portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
10/09/2020
concerto de A Pedreira no Val de Lourenzá.
25/08/2020
a gran festa do jazz coa maior jam session da historia este domingo en Lugo
20/08/2020
Primeiros nomes do "Revenidas‌ en conserva": Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría
12/08/2020
Luar na Lubre "Vieiras e Vieiros: Historias De Peregrinos"
05/08/2020
nace o festival Sons da Canteira, que terá lugar o próximo 29 de agosto na Canteira de Vilafría (Porriño).
04/08/2020
o IV festival Jazz de Ría programará tres noites de jazz galego no Cantón de Molíns
Zënzar "Benvidas ao futuro"


A nosa banda clásica de rock non é moi prolífica no estudio, de aí a expectación por lles escoitar cancións novas. Xa pasaron cinco anos deste o seu sétimo álbum, "Camiñando entre serpes", e vinte e tres dun debut que agora lembran no título: "Disparados ó futuro". En todo este tempo, a formación xurdida en Cerceda moveuse polo rock dun xeito o suficientemente aberto para que non atopemos grandes novidades estilísticas, e menos pensando en chegaren a máis público. Son o que son, non enganan e dan o mellor que teñen que neste caso talvez sexa o seu disco máis compacto. Eles apuntan á importancia de gravaren con Roi Gil, técnico de directo e "o sexto zenzar", para reflectiren os directos enérxicos e guitarreiros característicos da banda, e non lles falta razón. Porén, sen este nivel tan notábel nas cancións, ese son non tería a materia que reforzar.

A outra novidade é a incorporación na gravación de Laura Romero ao baixo e a un deseño gráfico notábel, polo que estamos ante o primeiro disco elaborado totalmente no seo da banda. Mais esta interioridade non significa en absoluto que se atopen nunha burbulla. Todo o contrario, porque xa desde a personalidade activista de Bocixa na voz rachan con ese verniz da tecnoloxía e as redes sociais do sistema para sinalar os problemas persistentes na Galiza do século XXI: “a eucaliptización do territorio, as políticas do espolio, as loitas das labregas e dos labregos, a historia das mulleres do rural ou a contaminación.” Manteñen o carácter rockeiro e reivindicativo para falaren sen sutilezas de nós (“Somos criminais", para o espectáculo humorístico homónimo), da vida do músico (“Historia do rock"n"roll”), do abuso do poder e a especulación (“Mercader da morte”), do desleixo coa nai terra (“Todo se extingue”), dos excesos propios e alleos (“Abusei”), de resistencia (“Standing Rock”), de expectativas malogradas (“Fomos o futuro”), da muller silenciada (“Maruxa”). Ademais, cómpre salientar “Samurai”, dedicada a Tabe, o seu baixista finado en 2016, e o agasallo final de regravaren un clásico propio acompañados de amigas: “A culpa foi de Leño”.

De Leño e Rosendo hai influencia innegábel, mais tamén dos primeiros Barón Rojo, Iron Maiden, Deep Purple, os Siniestro Total dun "Made in Japan", La Polla Records ... e tamén achegan colaboracións coma as voces de Zeltia, O Reverendo ou Juankar (Boikot), recitados de poetas ... En "Benvidas ao futuro" recoñecemos a Zënzar, pero na versión mellor que nos pode dar a banda, cun disco directo, de once cortes en trinta e sete minutos, de cancións que funcionan en letra e música, cun ritmo sólido, guitarras afiadas e a voz áspera como o discurso.

Pepe Cunha, 28-maio-2020

"Benvidas ó futuro" pódese mercar en dúas modalidades: o CD en digipack ou nun USB Edición especial: os temas incluidos no CD tanto en wav coma en mp3 e unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. A caixa, tamén de cartón, lixeiramente máis grande ca do CD normal, cun deseño diferente e cunha breve historia da banda no interior.



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo