portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
02/07/2020
As salas de concertos galegas preocupadas pola viabilidade do sector
02/07/2020
volve o Atardecer no Gaiás [9 xullo ao 13 setembro]
25/06/2020
Rubén Reinaldo & Kely García Guitarra Jazz Dúo "Acuarel"
18/06/2020
Clubtura e a Xunta de Galicia poñen en marcha Directos Xacobeo"21 en salas.
17/06/2020
os Premios da Música Martín Códax celebrarán o 21 de outubro a súa gran festa
14/05/2020
Abre a convocatoria do Concurso Narf para artistas e grupos musicais
Rubén Reinaldo & Kely García Guitarra Jazz Dúo "Acuarel"


Debo comezar confesando certa debilidade polos discos que se desmarcan do máis habitual, aínda que por iso mesmo sexan algo complexos de comentar. Unha boa presentación engade máis razón para lles adicar atención especial pero neste caso non acaba aquí a miña predisposición. Este traballo chegou á redacción orelluda coincidindo co estado de alarma polo coronavirus e as semanas de confinamento, algo que quedaría en anecdótico de non tratarse ademais dunha proposta moi ben acaída para quen recorremos ao acubillo da música instrumental fronte os desacougos. Porén, este "Acuarel" superou as expectativas dun mero bálsamo e o seu carácter de traballo inédito por estes lares: un dúo de guitarras eléctricas de jazz.

Tras coincidir coma mestres no Centro de Música Moderna Ponteareas, o vigués Rubén Reinaldo e o ourensán Kely García argallaron esta viaxe musical en oito pezas cuxo fío condutor e inspirador é a auga da nosa terra: a chuvia, o océano, as charcas da marea, a rosada, a fórmula química da auga, os portos pesqueiros ... O resultado non só amosa a mestría e a creatividade que se lles supón a estes músicos, senón moito coidado na gravación e a presentación: a orde das pezas, un son exquisito (“gravado en estéreo con microfonía de alta sensibilidade directa aos amplificadores e mediante tomas enteiras en vivo sen metrónomo”) e a edición con Free Code Jazz Records en CD digipack de luxo que inclúe fotos, biografías, liñas explicativas de cada composición e tarxeta con código de descarga de diferentes formatos.

Cantaban Esclarecidos que “Tienes un balcón desde donde puedes ver historias hasta el detalle” e “Acuarel” ben pode ser ese balcón, polo menos durante o tempo no que a el te asomes; sexa porque tes ouvido fino, sexa porque queres simplemente deixarte levar desde a curiosidade. Aquí non hai trucos nin intereses alén de dous músicos creando e compartindo a creatividade dun diálogo musical. Non andamos nin moito menos sobradas de encontros así de frutíferos entre risco e fermosura, difíciles de describir en palabras pero doados de recomendar.

Pepe Cunha, 25-xuño-2020



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo