portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
12/08/2020
Luar na Lubre "Vieiras e Vieiros: Historias De Peregrinos"
05/08/2020
nace o festival Sons da Canteira, que terá lugar o próximo 29 de agosto na Canteira de Vilafría (Porriño).
04/08/2020
o IV festival Jazz de Ría programará tres noites de jazz galego no Cantón de Molíns
08/07/2020
á venda as entradas para o festival SinSal Litoral Estrella Galicia
05/07/2020
Guadi Galego e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Pontevedra, 4-xullo-2020
02/07/2020
As salas de concertos galegas preocupadas pola viabilidade do sector
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre "As catedrais silenciadas"


En menos de cinco anos, a unión de Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre está máis que afianzada e acadou recoñecemento merecido no noso país e internacionalmente. Asemade, non o fixo só entre o público amante do tradicional e o folklore, senón que é unha desas propostas que derruban os prexuízos que dividen o público das músicas populares. Probablemente sexa debido ao tratamento que dan e como presentan as melodías recollidas, coa riqueza de evolucionaren do que ao principio eran versións bastante parecidas ás orixinais até este terceiro disco onde son xa máis reconstrucións. Sen estridencias nin experimentos, o tradi feito agora, equilibrado para públicos novos e vellos.

Este título de "As catedrais silenciadas" reivindica, cunha actitude que elude o carácter inmobilista ou purista, un patrimonio esquecido e abandonado. Temos unha catedral sempre coma referente, como reclamo, pero que hai das outras máis pequenas pero abondas e tan espalladas polo país? Ou mesmo do idioma? Xabier Díaz é o primeiro en reivindicar o patrimonio, mais non por iso renuncia a intervir nel, a darlle vida. Comparte a súa visión e non dubida en ofrecela sumada con agarimo e arte ás voces das Adufeiras. Para isto seguen a acompañarse do músico Gutier Álvarez e invitan o Pedro Pascual, dándolle máis matices á gravación. Deste xeito, as dez pezas amosan cadanseu encanto propio, desde o single claro "No salón das cereixas" -se cadra con retrouso explotado de máis-, e as tamén inmediatas "Unha, dúas, tres e catro", o canto á amizade de "Amiga siempre" ou a mostra da lírica popular de escarnio “Muiñeiras ao puño”. Porén, celebramos a presenza de composicións de dixestión máis atenta, como a fermosa "Illas de sal" e, sobre todo, a peza telúrica que titula o disco sobre texto de Xesús Rábade Paredes.

Esta variedade fai do álbum unha colección espléndida (e cito a acepción da RAG "Que dá do que ten con xenerosidade"), así que pouco sentido ten entrarmos a discutir se este disco é mellor, igual ou máis frouxo que os anteriores. A calidez e a calidade seguen aí, sumando nun repertorio que alimenta a celebración nos concertos, onde cantarmos e bailar, pero que non esquece esas cancións que emocionan ao escoitármolas con calma e mesmo con auriculares. "Estas catedrais silenciadas gardan unha fermosura que adoece, un canto pola perda, pero tamén un aturuxo libertario polo trad que nos reinventa no século XXI", escrebe ben Rosa Aneiros na súa chega a un libriño fermoso coas letras das cancións e as fotografías de Marcos Budiño.

Pepe Cunha, 9-xuño-2020



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo