portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
19/02/2019
CUAC FM. Continua a disputa legal: A Xunta de Galicia presenta recurso de Casación ante o Tribunal Supremo
14/02/2019
Los Radiadores "Puño en alto"
12/02/2019
o Revenidas desvela as primeiras confirmacións do seu cartel para este 2019
11/02/2019
Sinsal SON Estrella Galicia, do 25 ao 28 de xullo de 2019 na Illa de San Simón (Redondela)
06/02/2019
Budiño "Fulgor"
01/02/2019
Dead Combo no Selección Noroeste, Teatro Colón, A Coruña. 31-xaneiro-2019
The Lakazans “Sandwina”


O terceiro disco da banda de Boiro chega para confirmar a madurez total dun proxecto que, desde o blues primitivo coma alicerce principal, afianza a entrada doutros estilos no espectro da “americana”: rockabilly, country, swing, soul ... As voces complementarias de Sabela King e Almudena Gómez e os traballos de Figui nas filarmónicas e Benjamín Vázquez nas guitarras seguen a ser características da banda, pero as escoitas atentas recoñecen tamén unha base rítmica á altura. Ademais, malia practicaren un blues tirando máis ao acústico que ao eléctrico, evitan sonar “vintage” e amosan moita convicción; é dicir, non son desas bandas que semellan estar pedindo perdón para entrar nun xénero.

Só así se entende a determinación e seguridade para abriren o disco cunha peza brumosa e desacougante de 6 minutos: ”300 Pounds of Legend”. E para marcaren xa os extremos, deseguido alixeran e miran cara ao rockabilly coa colaboración de Martín Esturao (segunda guitarra rítmica e solo) en “Is not Enough!”. Até o epílogo con ”My Darling”, unha balada preciosa sobre o amor sen xénero e algo discordante co resto do disco (por iso está situada ao final), atopamos pezas áridas ou densas como a tradicional “God’s Gonna Cut You Down” (única canción allea), a country-western “Erase it From my Mind” ou “Let’s Make Love Until the Death of the Day”; outras máis relaxadas como o swing “Midnight Train” e a súa mención ao baile no Cotton Club, o achegamento ao soul da balada “My Dreams, The Truth, Your Heart” ... ou o baile funky de “Better Later Than Never”.

Desde a portada coa muller forzuda Sandwina (Kate Brumbach) apréciase un carácter feminino forte que confirma a autoría das cancións: as vocalistas (principalmente Sabela, pero tamén Almúdena nun par de ocasións) son as autoras de todas as letras e algunhas das músicas, onde o protagonismo recae máis no guitarrista Benji. “Sandwina” é un disco de calidade e solvencia, dignísimo e rico nas súas coordenadas musicais e que promete concertos ben desfrutabeis. Non podemos evitar pensar noutros álbumes meritorios de bandas do país que, coma os seus referentes, tamén canta(ba)n na lingua internacional: Niño y pistola, The Soul Jacket, Moon Cresta ...

Pepe Cunha, 8-febreiro-2018

Edita DotBeat



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo