portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/11/2019
Dani Flaco "Al alimón"
28/10/2019
Guadi Galego "Immersion"
22/10/2019
Ortiga "Chicho y sus chichas"
15/10/2019
Caniche Macho "Venganza"
13/10/2019
Jorge Drexler volve sorprender con "Silente". Pazo da Cultura de Narón, 12-outubro-2019
09/10/2019
Sabela King and the Heartbreakers
Xosé Miguélez "Ontology"


Hai discos que teñen detrás moita historia, e non me estou a referir ao produtor elixido, ao lugar de gravación ou as colaboracións. Para falarmos do primeiro disco de seu deste saxofonista (e gaiteiro) ourensán cómpre apuntar ao motivo, a inspiración ou mesmo o reto que detonou este traballo orixinal. A Miguélez coñécemolo máis recentemente polo seu traballo co Xacobe Martínez Antelo Trío, pero xa ten un nome na escena jazzística. Estudou jazz en Londres, licenciouse na Esmae do Porto e continuou a súa formación con músicos coma Matt Otto, que ten o seu papel neste disco. “Ontology” comeza agromar cando no seu lugar de traballo – o Conservatorio Profesional de Música de Vigo- andaba á procura de partituras para gaita e tivo un encontro emocionante. No Cancioneiro de Música Tradicional Galega de Dorothé Schubart atopouse coa súa tía avoa cantando hai case 40 anos en Cerdedelo-Laza.

Había que facer algo con iso e falouno con alguén de confianza como o mencionado Otto, que lle dera clases de saxofón. Para evitar facer unha adaptación ao jazz de repertorio tradicional, acordaron a idea de que os temas deste álbum “Ontology” se creasen motivados polas catro notas iniciais da balada interpretada por Amparo, que aparece ao final do disco. Unha vez preparadas as partituras, viaxou a unha meca do jazz como Kansas City, onde o agardaba Otto con estudio de gravación e músicos. Primeiro “probouse” ao vivo no mítico Blue Room e despois gravouse nun par de días baixo a produción do propio Otto que tamén toca en tres temas co seu saxo tenor e co Ewi na significativa “Chasing Myself” (“buscándome a min mesmo”). Os outros músicos notabeis que participan son Storm Nilson á guitarra, Ben Leifer nos baixos e John Kizilarmut na batería e o caixón flamenco; así como o vibrafonista Peter Schlamb tamén nun par de temas. E por se queda dúbidas da calidade, xurdiu a posibilidade de publicar con Origin Records unha vez que neste selo escoitaron o resultado.

Este traballo está “adicado ás mulleres galegas galegas que como Amparo, preservaron o legado da música tradicional de Galicia” e desde a súa orixe resulta nunha escoita motivadora, na que se pode sentir máis que discernir ese fío melódico que orixina as composicións. Porén, á marxe desta anécdota ofrece un jazz creativo e contemporáneo para quen nos confesamos menos entendidos nese mundo musical amplo que chamamos jazz. Co seu dominio evidente do saxo tenor, as composicións de Miguélez transmiten curiosidade, inconformismo e disposición a deixarse levar no diálogo ou a fusión cos outros instrumentos. A descubrir.

Pepe Cunha, 19-agosto-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo