portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/12/2017
María Fumaça “As que máis molan”
11/12/2017
Club del río "Un sol dentro"
05/12/2017
Uxía-O
01/12/2017
Davide Salvado, Guadi Galego e Sumrrá participan no M.A.R. (Movimento Artístico em Rede) o 8 de decembro en Póvoa de Varzim, Portugal.
01/12/2017
José Ignacio Lapido "El alma dormida"
28/11/2017
The Boo Devils "The Noble Art of Rock n"Roll"
José Ignacio Lapido "El alma dormida"


Quen seguimos a traxectoria de José Ignacio Lapido deveciamos, como cada 2 ou 3 anos, por unha nova colección de cancións. Especialmente se consideramos a última, “Formas de matar el tiempo” (2013), unha das máis afortunadas deste gran compositor do rock en castelán. Non obstante, unha feliz circunstancia como a resurrección exitosa ( xira, reedicións e álbum ao vivo ) polo XX aniversario da separación dos 091 atrasou este oitavo disco do guitarrista e compositor principal da banda granadina. Xunto ao omnipresente selo de honestidade, elegancia e autoesixencia nas composicións, Lapido foi construíndo desde o seu debut “Ladridos del perro mágico” (1999) unha personalidade coma vocalista, superando con sobriedade as súas limitacións. Sempre nun mundo apartado dos grandes recintos ou titulares nos medios, conta cunha traxectoria consolidada e un detalle ben importante que fai brillar este disco: uns músicos habituais tan solventes e de confianza coma para redondear e producir as cancións.

O guitarrista Víctor Sánchez e o teclista Raúl Bernal, canda Pablo Sánchez e o noso protagonista, asinan unha producción colectiva que se aprecia nun álbum que sona a Lapido pero que achega sonoridades novas. E para acabar de mencionar os protagonistas, Popi González (batería) e Jacinto Ríos (baixo) consolidan a base rítmica. Os parámetros de roqueiro clásico seguen aí, con esa mestría nos medios tempos, a contención contundente marca da casa, e dúas ou tres pezas máis accesibeis ou “singles”. Estes polos ben poden estar representados polas cancións que abren e pechan o disco: “¡Cuidado!” entra á primeira, coma un reclamo nestes tempos de présas e inmediatez, e “Escalera De Incendios” resulta un epílogo perfecto, cunha estrutura máis complexa. Entre elas, un arsenal de cancións que reflicten esa produción colectiva, esa banda que lle busca as posibilidades a cada peza do álbum e arreda unha posible planicie. Atopamos detalles góspel en “Como Si Fuera Verdad”’, arumes de americana, toques country en “Estrellas Del Purgatorio”, swing, … A impresión global é a dunha colección máis asequibel sen abandonar a actitude e os textos de corte reflexivo selo do autor.

A temática de dúbidas existenciais segue tan presente coma sempre; “Mañana Quién Sabe” fala de incomunicación e tristeza humanas; “La versión oficial” é unha mostra de pensamento crítico que non peca de panfletario liderada por un retrouso impecábel; a ironía tamén está presente en “Enésimo Dolor De Muelas”; o escepticismo en “Nuestro Trabajo”; a nostalxia e reafirmación en “Dinosaurios”. E ademais hai un grupo de cancións que relacionamos coa frase de Jorge Manrique que titula o álbum (“Avive el alma perdida …” ) e nos remite á fugacidade do tempo e a perda, como “Lo que llega y lo que se nos va” ( outro single en potencia ) , “No Hay Prisa Por Llegar” …

Lapido non sae da súa liña firme, ao igual que outros mediofondistas que un día tiveron ou rozaron un recoñecemento amplo e agora non son tan escoitados como merecen. Como Santiago Auserón, Kiko Veneno, Josele Santiago, Ariel Rot, Hendrik Röver … Segue na loita, esfórzase en cada álbum por dar o mellor que ten, sen pretensións, experimentos irreais ou aproveitar rendas pasadas; na eterna procura da canción ben acabada. E desta vez asina un dos seus mellores traballos, que sona alto e claro, con textos notabeis ou sobresaíntes e abrigado por nunha banda impecábel.

Pepe Cunha, 1-decembro-2017



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo