portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
11/04/2019
The Soul Jacket "Plastic Jail"
06/04/2019
Sés "Rabia ao silencio"
20/03/2019
o Fisterra Blues celebrarase do 28 ao 30 de xuño e participarán, entre outros, Los DelTonos, Morgane Ji e Víctor Aneiros
17/03/2019
o novo Budiño cumpriu na Sala Capitol, 15-marzo-2019
12/03/2019
Vudú "Vol. III"
11/03/2019
Óscar Quant presenta o seu libro "Bailando sobre el parqué"
Sés "Rabia ao silencio"


A primeira vista, un disco de versións adoita provocar certo receo. Principalmente por se se trata dunha estratexia comercial para explotar o momento de popularidade da artista ou porque non teña aínda cancións para unha colección de seu e así manter a atención sobre ela. Porén, todo queda nun segundo plano se o resultado final ten o seu valor, sexa por achegar novidade ou risco ou por facer unha reivindicación ben acaida. Este último semella o caso do álbum de Sés, que amosa unha dose abonda de agarimo, compromiso, traballo e autoesixencia para que o disco de versións cumpra o expediente.

No caso de Sés ben sabemos que a palabra ten máis peso que a música -o cal non quere dicir que o son non sexa correcto-, e esta selección non é excepción. Traballa con cancións coas que se sente cómoda pois forman parte da súa formación e espírito vital e preséntallas a unha sociedade calada e indolente que debería reescoitar a mensaxe destas letras. “Le tengo rabia al silencio / por todo lo que perdí./ Que no se quede callado/ Quien quiera vivir feliz”, son os versos de Atahualpa Yupanki de onde colle o título do disco. Na ilustración da capa (a cargo de Lidia Cao) a guitarra collida coma un fusil. Estamos en guerra, que dirían os Resentidos.

En total, gravou unha ducia de cancións revolucionarias adaptadas con minuciosidade ao galego e nun formato reducido e acústico, en clara homenaxe a como foron concibidas. Ademais de Yupanki, hai outras moitas cancións da América Latina, escritas ou popularizadas por Carlos Puebla, Quintín Cabrera, Víctor Jara, Mejía Godoy, Violeta Parra, Mercedes Sosa ou Soledad Bravo. Ademais, non faltan os Estados Unidos (a mítica “Strange Fruit”), Galiza, con dúas obras de Fuxan os Ventos, e Portugal co imprescindíbel Zeca Afonso: “Enquanto há força”. No libriño (coa diagramación de Bruno L. Teixiero) lemos as explicacións de cada elixida: ditaduras, emigración, revolución, discriminación ...

Mentres chega o novo disco de cancións propias, escoitemos un traballo que cumpre co seu cometido, con fidelidade total ás orixinais interpretadas, co sentimento que merecen e moi ben levadas ao galego.

Pepe Cunha, 6-abril-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo