portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/07/2018
hoxe comeza a 34º Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia, con Pippo Delbono, Blind Summit Theatre, Laila Rippol, Marianella Moreno, A Panadaría ...
04/07/2018
"As cantigas de Elena" Pipo Alvariño, María Vidal, Myriam González
11/07/2018
cartel da terceira edición do SilFest Valdeorras, nas beiras do Sil ao seu paso polo Barco
29/06/2018
o Festival Jazz de Ría presenta un coidado cartel en espazos singulares de Ferrol e Mugardos
26/06/2018
Primeiros nomes para WOS Festival x SON Estrella Galicia
26/06/2018
V Festival +QUE JAZZ na Coruña en xullo
Azougue "Azougue"


O azougue é outro nome para nos referir ao mercurio, que disque é un elemento “que confire ao vidro a facultade de reflectir a realidade que recibe, pois o espello non é senón un vidro azougado”. Se pensamos no musical, o Azougue que nos ocupa trata a realidade do tradicional co seu espello instrumental azougado. Ademais, ter (o) azougue é non ter acougo, non parar quieto. Coma estes tres músicos (dous galegos e un asturiano) tan salientabeis coma activos do noso panorama.

Pedro Lamas (saxo soprano e barítono, gaita, dulzaina melódica, acordina, percusións), Jacobo de Miguel (piano) e Xosé Lois Romero (percusións tradicionais) teñen sido membros ou colaboradores de tantos proxectos que darían para cadanseu feixe de liñas de currículum: Vaamonde, Lamas e Romero; Radio Cos; aCadaCanto; Aliboria; Nova Galega de Danza; Ton Risco & Jacobo de Miguel Dúo; Budiño; Leilía; Susana Seivane; Odaiko; Quique Peón & Cía; Kin García Trío ... e a Orquestra de Jazz de Galicia. Coma nesta última, en Azougue a tradición folque e o jazz, canda detalles de música clásica, conviven con coñecemento, mestría e imaxinación.

Este seu disco de debut foi gravado ao vivo, en setembro de 2017 no Museo de Belas Artes da Coruña, e as súas dez melodías invitan á escoita pausada, a abrir fiestras a paisaxes sonoras desde a liberdade e a creatividade. Ademais destas composicións instrumentais propias de Lamas e De Miguel, a peza final “A vizosa, Pracibre Cecebre” contén un poema de Eduardo Pondal recitado polo Xurxo Souto. Permítaseme unha nova definición para este Azougue: bálsamo sonoro desde a tradición e o jazz contra un panorama predominante de escoitas apresuradas e centrado no máis recoñecíbel ou uniforme.

Pepe Cunha, 2-febreiro-2018



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo