portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
06/10/2021
Desvélanse os finalistas da 8ª edición dos Premios Martín Códax da Música
05/10/2021
Garza "Alborada"
01/10/2021
Xisco Feijóo "Peixe"
27/09/2021
"La música no es lo más importante", de Javier Becerra
25/09/2021
O Vilablues Fest de Noia reafírmase como a gran cita en Galicia da música afroamericana
24/09/2021
Anxo Araújo " Plan de urbanismo para un novo Couto Mixto"
"La música no es lo más importante", de Javier Becerra


“La música tal vez pueda volver a ser lo más importante si establecemos una relación más natural con ella”, di David Saavedra no prólogo deste libro do seu amigo e paisano coruñés Javier Becerra. Esa podería ser a mellor intención dunhas páxinas inzadas de anécdotas, retratos de excesos, repaso de postureos e exemplos de comentarios que protagonizamos ou presenciamos quen vivimos a música máis intensamente que a maioría da xente. Un bo feixe dos momentos que aquí aparecen son recoñecidos como autobiográficos polo propio autor, nunha sorte de mea culpa ou acto de contrición porque, asumámolo, todas temos, en maior ou menor medida, posicións preconcibidas ou prexuízos. Eu mesmo recoñezo telos para con Javier, non o vou negar, e entendo que, coas nosas filias e fobias, acertos e erros, referentes e influencias, no grupo das que falamos de música todas nos complementamos e retroalimentamos. Entendo ser partícipe deste gremio como comentar e analizar; non pretender ter razón, senón ofrecer razóns, argumentacións, o que non implica un mellor ou menor gusto. Outra cousa é o estilo co que o compartimos e, de escribir, Becerra sabe.

Porén, do que aquí se trata non é de falar de críticos e divulgadores musicais como Becerra (xornalista de La Voz de Galicia e o seu blog Retroalimentación, autor da biografía de Los Eskizos e de “Esto es pop!”), senón do que ofrece o seu libro, subtitulado “Contradicciones dun melómano con su pasión”. Confesa as súas debilidades e manías en diferentes momentos da súa vida e, como ouvinte ou como xornalista, denuncia clasismos, debate discursos asimilados (concertos en teatros, programacións con cartos públicos...), comparte anécdotas simpáticas ou ridículas (o odio desatado cara a unha canción que se fai popular como o “Resistiré” do Dúo Dinámico serve como detonante final deste libro), achega emoción (a súa relación cos referentes coruñeses da divulgación que son Jaime Manso e Nonito Pereira), achégase ao entrañábel (revivir a relación coas músicas cando se teñen cativas preto) .... e a persoa lectora acaba por se identificar ao trasladar as reflexións aos contextos, nomes de artistas ou festivais que lle son máis familiares. Ademais, Becerra aproveita para saldar contas con episodios de críticas ou ataques que recibiu por, por exemplo, tratar concertos ou propostas máis entendidas como comerciais e banais que dun gusto exquisito (léase Marc Anthony e Wilco na mesma cidade a mesma noite). Tal é o arame sobre o que está ao traballar nun medio xeneralista e de influencia e falar de música.

Mais o libro peca con frecuencia dun ton de converso, o deses ex-fumadores e neofalantes que se queixan máis ou con maior credibilidade porque viron a luz, e abondan as súas puñadas a unha saca na que mete a todas as que “entenden de música”. Mais non é tanto “entender de música” como falar dela, vivila con máis intensidade, compartila e que cadaquén decida que valorar ou rexeitar máis, que criticar ou apoiar máis, sen caermos no menosprezo nin pretendermos dar leccións de nada. As xeneralizacións son perigosas ou, polo menos, inxustas, e entendo que a quen escribimos publicamente se nos supón unha atención especial, moitas horas de escoita, análise, argumentación, respecto ao traballo ... Así, como na divulgación de calquera arte, algo haberá que achegar para aminorar o seguidismo e coñecermos máis propostas, non si? Se non comentamos ou chamamos a atención sobre artistas, cancións, álbums ou movementos ... para que estamos? Para seguir ou xustificar o que ten máis audiencia? Se gostamos e cremos na diversidade e podemos facer algo para darmos visibilidade a máis cousas, non debemos facelo? É necesario, por citar outro coruñés no libro, que un artista que vén “do pop-rock anglosaxón” como Xoel López edite o marabilloso “Atlántico” para que algúns entendidos espertasen ás músicas populares latinas?

Concluiremos que o que importan son as cancións que nos provocan emocións, chámense “Corazón partío”, “Days”, “Volando voy”, “Fronteiras”, “Waterloo” ... e que cadaquén engada as súas, porque qué hai máis persoal que o gusto e a reacción alixeirada de prexuízos? A cada situación a súa banda sonora”, cantaba Reixa desde Os Resentidos en “Música feliz” e “la música no es lo más importante, pero siempre está ahí” di o propio Becerra. Xa que logo, tiremos deste libro o que nos axude a deixarnos de parvadas e procuremos esa “relación máis natural” que apunta Saavedra no prólogo. Entre dicir que “o comercial é fuleiro” e que “o pouco recoñecido débese a que o público non sabe” hai tantos é tantos matices e circunstancias que todas temos dereito a gozar das nosas sensacións de credibilidade, vulgaridade, indieferencia, identificación, momentos de recollemento, mera diversión ... con naturalidade, si, mais tamén cun chisco de visión crítica ou analítica, a que recoñecemos nun autor que enfrontou as súas contradicións.

Pepe Cunha, 27-set-21



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo