portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
27/09/2021
"La música no es lo más importante", de Javier Becerra
25/09/2021
O Vilablues Fest de Noia reafírmase como a gran cita en Galicia da música afroamericana
24/09/2021
Anxo Araújo " Plan de urbanismo para un novo Couto Mixto"
19/09/2021
VVAA "Andrés do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada dende Ferrolterra"
15/09/2021
VVAA "25 anos ruxindo. Tributo a Ruxe Ruxe"
03/09/2021
Secho "Recuperar"
VVAA "25 anos ruxindo. Tributo a Ruxe Ruxe"


Disque quen sementa, recolle e se hai unha banda no rock do país que deixa un rego de perseverancia, compañerismo e compromiso son os Ruxe Ruxe. Agora que chegan aos 25 anos de traxectoria -e nun dos seus mellores momentos, por certo-, unha trintena de nomes do noso país acudiron á chamada dos argallantes desta merecida homenaxe, músicos amigos. Trátase dun recoñecemento que chega non só de bandas máis afíns ao punk-rock sobre o que orbitan desde 1996, polo que o disco dobre en conxunto ofrece diversidade abonda sen perder ese toque Ruxe das letras e o espírito.

Como ocorre cando falamos de disco tributo ou de versións, esperamos ese abano que vai desde ser moi fiel á orixinal até reinventar unha canción, e así cadaquén celebrará máis ou menos as diferentes achegas. Hai variedade desde que abre unha Banda da Loba máis roqueirizada até que fecha O Leo i Arremecaghoná, ambas interpretando o himno "Adiante". Pauliña leva “Que o demo me leve" á rancheira punk, O Sonoro Maxín enchoupan en zydeco “A máquina”, Battosai cobre “Sangue sobre cemento” de rock after-punk, Alfonso Espiño xúntase a Samesugas para darlle area country a “Lei de vida”, Secho leva ben “Anacos” ao seu terreo, Berlai reinventa con humor e pop-épico a “Alfaia punk”, Sr, Salvaje danlle toda a contundencia roqueira a "Terceira guerra", o metal pono Machina en “Refachos”, o toque acústico aparece con Ghavilla en “Terra Nai” e a Ukestra do Medio en “Sonhos”...

Obviamente menos sorprendentes son as presenzas de bandas veteranas e máis roqueiras como Deseqlibrio Mental, O Reverendo Can, Rastreros ou Zënzar ("Lobicán” soa impecábel) e bandas máis novas como Cuarta Xusta, pero todas sobrepuxéronse aos meses de confinamente e restricións da pandemia para gravar e recoñeceren expresamente en cadanseu texto no libreto o labor da banda de Aríns. Para ela, e en xeral para a música do país, seguen a ser tempos complicados, pero iniciativas de encontro e recoñecemento como esta fan piña e animan a seguirmos loitando por mudar a situación. "Adiante, adiante, adiante, sempre adiante"

Pepe Cunha, 15-setembro-21


artistas participantes:

A Banda da Loba, Biribirlocke, Sr. Salvaje, Espiño & Samesugas, Pauliña, Battosai, Broa, Zënzar, Deseqilibrio Mental, Som do Galpom, O Sonoro Maxín, Secho, Urko, Factoría de Sybsistencia, Berlai, Os Vacalouras, A banda do Elías, Machina, Pito de Pikasso, Nuada, Ghavilla, Cuarta Xusta, The Tetas’ Van, Caudillos, O Reverendo Can, Ukestra do Médio, Rastreros, Cru, Pakolas, Noite Fechada e Leo i Arremecághona.




Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo