose un esforzo grande por acadar a edición máis sostible da súa traxectoria e tiñamos á nosa disposición puntos de lixo cos cadanseus tres contedores para separar.

Todo isto sen descoidar os outros aspectos que dende a primeira edición foron agromando para facer desta unha cita exemplar: un cartel secreto de actuacións musicais escollidas, actividades paralelas que o complementan (este ano talleres de cervexa, laboratorio de sal, roteiros explicativos sobre a Illa e a súa historia, performance colectiva ...), unha oferta gastronómica variada e un ambiente de proximidade e respecto desde cada persoa da asociación. Isto cómpre lembralo edición tras edición porque o labor didáctico e de compromiso de SinSal seguirá sendo exemplar e necesario mentres haxa xente que deixe nunha mesa restos do seu xantar, cabichas no chan ou non se arrede dos palcos de concertos para falar ou fumar compulsivamente.

Tras aqueles comezos en que era unha cita para “rariñas” e as entradas íanse esgotando aos poucos, nos últimos anos voan nas primeiras horas porque San Simón xa é tamén un lugar atractivo para o postureo, para posar o día, beber algo con música ao vivo ... coma un festival máis pero nunha illa. E o SinSal é moito máis ca iso. Aquí cámbianse os grandes nomes por propostas novas, orixinais, distintas do habitual e difíciles de ver, algunhas por primeira vez e con esta proximidade e nun ambiente idílico. Iso mantense en boa parte, porque este ano un leva a impresión de que foi unha das edicións menos sorprendentes musicalmente. Algún dos nomes no cartel non están a ser difíciles de ver polo país e outros pareceron por baixo do nivel habitual. Porén, un Sinsal sempre terá unha puñada de concertos que xustifican a motivación musical para se achegar a San Simón.

O comezo do venres foi por todo o alto con Ensemble Galería presentando o "Proxecto Terra". Rachando cos corsés da música clásica, case 20 instrumentistas sen partituras realizaron unha "performance" rebordante de calidade, compromiso e sorpresa. Deseguido, o contraste coa banda pamplonesa Doña, que con voluntariosidade defenderon un pop-rock indie moi trillado nos últimos tempos pero que os levou a ser un dos grupos gañadores na segunda edición do concurso organizado polos Estudios Mans da Fundación Paideia Galiza. Había que dar un xiro e chegou aquí a presenza africana para devolvernos ese punto Sinsal co encanto da guineana Nelida Karr, primeiro premio na pasada edición do Festival Vis a Vis, proxecto de cooperación cultural organizado por Casa África. E como se se tratase de alternar o máis curioso con lago máis habitual, volveu ao SinSal Maïa Vidal, desta vez co seu proxecto Side Chick, un pop-rock correctamente maquillado de punk e glam. Para pechar, os Papaya, banda que se salva da burbulla do panorama indie estatal polo seu verniz latino e o seu discurso. Montaron a festa final, aínda que non tanta como a semana anterior no Atlantic Fest.

En canto á xornada completa do sábado, esa que se repite case totalmente o domingo, comezamos cunha desas propostas que non poden faltar no SinSal. Cosmo Sheldrake é un deses talentos solitarios que atrapan durante os 45 minutos de concerto construíndo (ás veces improvisando) cancións pop a base de melodías, gravacións de sons de animais, loops, efectos de voz ... fascinante a súa capacidade e o seu talento. Co bo sabor de boca, fomos á illa de San Antón a vermos o regreso dunha Elba Fernández que volveu encaixar e agradar coma fixera hai anos con Jane Joyd. A voz, as texturas, o sentimento, o detallismo que nos ofreceu en formación de trío están á altura dese "Fragments to Dominate the Silence" que recomendamos desde que chegou á redacción orelluda.
Confirmadas as boas expectativas de vermos Mórdem ao vivo, procuramos outro cambio sonoro, desta vez cos rumanos Karpov not Kasparov e a súa "banda sonora para un xogo de xadrez". Bailamos ao ritmo dunha electrónica amábel acompañados polas dúas "ninfas"que participan da sua actuación. Tras remataren, os catro tamén se dirixiron ao escenario grande para bailar cos turcos Altin Gün, que de non ser polo sol que petaba na súa plenitude terían montado unha boa festa. Ese "groove" ben creativo que argallan ao combinaren folclore turco, psicodelia, funky ou rock resulta realmente irresistíbel, moi 70s. De volta en San Antón, seguía a liña máis puramente SinSal, cambiante, creativa, exótica coa elegancia sofisticada do surafricano Nakhane, outro dos que acadaron eloxios case unánimes. Moitos nomes viñan á cabeza para ben durante a actuación deste artista multifacético (actor, escritor, músico...) : Grace Jones, David Bowie, Peter Gabriel, Prince... e aquí podemos dicir que chegou o pico de calidade do SinSal deste ano.

O final que nos agardaba tiña máis que ver coas propostas bailabeis, desenfadas, deshinibidas ... ou para rachar con prexuízos. Se tras aquela primeira edición no 2011 me din que anos despois bailaría italo-disco ou nunha conga a ritmo de cumbia con vocoder, autotune e letras como “lo que yo quiero es la papaya que tú tienes” ... non o crería. Vale que co eclecticismo musical que sempre nos brinda a organización non é descartábel, e podemos considerar que funcionou neste contexto estival nunha illa, con non pouca xente algo bébeda que demanda bailar ao básico. Porén, do Sinsal esperamos algo máis exótico e menos visto (Esteban y Manuel están en todos lados este verán), dito todo isto sen menosprezar en absoluto a Donny Benét e La Dame Blanche, que puxo a nota máis latina. Entre esta xeira final, a excepción de КУКЛА, cuxa abraiante voz refuxiaba do bailoteo máis directo no mirador Platú.

Volveremos marcar na axenda esas datas posteriores ao Día da Patria no 2019 porque valerá a pena, porque a do Sinsal en San Simón é un luxo de experiencia con ese feixe de concertos sorprendentes e eses detalles organizativos. Malia algúns cambios, a menos bos, na programación musical deste ano, grazas, SinSal, por seguir a nos airear do de sempre, dunha oferta festivaleira excesiva e repetitiva e da tontería vestida de independente.

Pepe Cunha, 31-xullo-2018






Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo