portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
06/02/2020
Tanxugueiras "Contrapunto"
28/01/2020
O minimal jazz de Tomaga, o folk escuro de Emily Jane White e a exploración de Lea Bertucci, na cuarta edición do ciclo Liberdades Sonoras
27/01/2020
Quique González no ciclo Voices, Pazo da Cultura de Pontevedra, 25-xaneiro-2020
10/01/2020
A Banda da Loba "Fábrica de luz"
10/01/2020
o Esmorga Fest recibe o ano confirmando 4 novas bandas ao seu cartel : Viva Belgrado, Le Temps du Loup, Böira e Moura
09/01/2020
libro disco "Magín Blanco. O camiño da luz", por Carlos Rego
libro disco "Magín Blanco. O camiño da luz", por Carlos Rego


Entre as historias musicais do noso país que tiñan que ser contadas estaba a de Magín Blanco (A Rúa, 1960). Recoñecido e querido como autor para público infantil e familiar desde hai unha década, Magín conta cun pasado máis escuro pero reivindicábel para non pouco público. Entre eles, un que fixo a suxestión á editorial ferrolá Embora e a acompañou do nome mellor acaído para o labor. Carlos Rego (Ourense, 1965) é músico e xornalista musical, practicamente coetáneo do protagonista e, ademais diso, recoñécese admirador, amigo e colaborador, talvez por esta orde. “Unha desas encargas que agardas toda a vida", di nos agradecementos.

Tras estes e un limiar doutro fan e xornalista musical como Xavier Valiño, Rego sitúanos nunha actuación do Magín actual á que asistiu e na que probablemente naceu este libro, mesmo antes da invitación a escribilo. E se falamos de invitación, neste caso a lelo, vaian as seguintes liñas que cumpren o cometido introdutorio e xustifican o título: "O camiño da luz". "O sorriso do seu rostro é máis plácido que feliz, un certo aire de benestar espiritual que os máis vellos seguidores das súas andainas nunca asociariamos aos seus anos á fronte de La Rosa." Agora xa non podemos evitar a curiosidade por saber que fóra antes deste músico agora tan aceptado e recoñecido, de como transcorreu a súa vida artística.

Vista e repousada a experiencia do libro, cómpre dicir que todo fixo "Clic", como o disco compartido por Magín Blanco e a Burgas Beat, última banda do ourensán. Con ese clic penso no tino, no resultado da unión da xa coñecida capacidade narrativa de Rego e o manexo hábil que fai desa proximidade co protagonista. Malia a súa devoción polas composicións de Magín, sabe manter ese certo equilibrio que agardamos dun narrador porque, ao tempo, exerce como un fan que engade pistas, dúbidas e case cuestiona algún dos pasos ou a produción artística. Evidencia disto son, por exemplo, esas partes que se denominan “Persoal” onde intervén máis o escritor que reflexiona e analiza. Asemade, vai inserindo na narración comentarios do protagonista e xente achegada para dar viveza e verosimilitude a un esquema cronolóxico que vai desde que Magín comezou tocar e compoñer á guitarra até hoxe, compartindo só aquelas situacións persoais que influíron na súa vida artística, como o accidente laboral que en 2011 lle levou dedos dunha man pouco despois da celebrada primeira entrega de “A nena e o grilo".

Se a traxectoria de Magín merecía ser narrada, tamén unha boa mostra das súas cancións debería acompañala, e así o libro inclúe un CD recompilatorio de moito valor. Rescata unha maqueta de Voyeur -a primeira banda-, nove cancións de La Rosa, tres dos seus dous álbumes en solitario, catro coa Burgas Beat (dúas inéditas, por certo) e outras tantas da etapa máis recente. Desde a melancolía, a tristura e a escuridade duns anos máis malditos polo pouco recoñecemento até "A luz" dos últimos tempos, nos que o seu manancial compositivo semella non coñecer a seca. En conxunto, Rego propón con gusto e aprecio unha experiencia de lectura e escoita para entender e apreciarmos a singularidade dun deses músicos escasos que sen gran voz e virtuosismo transmite emocións tan sinceras.

Pepe Cunha, 9-xaneiro-2020



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo