portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
09/04/2020
Xosé Lois Romero & Aliboria "Latexo"
30/03/2020
o director orelludo Pepe Cunha nos Tanxuvermús
27/03/2020
Grande éxito de inscricións nos Premios Martín Códax da Música Galega con preto de seiscentas
18/03/2020
Los Enemigos "Bestieza"
17/03/2020
J. Teixi Band "Showtime"
16/03/2020
O Son do Río "De raíz"
Los Enemigos "Bestieza"


O regreso ao estudio de Los Enemigos con “Vida inteligente” (2014) complementou a súa volta aos directos quince anos após a separación. Contiña varias cancións realmente boas que non desmerecen no seu repertorio ao vivo pero en conxunto talvez fallaba en cohesión, afrouxaba un pouco. Agora chega o segundo álbum da nova etapa para amosar a banda nun dos seus mellores momentos, cohesionada e chea de ganas. “Bestieza” é un título moi ben acaido pois responde á enerxía que transmiten unhas cancións case sempre por debaixo dos tres minutos, breves, directas, levadas polo ditado das melodías, sen forzar.

Se pensamos na traxectoria da banda non debemos estrañarnos, senón celebrar, que entre as súas influencias máis clásicas de rhthym and blues ou pub-rock tamén se coan sons máis punkarrones ou power-popeiros, tipo Undertones, Buzzcocks, The Replacements ... Aquí hai moito disto último, porque vaia comezo sen pausa suman as máis aceleradas “Siete mil canciones” e “Vendaval”, baixando apenas un chisco a velocidade con “La ofensa” e “Menos que un perro”. Estamos atopándonos cunha solidez propia dunha banda veterana cuxa base rítmica está espectacular e co guitarrista David Krahe ben afianzado. Enténdese e divírtese compartindo xogos coa guitarra dun Josele tan en forma como vocalista e letrista como na súa traxectoria propia, onde xa tocaron xuntos.

Nun disco de ritmo rápido chega entón para nos frear a canción máis longa, “La costumbre”, desde xa unha das súas mellores -e non é que teñan poucas. Vén recordarnos que mesmo nun disco urxente que reborda enerxía e puidese resultar luminoso, as letras son tan “puñeteras” e afiadas como case sempre: mala hostia, sarcasmo, axustes de contas, ollada escéptica ... Tras este respiro intenso, volvemos subir case ao 11 con “Mar de sendas”, Fino asina e canta dous minutos do seu mellor pop en “Océano” e recibimos outra xoia contida na fereza chamada “Sortilegio sideral”. “Hey Judas” son uns Enemigos tirando moi ben cara a uns Stranglers e o estupendo trío de medios tempos complétase con “Rey Pescador”. Talvez estes soan máis a Josele en solitario e rebaixan a velocidade do disco, pero as grandes cancións non sobran ningures.

Non é que sorprenda que un grupo formado hai máis de tres décadas soe tan ben, pero si que xunte tantas cancións de factura tan notábel, ao nivel do mellor da súa traxectoria e presente un disco tan sólido, que se escoita do tirón, sen fendas. Estes Enemigos saben o que queren e atinaron cun produtor como Carlos Hernández que entendeu como tiñan que soar a día de hoxe. Expectativas superadas.

Pepe Cunha, 18-marzo-2020



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo