portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
27/09/2021
"La música no es lo más importante", de Javier Becerra
25/09/2021
O Vilablues Fest de Noia reafírmase como a gran cita en Galicia da música afroamericana
24/09/2021
Anxo Araújo " Plan de urbanismo para un novo Couto Mixto"
19/09/2021
VVAA "Andrés do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada dende Ferrolterra"
15/09/2021
VVAA "25 anos ruxindo. Tributo a Ruxe Ruxe"
03/09/2021
Secho "Recuperar"
Rafa Fernández "Aldán"


Agochadas, ou á marxe da industria ou o "mercadeo" musical, hai pequenas xoias en forma de disco. Unha colección de sons que non agardabas e que, con sorte, un día entra en contacto coa túa antena, aínda que non soen nas de radio. Si, iso sempre pasou e máis agora que todo ten que ser inmediato e facilmente dixeríbel. Tamén sabemos que hai unha inxente cantidade de propostas que se gravan e editan fóra dos ditados das discográficas, e aí temos que estar atentas as iniciativas comunicativas libres, para dicirvos que prestedes atención, que discos como "Aldán" merecen unha parada. E esta a min resultoume balsámica.

Asina as súas seis composicións o guitarrista Rafa Fernández, que nos propón un jazz que me atrevería a cualificar de descritivo. Durante menos de media hora transmite emocións e atmosferas que teñen que ver coa calma, a nostalxia, a evocación de lugares e paisaxes, como o mar que protagoniza as portada e contraportada. De primeiras resulta especialmente salientábel o diálogo, a irmandade, os xogos entre dúas guitarras -a do autor e a de Virxilio da Silva-, mais a atención que conseguen provocar fai que non tardemos en apreciar o moito que achegan ao conxunto as achegas do contrabaixo de Juan Cañada e dos teclados Farsifa e Wurlitzer de Álex Salgueiro.

Aínda que ás veces poidan suxerir folk de aquí ou blues de aló, estas sonoridades escapan de etiquetas, son atemporais, poéticas. Por dar algunha referencia, a min lembráronme momentos instrumentais do John Martyn "non acústico", ou a un Vinicius Cantuaŕia, por situarnos un pouco. Mais non me enleo máis, recoméndoche buscarlle on momento e estarmos atentos a algunha presentación ao vivo. Animado por esta descuberta, pola miña parte seguirei devecendo por outras mentres nos distraen con cousas que teñen que ver máis con oportunismos ou fogos artificiais.

Pepe Cunha, 31-xullo-2021

Aldán
Pexejiño
Eres o campeón do mundo
Durme
Pipia
Iria



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo