portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
15/10/2019
Caniche Macho "Venganza"
13/10/2019
Jorge Drexler volve sorprender con "Silente". Pazo da Cultura de Narón, 12-outubro-2019
09/10/2019
Sabela King and the Heartbreakers
04/10/2019
Óscar Fojo "De ventos e lúas"
03/10/2019
"Liberar as arterias" será o título do vindeiro disco de SES
20/09/2019
Familia Caamagno “Había que intentalo”
Óscar Fojo "De ventos e lúas"


Tras o proceso de micromecenado en 2018, este "momento de cantar e contar en primeira persoa neste meu primeiro disco en solitario" preséntanos unha nova etapa na carreira musical de Óscar Fojo. Até agora sabiamos del a través de bandas da zona de Ferrol (Charetas, Zinza, Morecegos, Retobato, Os Derradeiros... ) e nos últimos anos en primeira persoa como compositor e letrista das bandas El Viejo Caracol e Blah!. Son nomes que nos remiten desde o punk até o folk, pero sempre co epicentro no rock nun senso amplo. E como ten pasado con tantos nomes ao crecer ou madurar artística e vitalmente, Fojo presenta unha proposta sementada con esas experiencias en bandas e pousos e leccións aprendidas escoitando outras. No seu caso vexo desde La Polla Records e cantautores latinoamericanos até uns Guadi Galego ou Josele "Los Enemigos" Santiago.

Citar estes dous nomes ten toda a súa intención porque os vexo referentes por uns repertorios que expresan visións e emocións propias, e tamén porque Fojo ten na súa voz un selo moi característico. Por certo, encantaríame que, así como a cedeiresa o fai nunha canción deste disco, Josele cante nun dos seguintes. Si, desde xa espero máis discos porque ao tempo que "De ventos e lúas" amosa un xeito de contar o seu mundo e unha musicalidade rica (semella un acerto a coprodución de Danny Abeledo en RR Studios), tamén hai campo de mellora na lírica dunhas cancións que pecan por momentos de exceso narrativo ou espesura. Non me refiro a explotar un retrouso porque "Barquitos de papel" (un dos dous temas en castelán) non o ten e funciona, e a canción máis pop "Ao teu redil" non é a mellor do disco.

Nuns tempos que se procuran discos máis asequíbeis, de cancións máis directas ou comerciabeis, Fojo entrega cincuenta minutos que, se nos poñemos moi esixentes, poden resultar un conxunto irregular, algo habitual nun debut. Porén, todo importa menos cando aparece presentado dun xeito musicalmente tan aberto á vez que coherente, algo que non acontece tan a miúdo. O conxunto déixase chapicar con naturalidade polo reggae, o valse, o swing, o country e outros ritmos populares sen que ningún estilo domine as cancións. Para isto conta coa participación dun feixe de músicos de calidade e confianza da zona de Trasancos que van deixando as súas pegadas e facendo agradábel a escoita atenta. Entre as cancións salientaría eses dúos con Guadi Galego en "Non" (toda unha declaración de principios e favorita desde que adiantou o disco), con Silvia Fojo en "Adeus Luíña" e con Tania Redondo en "Al tiempo". Se sumamos "Volverei", "Dende arriba", "Soprando" e a máis ambiciosa "De ventos a lúas", con recitado inicial, xa mencionei máis da metade do disco. Así que deberías escoitalo. E os deseños de Lenadro Lamas para o digipack suman feermosura.

Pepe Cunha, 4-outubro-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo