portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
20/05/2022
Os abonos do Sinsal SON Estrella Galicia 2022 sairán á venda o vindeiro xoves 26 de maio
18/05/2022
Holgado "O fillo de Suso"
12/05/2022
Ilegales, J. P. Bimeni, Al Dual, De Vacas e Adrián Costa Blues Band actuarán no FiBE 22
11/05/2022
A artista canadense Kee Avil, a banda chilena Newen Afrobeat e a artista española Verde Prato conforman o regreso do ciclo Liberdades Sonoras a Lugo
04/05/2022
Devalo "Luz / sombra"
26/04/2022
A 6ª edición do Jazz de Ría terá escenarios en Narón, Neda e Cedeira
Nace o ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, concertos en directo para revivir álbums que marcaron a historia da música galega


nota:

O ciclo ‘Pioneirxs da música galega’ revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como ‘Pilocha’, da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e ‘Ti, Galiza’ de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega.

Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón. “Esta é unha oportunidade histórica para recuperar, e mesmo coñecer, a música feita en galego na década de 1970, que foi unha etapa crucial nosa música e que, dalgún xeito, supuxo o cerne do gran momento musical que se está vivindo actualmente no país” asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Pilocha e Miro Casabella subirán ao escenario con candansúa banda para interpretar os seus respectivos discos íntegros, recuperando os repertorios orixinais mais con arranxos actuais e con colaboracións únicas. Concertos que permitirán comprobar a vixencia destes dous traballos musicais, cada un no seu estilo, como xeito de reivindicación do seu papel decisivo do novo rumbo da música de autor/a galega ata os nosos días (Miro Casabella), e do que foi o jazz-fusión galego (Pilocha).

Tanto Pilocha como Miro Casabella visitaron esta mañá o escenario no que actuarán e lembraron os comezos das súas carreiras musicais explicando que “cantar en galego naquel momento era totalmente reivindicativo” e animando ao público a asistir e recuperar “cancións que nos acompañan desde entón e que xa forman parte do noso acervo cultural”.

Pilocha

Pilar Martínez Conde ‘Pilocha’ (Vigo, 1957), estudou Psicoloxía en Santiago de Compostela. Nos anos 70 comezou a cantar, formando parte de diversas formacións e correntes musicais importantes na historia da música galega con grupos, hoxe xa desaparecidos, como “De catro a catro” ou “Roi Xordo”, así como do “Movemento Popular da Canción Galega”, xérmolo real e imprescindible na transición entre “Voces Ceibes” e a música que se fai hoxe en Galiza. Foi nos grupos desa época, rompedora por excelencia, a primeira vez que se xuntaban para tratar a música galega (incluso a tradicional) instrumentos eléctricos, ata ese momento vinculados a outros estilos, así como baterías e percusións diversas impensables na música galega ata entón.

Gravou o seu primeiro disco co título xenérico de “Pilocha” en 1978 na serie “Xeira” de MoviePlay. Deste disco (que reeditou en formato CD Fonomusic) aínda hoxe soan bastantes cancións como “O sancristán de Coimbra” ou “Alecrín”, que marcaron unha época.

Ao mesmo tempo que traballaba co seu propio grupo, compaxinaba a actividade musical, xunto co traballo como contralto do Grupo Universitario de Cámara de Compostela, co que gravou o primeiro disco da formación, cantando as cantigas de Martín Códax e Alfonso X. Con calquera das dúas formacións, tivo a sorte de poder amosar o seu traballo en diversas cidades de Europa como Londres, Colonia, Bruxelas etc., así como en moitas cidades de España e, por suposto, en toda Galiza.

En 1980, presionada pola discográfica que prefería que gravara en castelán, e un pouco cansada da situación que a obrigaba polas condicións do contrato a permanecer coa mesma, decidiu darse un descanso e marchou de Galiza para vivir en Andalucía. Ao seu regreso, tivo a sorte de que moitos compañeiros da música a chamaran para convidala a participar nos seus concertos ou nas súas gravacións como o grupo “Milladoiro”, co que fixo varias actuacións en directo e gravou unha canción no disco “Gallaecia Fulget” (1995) que conmemora o V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela e outra na segunda entrega do Xabarín clube (A cantar con Xabarín) (1996). Grazas a este reencontro xurdiu a posibilidade de facer un novo disco con Antón Seoane, un dos membros do grupo “Milladoiro”, que pensaron e levaron a cabo sobre textos de amor escritos por mulleres da poesía galega, e así naceu “Calamidá sentimental” (1998). Na gravación participan tamén amigos e amigas e compañeiros de profesión como Rodrigo Romaní e todo os membros de “Milladoiro”, Laura Quintillán, Quico Paz Antón do grupo “Na lúa”, Anxo Pintos de “Berrogüeto” e as mulleres do grupo “Leilía”. Todos os textos das cancións pertencen á obra escrita de nove poetisas galegas, todas elas contemporáneas, agás Rosalía de Castro, quen está tamén no traballo por dereito propio como nai de todas elas. Este disco foi premiado como mellor traballo melódico nos Premios Luar da TVG en 1999. No ano 2000 gravou co grupo “Milladoiro” a canción da Marcha Mundial de Mulleres que representa a Galiza en todas as manifestacións relacionadas coa citada Marcha con un texto feito ex-profeso por Carmen Blanco e o retrouso internacional con que se cantou en todo o mundo. Pouco despois do comezo da emisión da Televisión local de Lugo presentou e dirixiu un programa mensual consistente nunha tertulia de mulleres que levaba por título “Feminino Plural” e que permaneceu en antena varios anos. Desde 2002 vén traballando coa compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, en recitais poético-musicais na procura de espallar a poesía galega do século XX baixo o título de “Ecos e voces dun tempo e un país”. En 2004, novamente con Antón Seoane e xunto con outros moitos colaboradores, gravou o disco orientado a público infantil “Lambón, cancións para os croques”.


Miro Casabella

Ramiro ‘Miro’ Casabella, (O Valadouro, Lugo. 1946). Tras cursar estudos en Ferreira de Valadouro e Lugo, Miro emigrou a Barcelona en 1964, cidade onde rematou o bacharelato e estudou na Escola de Arquitectos Técnicos. Aínda que o seu interese pola música é temperán, a experiencia catalá meteuno en contacto co movemento da Nova Canço, que o marcou profundamente. O seu debut musical aconteceu no ano 1967 nesa cidade, acompañando a cantantes da Nova Canço Catalá. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta: Miro canta as súas cancións e Miro canta Cantigas de Escarnho e Mal Dizer. Ambos os dous traballos son EP's de catro cancións. O seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela, o 1 de decembro daquel mesmo ano. Porén, o feito de continuar vivindo en Barcelona afastouno da meirande parte das súas actividades, sendo a longo prazo un dos factores da disolución do mesmo. No ano 1969 coñeceu en Barcelona a Paco Ibañez, con quen tivo unha longa amizade e ao que acompañou nos anos vindeiros en xiras poloEstado francés. En París coñeceu tamén ao cantor portugués exiliado Luis Cilia quen, nos seguintes anos, tocou en Galicia e no resto do Estado Español.

No ano 1970 participou no I Festival da Canción Ibérica xunto con Paco Ibáñez, Luis Cilia, Xavier Ribalta e Jose Afondo. Tamén nese mesmo ano tocou en París na Festa da Humanité, a festa do Partido Comunista de Francia, onde actuaron tamén figuras como Georges Moustaki, Paco Ibáñez ou Joan Baez. A finais do ano 1974 o grupo Voces Ceibes decidiu finalizar o seu proxecto e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega onde, cunha perspectiva ampla, tiveron cabida múltiples artistas de distintos estilos. Nos anos seguintes, Miro participou en multitude de concertos e festivais, en Galiza e en toda a Península Ibérica, ademais de colaborar musicando pezas de teatro en galego e discos de historias para rapaces. A partir de 1976 a desaparición da censura franquista propiciou tamén a aparición dos seus primeiros traballos longos.

En 1977 veu a luz o disco “Ti, Galiza” onde figura (con letra de Xoán Manuel Casado), O meu país, unha das súas cancións máis populares. Un ano máis tarde publicouse “Treboada”, con arranxos de José Mario Branco e a colaboración de Pi de la Serra. A composición que dá título a este segundo disco está inspirada no Cerimonial da Treboada de Tomiño. Ambos os dous traballos amosan unha peculiar mestura entre a canción de intervención social e a música tradicional, unha marca característica do autor, que ademais de inspirarse en formas populares e cantigas medievais, non desbota o emprego doutros instrumentos alén da guitarra, como a zanfona ou a arpa. A finais dos anos 70, Miro entrou en contacto co grupo folk DOA, que lle propuxo colaborar no que ía ser o seu primeiro traballo. O cantor incorporouse ao grupo, co que xa colaborara facendo arranxos, en labores de produción, e tamén como cantante nalgúns dos temas, aínda que a orientación do grupo seguía a ser eminentemente instrumental. A súa colaboración non foi máis alá do primeiro traballo (O son da estrela escura, 1979) e tou a principios dos anos 80.

O último traballo individual do cantor foio disco Orballo, do ano 2004, onde ademais de revisar algúns antigos temas, toca novamente a problemática social do pobo galego dende unha perspectiva contemporánea, cunha canción dedicada ao Prestige. Ese disco e o feito de seguir participando en concertos, convérteno no último representante de Voces Ceibes en activo, tras a morte de Suso Vaamonde e o abandono da carreira musical do resto dos seus formantes.



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo