portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
08/06/2022
Seso Durán "Ascensión"
20/05/2022
Os abonos do Sinsal SON Estrella Galicia 2022 sairán á venda o vindeiro xoves 26 de maio
18/05/2022
Holgado "O fillo de Suso"
12/05/2022
Ilegales, J. P. Bimeni, Al Dual, De Vacas e Adrián Costa Blues Band actuarán no FiBE 22
11/05/2022
A artista canadense Kee Avil, a banda chilena Newen Afrobeat e a artista española Verde Prato conforman o regreso do ciclo Liberdades Sonoras a Lugo
04/05/2022
Devalo "Luz / sombra"
Seso Durán "Ascensión"


En canto comecei escoitar este álbum pensei que o protagonista debía ter unha traxectoria detrás para entregar un disco de tan boa factura. Este profesor, compositor e historiador marinés militara no grupo folk Liorna e hai cinco anos presentou "O son da memoria", un chisco máis folk e centrado temáticamente en feitos posteriores ao levantamento fascista de 1936. Agora entrega outro álbum de cancións de autor rock pero desta vez construídas con máis gusto e elegancia. "Ascensión" é un traballo que merece ser cualificado máis de ben madurado que de maduro, para non espantar ouvidos máis novos en gustos, prexuízos ou tendencias.

Cómpre sinalalo porque a colección de cancións non está en absoluto carente de enerxía e intensidade, e soa a banda compacta desde o primeiro corte. "O país non país” é un fungueirolo de dous minutos ao que segue “Un desfile”, medio tempo que vai constatando que os textos se arredan dos lugares comúns, mal frecuente na maioría das propostas de autor. Mais a proba total chega coa fermosa balada existencial “Infinitesimal”, do mellor do disco. De aquí ao final, cancións que tamén se moven con solvencia por un pop máis delicado no dúo "Caricias para o corazón" cunha Olga Lalín que asina tamén a letra de "Sorriso triste". O rock de guitarras afiadas e base rítmica moi contundente de "Desapareces" exercería de segundo fogonazo de apertura se dividísemos o CD nun vinilo de 2 caras. A inspiración que comezou no mestre Dylan aparece aquí en eléctrico e comprometido en "Aquí" e en versión máis acústica en "E vogou". Finalmente "Espello roto" poderia recibir a pseudo-etiqueta de"indie" por aquilo das capas sonoras.

Se pensas que "o mercado está sobresaturado" de propostas que apuntan máis a chamar a atención que entregar músicas que perduren, e gostas das boas propostas de rock de autor, non dubides en darlle unha oportunidade a este "Ascensión". Transmite iso que entendemos por convición ou persoalidade nas composicións e conta coa produción salientábel de Iago Lorenzo (Heredeiros da Crus, Furious Monkey House o Agorafobia) e a presenza do recoñecido baterista José "El niño" Bruno.

Pepe Cunha, 8-xuño-22



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo