portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
20/09/2019
Familia Caamagno “Había que intentalo”
08/09/2019
Clubtura non está conforme cos horarios propostos pola Xunta no novo catálogo de actividades
10/09/2019
O Museo de Pontevedra acollerá nove actividades dentro do Cantos na Maré: de música a cine pasando por unha performance de Antón Reixa.
09/09/2019
Eels no Auditorio de Galicia, 8-setembro-2019
27/08/2019
A caboverdiana Mayra Andrade e Enredadas (Martirio, Uxía, Carmen París e Ugia Pedreira), primeiras artistas confirmadas no 15 aniversario de Cantos na Maré
22/08/2019
O Cantos na Maré regresa do 13 ao 15 de setembro para celebrar por todo o alto a súa 15ª edición
Aline Frazao "Dentro da chuva"


Coñecimos esta angolana na Galiza mesmo, cando co grupo A Minha Embala gañou en 2010 o concurso Musicando Carvalho Caler. Falamos daquel primeiro disco que gravou con Tomás Ajeitos nos estudios A Ponte: "Clave bantú" (2011) e da súa presenza no festival da lusofonía Cantos na Maré. Gañounos coa súa voz doce e o seu sorriso e estivemos pendentes do seu chimpo ao mercado internacional e os seguintes discos "Movimento" (2013) e "Insular"(2015). Tras vivir noutras cidades coma Barcelona e se asentar de regreso á súa terra natal, decidiu que para este seu cuarto disco debía gravar no Brasil. Hai pouco volveu tocar na Galiza e achegounos este traballo que merece ser comentado malia a demora.

"Dentro da chuva" presenta once cancións nas que predomina o minimalismo, co protagonismo case total no formato de guitarra ao servizo da voz e poesía que caracterizan esta artista. E se falamos de poesía, o título e inspiración do álbum aparece en "Kapiapia", sobre versos de Ruy Duarte de Carvalho e coa colaboración á voz da bahiana Luedji Luna. Ademais desta, as outras cancións non escritas por Aline son "Petit ta segura", de Danilo Lopes da Silva, e a grande "Ces petits riens" do Serge Gainsbourg. Mais estas versións e as outras colaboracións "só" son unha guinda a pezas tan gozabeis coma as luminosas "Manazinha (Novo dia)", "Sumaúma" ou "Um corpo sobre o mapa", musicada por Joao Pires que pon o violao. E se falamos de instrumentistas, o luxo de Jaques Morelenbaum ao violoncello de "Areal de Cabo Ledo" ou a guitarra eléctrica do produtor Gabriel Muzak en "Zénite". Tamén salientabeis son as percusións delicadas de Zero Teles en "Sumaúma", "Ces Petits Riens" e "Manifesto", canda "Chamada por Morfeu" do máis recomendábel dun disco dos que acariñan.

Máis espida musicalmente con este traballo básico e elegante, Aline Frazao foi quen de dar ese paso adiante coma guitarrista. Segue a confirmar un xeito de escribir e un cantar característicos de seu, nun universo onde se cantan as emocións e os sentimentos sobre sons de Angola ou Cabo Verde, influencias brasileiras e tamén europeas. Dada a súa xuventude e actitude, podemos seguir esperando máis traballos dun artista que vai ao seu ritmo, sen présas por chegar a máis público. Mellor que a vaian descubrindo e apreciando coa atención que merece. Ti escoita e probablemente compartirás.

Pepe Cunha, 30-maio-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo