portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
08/08/2022
Manuel Seixas “O estraño karaoke do home bata”
04/08/2022
Crónica orelluda do X SinSal de San Simón, 22-23 e 24 de xullo de 2022
03/08/2022
Ukestra do Médio "Histórias cativas"
15/07/2022
O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 amplía as actividades paralelas con exposicións, charlas e paseos guiados pola illa de San Simón
07/07/2022
Capercaillie & RFG, Pongo, Chico César, Maruja Limón, Antía Muíño e Guadi Galego, entre as primeiras confirmacións do festival Maré 22
05/07/2022
Skyhooks "Bloqueo y continuación"
Crónica orelluda do X SinSal de San Simón, 22-23 e 24 de xullo de 2022


Tras a substitución por un Sinsal Litoral en 2020 e as restricións por mor da pandemia de 2021, volvimos vivir a cita de San Simón ao xeito pre-pandemia, co aforo posíbel e sen máscaras nin distancias para beber ou comer. Iso si, un cambio quedou: a desaparición do escenario en San Antón. Xa que logo, as actuacións do cartel que descubrimos ao chegar á Illa distribuíanse arriba no escenario Buxos e abaixo no San Simón, á vez que se propoñen outros recunchos para ofrecer actividades a público máis reducido, como os microconcertos Santo Antón acústico no cemiterio.

Ao final deste artigo recupero as minicrónicas que fun compartindo en redes virtuais coas impresións de cada día, polo que do musical pouco máis que resumir que só polos concertos de Clara Peya, Rocío Márquez & Bronquio, Haepaary, Ben Lamar Gay, Lido Pimienta ou o festón co dúo Tootard ... xa se xustifica a asistencia. A quen queira escoitar, claro, porque estanse a notar moitas ganas de festa e non todo o mundo a entende do mesmo xeito. Ano a ano toca aturar demasiada xente que non arreda as súas charlas do escenario en respecto polas artistas e o público que si queremos escoitar.

Divertirse é bo, normal e ben comprensíbel se consideramos o que vimos de pasar, pero de aí a pensar que iso é sinónimo só de bailar, gritar ou montar balbordo ... Non hai escusa para non molestar, porque a cita sinsaleira en San Simón ofrece dúas illas para pasear e gozar delas, unha oferta gastronómica tan coidada como a organización e un abano de actividades non só musicais, senón tamén culturais e deportivas como visitas guiadas, exposicións, charlas, pedal surf ...

En fin, non quería que a coidada selección musical do colectivo SinSal quedase eclipsada pola denuncia do postureo e o hedonismo desaforado. Xa cantaban os Byrds aquilo de que “hai un tempo para cada cousa”, así que deixen ás “sosas” degustarmos uns pratos musicais (ritmos étnicos, electrónica, jazz, flamenco, clásica, pop, cumbia ...) que chegan da Península Ibérica, Cataluña, Corea, Brasil, Altos de Golán, Colombia, Republicana Dominicana, EUA, Inglaterra ... Unhas propostas para concentrarse nelas e outras (cada vez máis, por certo) para soltarse á festa. Quen ofrece iso e nun lugar tan especial como este ?

Nesta saturación de festivais con pouco ou escaso gusto e paciencia para a súa confección, o SinSal de San Simón segue a ser un faro no que se mirar quen queiran diferenciarse, por respecto ao entorno, por curiosidade e apertura musical, divulgación da memoria e o patrimonio, fomento de prácticas de sustentabilidade ... Que veñan outras dez edicións máis e, se non é pedir moito, que o público recupere parte do espírito daquelas edicións primeiras, onde primaba a atención ás músicas.

A risco de me repetir, eis as minicrónicas por días e no facebook e instagram orelludos máis fotos.

Pepe Cunha, 5-agosto-22

Venres

Regreso ao mellor dos festivais posíbeis e reencontro coas caras de felicidade e as ganas de descubrir propostas musicais diversas e menos habituais. A organización segue a ser exemplar e a actitude do público contáxiase do bo trato.
Nun venres que me pareceu frouxo, os galegos @musculomusica estiveron á altura do que se espera do Festival Sinsal , como, aínda que non enganchase, a proposta da bretoa @quinquismusic
Non diría o mesmo da presenza do novísimo @sebastianncortes , con moito gancho nas redes virtuais pero, de principio, cun pop pouco interesante no musical e verde no escenario. Os novos tempos?
En contraposición a este, o ciclón colombiano de @lidopimienta coa súa mestura sen estridencias de tradición e electrónica. Estivo entretida, bailábel e falangueira con graza e compromiso. Tamén para bailar estiveron @candelerosmad coa súa latin jam session na onda Santana - Tito Puente e un chisco de adobo psicodélico.
Veremos que nos deparan as xornadas completas de sábado e domingo na Illa de San Simón.

Sábado

Cando falo do @sinsalaudio como imprescindíbel na miña axenda estival, penso en días como o deste sábado. A programación presentou un abano de estilos que se valora mellor cando o repouso axuda a asimilar o presenciado.
Viaxamos dunha parte do mundo a outra e tivemos que poñer a nosa atención ao máis intimista e exixente ou simplemente deixarnos levar e bailar e sorrir. Tres concertos estarían nos de gardar no recordo por calidade, interese e exquisitez: o da pianista catalá @clarapeya e os seus músicos (que fermosura a da súa "Periferia " !), o jazz progresivo que nos trouxo Ben Lamar Gay desde Chicago e a combinación de instrumentos tradicionais coreanos coas sonoridades electrónicas das @haepaary
Porén, gozamos doutro xeito e tamén abondo de pop intimista, electrocumbia, descaro pop-roqueiro e até un final disco dos 80 en Beirut da man de Magia Bruta, Julian Mayorga, Os Amantes e Tootard.
Ademais, sumamos detalles como a da nosa @guadigalego cantando "Mujer frontera" con Clara Peya, as visitas guiadas ou os microconcertos do debutante cuarteto de cordas De Donas no cemiterio. Mel sobre filloas e o listón altísimo para a xornada do domingo.


Domingo

Tras a xornada espectacular e calorosa do sábado, a illa recibiunos con vento e o concerto de @santiaraujo acompañado tamén de ventos, estes máis calmos, e cello. Unha grata sorpresa este formato para as cancións do de Ponte Caldelas. Espero o repita polo país adiante. Bo comezo.
Chamaba a atención que se repetise unha actuación, mais ninguén se amolou pois fóra unha das celebradas o día anterior: o dúo coreano Haepary. As reaccións volveron ser moi positivas, en especial do público máis sinsaleiro.
Do fresco do escenario Buxos baixamos á solaina do San Simón para gozar das improvisacións da Ensemble Liberdade, versión reducida a 8 músicos da @orquestragalegadeliberacion . Cómpre ver eses talentos ao vivo, non canso de repetilo.
De volta nos Buxos encontrámonos co guitarrista brasileiro, da Amazonía, @lucas.estrela e @bandastrobo , os dous músicos de Os Amantes que xa nos divertiran o día anterior. Desta vez fixérono a base de instrumentais que agradaron o público desexoso de baile, seica moi maioritario este ano.
Porén, o seguinte prato era máis delicatessen, unha das propostas máis celebradas nos últimos meses: a unión da cantante de flamenco @rociomarquezoficial Márquez e o músico "electrónico" @bronquiobronc . Calidade fóra de dúbidas para superar a barreira do público menos interesado ou co mínimo de atención requerida. Concerto ben arriba nun posíbel ránking do @sinsalaudio
Outra invitación ao baile con toque electrónico foi a das dominicanas @lamulaband , proposta sinxela de ritmos caribeños que gustaron neste festival en sintonía coa sona que traían.
Deseguido volviamos a propostas máis sesudas co colectivo londinense @steamdown . Se o sábado o jazz chegaba de Chicago, hoxe viña de Londres e só funcionou por momentos, sen firmar un concerto tan convincente.
Mais o que si decepcionou foi o feche de festa con Paco Moreno. Ou polo menos moitos non lle collimos o punto ou a graza do seu xogo con efectos e mestura de pop, funky, cumbia, rumba ... Talvez xa tiñamos bailado abondo.As apostas no programa poden saír mal ou non tan ben, pero hai que ter a valentía. E que non falte ! , aínda que a balanza do público vaia caendo polo lado menos esixente no musical.








Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo