portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/12/2017
María Fumaça “As que máis molan”
11/12/2017
Club del río "Un sol dentro"
05/12/2017
Uxía-O
01/12/2017
Davide Salvado, Guadi Galego e Sumrrá participan no M.A.R. (Movimento Artístico em Rede) o 8 de decembro en Póvoa de Varzim, Portugal.
01/12/2017
José Ignacio Lapido "El alma dormida"
28/11/2017
The Boo Devils "The Noble Art of Rock n"Roll"
Lila Downs volve conquistar o público galego, Auditorio de Ferrol, 25-novembro-2017


Desde o momento que anunciamos que Lila Downs volvía a Galiza, a expectación que agromou auguraba o cheo no Auditorio de Ferrol. Canda as obvias Madrid e Barcelona, só a cidade galega apostou pola xira de presentación dun dos mellores álbumes da completa artista de Oaxaca. Os premios (e máis uns Grammy Latinos) soen quedar en anecdóticos pero ás veces si recoñecen o bo momento da artista. E isto mesmo foi o que constataron as máis de 800 persoas que encheron un recinto ferrolán por onde tamén pasaron neste 2017 outras dúas mulleres de tanto prestixio coma Ute Lemper e Madeleine Peyroux. Ademais, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller era unha data inmellorábel para celebralo cunha reivindicadora, sensíble e poderosa, amante da Madre Terra e a vida.

Acompañouse no palco dunha formación gorentosa de 8 músicos ( latinos e residentes tamén en Nova Iorque ) e a proxección de imaxes do seu discurso apaixoado e reivindicativo. Luciu sorriso perenne, beleza e rebordou de carisma ao longo dun concerto no que o seu dominio vocal impresionante brillou sen eclipsar o labor duns músicos fantásticos. O son non tivo fendas desde o "Mezcalito "que abriu a velada cuns solos fantásticos de baixista e violinista. As letras entendíanse como nas mellores ocasións e todo mantivo o equilibrio sonoro agás -por poñer algún "pero"- un excesivo alarde vocal en "De un mundo raro". Porén, perdoable polo "Cucurrucucú paloma" anterior cuxa recreación emocionante gardaremos na memoria todas as persoas presentes. Un show da Downs ten espectáculo máis tameń ten o seu punto de escuridade, un lado de diva e outro de traballadora artesá, de brillo exótico e de misterio.

O repertorio tamén foi equilibrio temático de reivindicación, do amor e a paixón pola vida, da diversidade cultural e o folclore, á marxe de intereses comerciais. Como é normal nestes casos, o disco novo "Salón, lágrimas y deseo" (Grammy Latino ao Mellor Album Vocal Pop Tradicional) foi o máis visitado: "Peligrosa", "Urge", "Palabras de mujer", "Son de Juárez", "El querreque", "Envidia"... Mais, como é lóxico, tamén repasou outros clásicos no seu repertorio: "La iguana", "Humito de copal", "Vámonos" ( de novo José Alfredo Jiménez ), chorou "La llorona" de xeonllos e cantou á morte con alegría en "Son de difuntos" e nos bises "Zapata se queda" e "La cumbia del mole". Tamén para recordo a imaxe de compenetración e familiaridade entre os músicos, e momentos tan brillantes como el duelo fronterizo de violín e acordeón ou un par de bailes zapateados.

Lila Downs fachendea do seu folclore, dun sentimento de pobo enraizado na terra. Os seus concertos chegan a moitos públicos porque non escatiman en matices e texturas. Está México con ritmos varios do seu folclore, non só rancheiras; e tamén hai boleros, cumbias ... e pingas de rock, funky ou blues. Hai cantos de humor ante a morte, de desamor e paixón desgarradas, de sentarse a beber e bailar. O popular non só non morre, senón que brilla e racha prexuízos grazas a artistas coma a Lila Downs.

Pepe Cunha, 27-novembro-2017





Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo