portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
27/09/2021
"La música no es lo más importante", de Javier Becerra
25/09/2021
O Vilablues Fest de Noia reafírmase como a gran cita en Galicia da música afroamericana
24/09/2021
Anxo Araújo " Plan de urbanismo para un novo Couto Mixto"
19/09/2021
VVAA "Andrés do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada dende Ferrolterra"
15/09/2021
VVAA "25 anos ruxindo. Tributo a Ruxe Ruxe"
03/09/2021
Secho "Recuperar"
Sinsal SON Estrella Galicia celebra a partir do venres 23 de xullo unha edición "Esencial"cun cartel secreto no que o 70% das bandas están lideradas por mulleres


nota:

A Illa de San Simón acolle, a partir do vindeiro venres 23, a nova edición do Sinsal SON Estrella Galicia. Un cartel secreto, unha viaxe en barco, tres xornadas de música ao vivo e unha programación que destaca pola pluralidade estilística de bandas e artistas é a carta de presentación da nova edición de Sinsal, nomeada Esencial, en referencia ás características máis salientables do festival: sostibilidade, natureza, experiencia, música en directo, vangarda e unha contorna natural e patrimonial espectacular, como é o arquipélago de San Simón e San Antón, nas Rías Baixas.

O cartel secreto de Sinsal Esencial, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo, está conformado por un total de 14 bandas e artistas de Galicia, España, Portugal e EEUU. Del, destaca a alta porcentaxe de grupos liderados por mulleres ou con integrantes femininas na súa totalidade. É o caso de 9 das bandas do cartel. Neste sentido, a programación de Sinsal SON Estrella Galicia segue a liña de anteriores edicións do festival, nas que a dirección de Sinsalaudio promove na súa programación a aposta e reivindicación do papel da muller na industria da música, tanto sobre o escenario coma nos seus equipos de traballo.

Sinsal Esencial desenvolverase en horario de tarde ao longo de tres días e contará con dous escenarios insulares: FEST Galicia e SON Estrella Galicia. O primeiro deles acollerá, desde o inicio da tarde, directos de artistas galegos de creación contemporáne. De seguido, os concertos trasladaranse ao outro escenario no que, ademais de bandas galegas, tamén haberá ocasión para descubrir grupos procedentes doutros puntos da península ibérica ou mesmo dos Estados Unidos. Cada xornada pecharase con actuacións de DJs galegos, de novo, no escenario FEST Galicia, acompañando así ao público na súa partida.

Mais este ano Sinsal SON Estrella Galicia introduce unha novidade especial: a posibilidade de gozar do festival a través dun escenario virtual. Esta proposta innovadora, realizada da man do equipo de Liveforevr, rompe os códigos tradicionais de gravación e emisión de contidos musicais. Durante os días do festival, o equipo realizará un Art in Residence na illa coas últimas tecnoloxías de vídeo e audio inmersivos, e coa colaboración dunha das artistas participantes no festival, esta experiencia inmersiva retransmitirase o sábado 24 de xullo, a partir das 00.00 horas, a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr.

Ademais desta sesión, Liveforever empregará múltiples técnicas de produción virtual como vídeo 3D, 360º, 180º ou escáner volumétrico coa intención de converter a illa de San Simón, durante o Sinsal Esencial, nun laboratorio de Mixed Reality único no mundo. Xunto á sesión audiovisual inmersiva, realizaranse gravacións dos concertos combinando enxeñería e produción cinematográfica para crear unha experiencia multimedia.

Xornadas ‘Localizar e deslocalizar’
Entre as actividades paralelas que terán lugar durante o Sinsal Esencial, atópanse as xornadas Localizar e deslocalizar. Conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climático, unha serie de parladoiros que pretende avanzar no debate sobre o futuro sostible dos festivais e da industria musical. A idea abordarase desde unha perspectiva global coa participación de representantes de iniciativas musicais de Canadá, Italia, Líbano ou Noruega (ademais de Galicia), a través do programa PICE, de Acción Cultural Española. Todos os contidos recolleranse en formato audiovisual e, posteriormente, estarán dispoñibles como podcast na propia web do festival, https://festival.sins.al/.

Ao longo dos tres días, ao remate do primeiro concerto no escenario FEST Galicia (sobre as 18.00 horas), o espazo acollerá cada día unha conversa temática coa que o festival amosa a súa vontade de contribuír á internacionalización das propostas creativas galegas a través de conexións con todo o mundo desde o punto de vista artístico e de público. Na xornada do venres 23 celebrarase o parladoiro Mulleres na cultura internacional. De Oslo a Beirut, que contará coa participación das iniciativas Oslo World (Noruega), Beirut And Beyond (Líbano) e Descúbreas (Galicia). Na tarde do sábado 24, Localizar e deslocalizar centrarase nas relacións entre Cultura e cooperación para o desenvolvemento rural, na que se darán a coñecer propostas como Risogimarche (Italia) e Anceu Colivig (Galicia). Finalmente, na tarde do domingo 25, será a quenda da reflexión sobre a Axenda 2030 e Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nos festivais internacionais da man de Global Toronto (Canadá) e We Sustainability (Galicia).

Establecementos e gastronomía de proximidade
Na liña de outros anos, Sinsal manterá o seu compromiso co territorio de xerar un impacto económico positivo e colaborará con produtores, empresas e produtos locais. Así, e durante o desenvolvemento do festival, o público poderá probar a gastronomía de proximidade. Os tres días Sinsal contará co servizo e menús variados de 78Gastrobar, Galetruck e EcoGloria.

Paseo en catamarán con concerto
Outra das actividades paralelas á programación do Sinsal é un paseo en catamarán pola enseada de San Simón cun concerto semiacústico. A sesión, que terá lugar o sábado 24 ás 12.00 horas e cuxas entradas xa están esgotadas, inclúe a estrea ao vivo do disco dun coñecido artista galego que presenta o seu novo proxecto musical. As e os asistentes ao percorrido marítimo gozarán desta actuación no escenario móbil FEST Galicia á vez que coñecen o patrimonio natural e histórico deste enclave das Rías Baixas.

O festival
Sinsal SON Estrella Galicia celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón coa intención de achegar unha programación coidada de artistas emerxentes e contemporáneos da escena nacional e internacional á vez que se pon en valor o patrimonio natural e histórico da Illa (un pequeno arquipélago conformado por San Simón e San Antón, declarado Ben de Interese Cultural). Neste tempo, Sinsal acadou recoñecementos nos Premios FEST e nos Iberian Festival Awards tanto pola súa programación como polo desenvolvemento da súa Estratexia de Sustentabilidade. Logo da pandemia por mor da covid-19 e unha edición no litoral, Sinsal regresa á Illa de San Simón e recupera a esencia da proposta: música ao vivo, contacto coa natureza e un cartel secreto encabezado pola propia illa atlántica.






Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo