portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
09/04/2020
Xosé Lois Romero & Aliboria "Latexo"
30/03/2020
o director orelludo Pepe Cunha nos Tanxuvermús
27/03/2020
Grande éxito de inscricións nos Premios Martín Códax da Música Galega con preto de seiscentas
18/03/2020
Los Enemigos "Bestieza"
17/03/2020
J. Teixi Band "Showtime"
16/03/2020
O Son do Río "De raíz"
David Regueiro Trio "Areal"


Hai algúns estilos que enganchan con naturalidade a xente nas salas pequenas ou nun festival de rúa, onde vin por primeira vez a Regueiro. Sen dúbida unha desas sortes musicais é o chamado jazz manouche ou cíngaro, ese que inevitabelmente asociamos ao guitarrista belga Django Reinhardt e resumimos como a combinación do swing e a tradición musical xitana do leste europeo. Pois o noso protagonista é probablemente o guitarrista galego referente nesta especialidade e ademais xa conta co recoñecemento alén do país. Tras unha ducia de discos editados e presenza en moitos festivais, presenta agora un álbum executado a trío canda a guitarra de Iago Reigosa e o contrabaixo de Juyma Estévez.

Esta combinación compacta ao servizo das composicións e o virtuosismo de Regueiro dá coma resultado un álbum no que non faltan pezas que inmediatamente celebramos en consonancia coa herdanza do mestre. A que abre o disco, "Samoreau Jam", refírese ao lugar de encontro dos fans de Reinhardt; "Blues for Django" aínda é máis explícita; "A Caravan Passing by..." ou "Swing 1918" ... ningunha das cales desentonarían no seu repertorio. Porén, as seguintes escoitas son premios para quen queremos tamén algo máis que eses momentos máis agardábeis. O "Bolero desesperado", "Areal" ou "Laberinto" amosan que Regueiro é quen de achegarnos con solvencia e curiosidade a outros estilos que poden ir desde a canción popular até a música clásica pasando por esa etiqueta ten pouco restritiva que é o jazz.

"Areal" é un disco no que a elegancia, o detalle ou o virtuosismo non están nada rifados coa accesibilidade. A calquera ouvido medianamente atento halle prestar a escoita pola calidade das composicións e o traballo dos músicos. E non só os do trío, porque tamén conta coa colaboración do clarinete de Sarunas Pupelis en "Iago"s Cat" e "Shiny Strings" e o violín de Ismael Cabaleiro no peche marabilloso que é "Laberinto", se cadra unha mostra inequívoca de que Regueiro non pode quedar só como un guitarrista fantástico de jazz manouche.

Pepe Cunha, 14-marzo-2015



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo