portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
20/04/2018
Vive Nigrán pecha o seu cartel coa incorporación de Alondra Bentley, Calavera, Maryland, Inerttes, Indian Hawk, Mireia Vilar e Odd Cherry Pie
12/06/2018
Rodrigo Romaní Trío "Fíos de ouro no ár"
11/06/2018
volven os Atardeceres Playa Club by Absolut : Pájaro, Everet, Melange, Bigott ...
11/06/2018
Corey Harris encabeza o cartel dun Fisterra Blues Experience que regresa este venres
08/06/2018
Guadi Galego "Bóla de cristal"
04/06/2018
Dead Witches, ZA!, Honeymoon Disease e Capsula subirán a voltaxe do 32º Festival Noroeste Estrella Galicia
Dead Witches, ZA!, Honeymoon Disease e Capsula subirán a voltaxe do 32º Festival Noroeste Estrella Galicia

nota:

Un total de 12 bandas e artistas conformarán o cartel do Campo da Leña, o escenario máis decibelios do 32º Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará na Coruña do 7 ao 12 de agosto. Rock, trash, heavy psicodélico, garage, noise, punk, post punk , doom rock ou garage surf son tan só algúns dos sons de alta voltaxe que poderán escoitarse este 2018 neste espazo. Á artista xa confirmada Ana Curra, quen será a encargada de clausurar por todo o alto os concertos no Campo da Leña o xoves 9 de agosto, súmanse Aullido Atómico, Capsula, Dead Witches, Hexany, Honeymoon Disease, Kabbalah, Mueran Humanos, Oh!Mega, Playa Desmayo, The Devils e ZA!

As e os amantes do ritmo máis pesado atoparán o seu mellor directo con Dead Witches, banda de doom rock formada entre Inglaterra e Italia que presentará os temas do seu disco Ouija (2017), un traballo de son clásico con influencias de Saint Vitus e Black Sabbath. Non faltarán á cita o trash & roll con ecos de The Clash de Aullido Atómico, o punk honesto, melódico e poderoso de Oh!Mega ou o hard rock de corte clásico con influencias de The Kiss dos suecos Honeymoon Disease. Da Coruña soarán o grupo de rock alternativo Hexany e a banda de garage-surf e punk-rock Playa Desmayo. A guinda a poñerá a veterana banda de rock arxentina Capsula. O seu son -que é pura enerxía en directo- mestura a intensidade do garage rock, as raíces do rock and roll e do post punk, o noise e a psicodelia escura.

Con influencias de Black Sabbath ou Pentagram, o son de Kabbalah móvese entre o rock oculto e retro dos anos 70 e o heavy psicodélico de finais dos 60. Trátase dun grupo íntegramente feminino con predilección polo oculto, a bruxería, os ritmos hipnóticos e as melodías electrizantes. De Italia chegará The Devils, un dúo formado en 2015 que é definido coma “trash rock & roll de alta voltaxe”. Sobre as táboas ofrece todo un espectáculo salvaxe, sexy e cheo de diversión, co que defenden en directo os seus dous discos: Sin, You Sinners (2016) e Iron Butt (2017). Pola súa banda, ZA! dará renda solta ao seu rock experimental mesturado con electrónica, samplers, world music e calquera outra etiqueta que o público se imaxine. Collages, vídeos, música e fanzines definen ao tándem arxentino asentado en Berlín Mueran Humanos, que subirá ao escenario o seu orixinal estilo basado nun cruzamento de experimentación e canción, electricidade e electrónica que escapa de calquera etiqueta.

ONCE NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO 32º NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

AULLIDO ATÓMICO. Trash & roll é a filosofía da banda valenciana Aullido Atómico, formada por Don Rogelio J (voz e guitarra), Jussi Folch (baixo) e Quique Gallo (batería e percusión). Definen o seu último disco Decadencia (2017), gravado en tan só catro días, como un artefacto sonoro de destrución masiva difícil de encaixar nun só estilo musical. En Aullido Atómico combínanse unha estética influída polo rock dos anos 50 e un son que bebe do punk máis militante dos 60 e 80 con ecos de The Clash.

CAPSULA. Capsula son os icónicos Martín e Coni. Con residencia en Bilbao, esta xa veterana banda de rock arxentina é sinónimo de poderosos e enérxicos directos. O seu son mestura a intensidade do garage rock, as raíces do rock and roll e do post punk, o noise e a psicodelia escura. Con oito discos de estudo publicados, na súa dilatada traxectoria profesional traballaron cos mellores produtores do mundo. Nos discos In The Land Of Silver Souls (2011) e Dreaming of Ziggy Stardust (2012) con John Agnello (Sonic Youth, Kurt Vile) e co mesmísimo Tony Visconti (T-Rex, David Bowie) en Solar Secrets (2013). Santa Rosa (2016) é o seu último traballo ata o de agora, un disco rock and roll cheo de enerxía con toques actuais e futuristas.

DEAD WITCHES. Co seu doom rock, Dead Witches é unha banda para os amantes do son máis cruel e pesado. Fórmase entre Inglaterra e Italia en 2016 e está composta por Oliver Hill, Carl Geary, Greg Elk, Soosi Chamaleone e Mark Greening. Pero a súa curta carreira esconde detrás unha nutrida experiencia. Greening foi membro da clásica banda Electric Wizard e doutras formacións ata que decidiu liderar este novo grupo. O primeiro traballo de Dead Witches é Ouija (2017), un disco de son clásico con influencias de Saint Vitus e Black Sabbath. Sen dúbida, farán as delicias do público máis próximo ao rock que ao metal, que no seu directo moverán as súas cabezas incluso sen pretendelo. Só hai que escoitar Drawing Down The Moon, que, co ritmo case tribal de Greening á batería, é un dos temas máis celebrados e exóticos do disco.

HEXANY. Hexany é un grupo de rock alternativo formado na Coruña en 2012. Trátase dunha proposta atrevida, chea de calidade e sentimento. David Ferreiro á voz e á guitarra e Abraio Piñán, tamén á guitarra, son os fundadores da banda, á que se sumaron Manu Vázquez ao baixo e Miguel Vieites á batería. Todos os compoñentes estudaron no Conservatorio Profesional da Coruña, aínda que estilos diferentes: jazz, ska, folk ou música clásica. Esta variedade achega diferentes puntos de vista que se reflicten na súa música. Na súa curta traxectoria xa gañaron diversos premios e tocaron por toda Galicia. Contan con dous EPs, Colormind (2013) e Ayo Falemi (2017). Neles apostaron por un xénero ecléctico, sen barreiras, construíndo o seu propio camiño no mundo do rock.

HONEYMOON DISEASE. Jenna e Acid ás voces e guitarras, Cedric ao baixo e Jimi á batería forman a banda sueca Honeymoon Disease, que practica un hard rock de corte clásico, moi dos anos 70, fortemente influenciado por grupos como Kiss, The Runaways, Thin Lizzy, UFO ou The Hellacopters. O seu é o rock and roll de alta voltaxe, guitarras afiadas pero con espazo tamén para doces melodías (hai quen lles chama os ABBA do rock). En 2015 lanzan The Transcendence, un disco con temas como Gotta Move ou Higher. Tras percorrer con grande éxito os escenarios europeos, en 2017 publican Part Human, Mostly Beast, un álbum de rock salpicado cun soul poderoso. Honeymoon Disease é sinónimo de actuacións enerxéticas e o que foi o seu tema debut, Fast Love, é o mellor exemplo. Os seus concertos son para bailar co rock and roll máis auténtico.

KABBALAH. En 2013 publícase Kabbalah, o EP homónimo dun grupo integramente feminino que aposta polo doom e rock psicodélico. O proxecto Kabbalah está firmado por Carmen e Marga, antigas compoñentes de Las Culebras, que seguen agora un camiño cara a ambientes máis escuros, con predilección polo oculto, a bruxería, os ritmos hipnóticos e as melodías electrizantes. A banda de Pamplona consolidase coa incorporación de Alba á guitarra en 2015, afianzando aínda máis o seu son. En 2016 chega Revelations e en 2017 publican o seu traballo máis recente, Spectral Ascent. Con influencias de Black Sabbath ou Pentagram, o son de Kabbalah móvese entre o rock oculto e retro dos anos 70 e o heavy psicodélico de finais dos 60.

MUERAN HUMANOS. En 2006 Carmen Burguess e Tomás Nochteff, dous artistas arxentinos que residen en Europa sen apenas coñecer a ninguén, comezan Mueran Humanos, un proxecto baixo o que engloban todas as súas inquietudes: collages, vídeos, música e fanzines. Durante un tempo realizan instalacións en galerías de España e Alemania, pero pouco a pouco céntranse na música, poñendo a súa bagaxe gráfica e fílmica ao servizo da banda. Con indiferencia cara os xéneros musicais e os revivals da época, concéntranse en si mesmos para extraer unha música orixinal que represente as súas vivencias e obsesións profundas. O estilo persoal que desenvolven gaña forza despois de mudarse a Berlín desde Barcelona en 2008. En 2011 publican o seu disco debut e realizan as súas primeiras xiras por Europa e Estados Unidos. Posteriormente seguen editando temas, aínda que en formato sinxelo, e continúan actuando en eventos e festivais por todo o mundo -Croacia, Polonia, Nova Zelanda, Rusia, México, Arxentina, Uruguay ou Colombia-. O seu estilo orixinal, basado nun cruce de experimentación e canción, electricidade e electrónica, tamén lles valeu para presentarse en contextos moi diversos, desde festivais de pop multitudinarios a eventos de música experimental e underground. Hoxe seguen a residir en Berlín, onde están a terminar o seu esperado segundo álbum.

OH!MEGA. Aínda que Oh!Mega está a dar os seus primeiros pasos, Rodrigo, Pablo e Gon son veteranos dos escenarios. Participantes en bandas como Enoch Ardon, Black Panda, Lascivos ou Saharah, por citar algúns nomes gravados a lume na memoria de varias xeracións galegas entre a morea de proxectos que se acumulan ás súas costas, os tres veñen sendo dende hai case dúas décadas membros activos da comunidade de maneira permanente. Sen embargo, lonxe de repetir a mesma fórmula, Oh!Mega materializouse sorprendendo cun punk extrañamente melódico, honesto e poderoso, no que á voz toma as rendas das composicións e unha agresiva base rítmica remite a etiquetas pouco habituais nas nosas latitudes. Unha mestura explosiva de traballo, enerxía e inquietude.

PLAYA DESMAYO. Banda coruñesa de garage-surf e punk-rock que nace nos inicios de 2016 como produto das sesións estivais de música caseira de dous amigos. Gaspar Baluja, ás voces e á batería, e Roi Paz, á guitarra e tamén ás voces, forman este dúo onde ambos confiesan que a súa única finalidade é “lograr un son acorde á nosa forma de vida e co que poder viaxar e tocar para divertirnos”. Ata hoxe gravaron dous EPs, o primeiro, homónimo, con catro cancións -No, Los vándalos hicieron de las suyas, Bossa Nova, Alcohol (No necesito tu opinión)-, publicado en febreiro de 2017; e, o segundo, Fame di fuoco, editado en abril deste ano con outras catro gravacións -Playa, No puedo más, Rubia, Bajo el sol-. Acostumados a tocar tanto en festas de coñecidos e familiares coma en concertos compartindo escenario con bandas amigas, sempre perseguen o mesmo obxectivo: gozar e facer gozar ao público.

THE DEVILS. The Devils son membros do explosivo catálogo do selo suízo Voodoo Rhythm Records. Iso supón xa unha carta de presentación e toda unha declaración de intencións por parte deste dúo italiano formado en 2015, cun son que foi definido como “trash rock & roll de alta voltaxe”. Desde a súa formación non pararon, ofrecendo máis de 300 concertos ao longo de toda Europa e Canadá. En España actuaron en diferentes festivais e, tamén, como teloneiros na recente xira dos Sonics. Gianni Puzzadidio, á guitarra, e Eric Volgare, ás voces e á batería, toman o seu nome do clásico de serie B de Ken Russel e aparecen vestidos de cura e monxa sobre o escenario. Todo un espectáculo salvaxe e sexy para divertirse defendendo en directo os seus dous discos: Sen, You Sinners (2016) e Iron Butt (2017).

ZA! son dous amigos que tocan máis de dous instrumentos (batería, guitarra, trompeta, teclados, voces...). As súas premisas aséntanse sobre o rock experimental mesturado con electrónica, samplers, world music e calquera outra etiqueta que o público imaxine. Actuaron por todo mundo, de xira por Xapón, Australia, Estados Unidos, Brasil, Rusia, Suazilandia e distintos festivais europeos. Os seus máis de dez anos de carreira resúmense en seis discos; o último, o exhuberante Pachinko Plex (2018), foi autoeditado en colaboración con sete selos de diferentes lugares do mundo. Nel apartaron por primeira vez as guitarras e os amplificadores para recorrir a sintetizadores, percusión sinfónica e trompetas. Influencias globais nas que destacan a súa viaxe musical e docente a Mozambique ou a súa paixón polas bandas de noise xaponesas coas que logran un son festivo e unha celebración do misterioso. O seu novo traballo “é un paso máis na experimentación DIY -do it yourself-”. Intensamente rítmicos e sorprendentemente melódicos.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN. Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Aullido Atómico, Bea a de Estrella, BFlecha, Capsula, Carla Green & The Demons, Christina Rosenvinge, Dead Witches, Dona Rosa, Glitchgirl, Group A, Hexany, Honeymoon Disease, Kabbalah, Laetitia Sadier Source Ensemble, Maria Arnal i Marcel Bagés, Mordem, Morgan, Mueran Humanos, Nathy Peluso, Oh!Mega, Playa Desmayo, Rocío Márquez, The Big Lis Gumbo Band, The Devils, The Lákazans, The Limboos, Wondermind y ZA!

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Ademais, o festival contará co apoio de Cuac FM Clubtura e Desconcierto Cultural.



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo