portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
18/07/2019
Gilberto Gil, un grande que segue a impartir clase. Auditorio Mar de Vigo, 16/07/2019
16/07/2019
LORA, The Rapants e Portland, grupos gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM 2019
15/07/2019
o Interceltique de Lorient adicado a Galicia conta con Carlos Núñez, Aliboria, Milladoiro e Mercedes Peón entre os artistas principais
12/07/2019
Óscar Quant debuta co libro "Bailando sobre el parqué"
10/07/2019
Os Amigos dos Músicos "Segundo fogar"
18/06/2019
Dios Ke Te Crew "O ciclo da serpe"
Los Eternos "Vientos solitarios"


A banda de Cedeira regresa tras aquel "Back on the Road" (2010) apoiado pola discográfica Warner e que tivera tan boa acollida. En 2013 acompañaron a Chris Masuak nun vinilo de sete polgadas, "Another Lost Weekend, pero as circunstancias das vidas foron atrasando esta nova gravación. Agora a expectativa perante o regreso vese acompañada da valentía (ou a naturalidade, segundo se vexa) do cambio rechamante neste álbum: a aposta polo castelán coa axuda nas letras de Arantza Navarrete, "unha máis da banda". Tiraron tamén da proximidade e confianza en Víctor Gacio para o traballo de gravación do disco e a edición física con Ferror Records e Cascaballo Records, pero quixeron darlle un bo acabado ao son e aí atinaron coa mestura e masterización de Hendrik Röver. O líder de Deltonos leva décadas na causa á que parecen sumarse agora Los Eternos: "el rock americano es posible en castellano".

Titulan o disco coa versión que o pecha, unha adaptación moi ben conseguida de “Four strong winds”, a fermosa canción do canadiano Ian Tyson cuxa versión máis popular é a incluída nun álbum referente nestes sons. En “Comes a Time” brillaba a steel guitar -como o fai aquí con Álvaro Lamas- e co seu autor saen precisamente a pasear nunha canción: "Neil Young y yo". Tras a impresión inicial do cambio de idioma, os ouvidos vanse acostumando a recibir as cancións coma ese compendio lírico-musical que funciona ou non. É certo que abondan os lugares comúns e os tópicos próximos ou definitorios do "countryroquerismo" (bares, perdedores, destino ...) pero o que importa é que cada canción funcione coma un todo e hai mostras abondas de que Los Eternos comezan con bo pé esta etapa. Así o demostran o single "Tempestad" que identifica ben un pobo marcado polo mar, o instrumental western de manual "Savlas", o achegamento a sons máis duros de "Licencia para vivir" ou as baladas "Adiós mi corazón" e "Déjame entrar".

Recibimos unha colección de cancións onde os riffs, os coros e as melodías como as de "Siete días" ou a melancólica "Revolución" soan atemporais e familiares (algunha case fusilada), nesa esencia country que seguen a conservar malia abrirse ao espectro amplo que se entende por Americana. "Vientos solitarios" para moitos será un xeito de reencontrarnos con aqueles anos 80 onde a música máis norteamericana tiña protagonismo en castelán con máis ou menos éxito. Desde La Frontera aos reivindicabeis Más Birras, pasando por Los Rebeldes, La Guardia ou Los Limones onde precisamente militou Álvaro Lamas.

Pepe Cunha, 17-xuño-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo