portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
12/11/2018
Santi Araújo "Catedral"
29/10/2018
Anxo Lorenzo "Vórtex"
28/10/2018
Jane Birkin engaiola interpretando Gainsbourg no ciclo Voces, Pazo da Cultura de Pontevedra, 27-out-2018
26/10/2018
reedición 50º aniversario do álbum "The Kinks Are the Village Green Preservation Society"
19/10/2018
The Wave Pictures na Sala MardiGras, 18-outubro-2018
16/10/2018
Pablo Vidal Group "Orixe"

Concertos
domingo 15 de xullo do 2018 ás
Rosalía en Festa: Mercedes Peón, Cintaadhesiva + Najla Shami + Alba María con Xairo d"Herbón 
Casa Museo de Rosalía de Castro, Padrón. De balde.



nota:

DOMINGO 15 DE XULLO
Rosalía en Festa, CASA DE ROSALÍA

Con mercado de produtos rosalianos toda a xornada e teatralización de Mónica Caamaño como Rosalía de Castro, acompañada na música por José Luís do Pico Orjais.

11.00. Coral de Padrón
11.30. Visita guiada de Carlos Dacal pola Horta da Matanza
11.30. Visita guiada para familias pola Casa-Museo por Mónica Caamaño (como Rosalía) e José Luís do Pico Orjais.
12.00. Xosé Manuel Beiras comenta a proxección do filme “Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos” (1951), na que el estivo presente.
12.30. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques para cativos
13.00. Visita guiada pola Casa-Museo por Pepe Barro
13.30. Regueifas con Alba María e Xairo d’Herbón
14.00. Concerto de NAJLA SHAMI
17.00. Visita guiada pola Casa-Museo por Manuel Lorenzo Baleirón (“Rosalía na súa terra”)
18.00. Visita guiada pola Casa-Museo por Pilar García Negro (“Rosalía rebelde e feminista”)
18.30. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques (+6)
18.30. Mini-concerto de Margarita Viso no piano de Rosalía
19.00. Visita guiada pola Casa-Museo por Xosé Luís Axeitos “Rosalía documentada”
19.30. Entrega da Rosa de Galicia e presentación do Libro Escolar de Poesía
20.00. Recital poético con Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical)
20.30. Visita guiada pola Casa-Museo por Mercedes Peón: “Rosalía queer”.
21.00. Concerto de MERCEDES PEÓN

A Casa de Rosalía estrea o festival ‘Abride a Fiestra’ os días 14 e 15 de xullo


O día grande será o domingo 15 cunha xornada de portas abertas na Casa Museo, onde poderemos disfrutar de concertos de Mercedes Peón, Najla Shami e Cintaadhesiva, entre outras

Inclúe a xa tradicional subida en dorna a vela desde Valga a Padrón o sábado 14 de xullo e posterior actuación de Habelas Hainas en Padrón

O venres 13, como previa, inaugurarase unha exposición sobre Rosalía en Carril, alén doutras actividades e a actuación de Najla Shami


Padrón, 3 de xullo de 2018. A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha o festival ‘Abride a Fiestra’, que terá lugar os días 14 e 15 de xullo, en Padrón e na Casa de Rosalía, e que acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas da fin de semana temos a Mercedes Peón, Habelas Hainas, Najla Shami, a proposta musico-poética Cintaadhesiva, a pianista Margarita Viso e a Coral Padronesa.

O festival foi presentado esta mañá no cuarto no que morreu Rosalía da Casa da Matanza, onde segundo a súa filla dixo como últimas verbas: “Abride a fiestra que quero ver o mar”. Participaron, ademais do presidente da Fundación, Anxo Angueira; representantes das institucións e empresas que apoian o evento: o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; Cristina Codesido polo vermú Petroni; e Laura Cachón polas adegas Paco & Lola.

Alén de propostas musicais, o sábado 14 de xullo terá lugar a Inchadiña Branca Vela, a xa tradicional subida en dorna de Valga a Padrón (haberá varios tipos de embarcacións tradicionais: dornas, galeóns, gamelas, bucetas, botes e gamelas), organizada en colaboración coa Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa. E, pola noite, concerto do grupo Habelas Hainas.

O día grande será o 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía de Castro, que celebraremos cunha xornada de portas abertas titulada “Rosalía en Festa” na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas, como a propia Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o académico Xosé Luís Axeitos, os profesores Pilar García Negro e Manuel Lorenzo Baleirón ou o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal.


Outro dos atractivos é a proxección do filme “Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos” (1951) comentada por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois da Guerra Civil.


Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival.


Non faltará poesía, por suposto, na Casa da Matanza, cun recital poético a cargo de Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva(espectáculo poético-musical), alén da presentación do Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organizamos con El Corte Inglés.

E tampouco faltará improvisación oral, da man da regueifeira (e cantora) Alba María, e dunha das figuras emerxentes do xénero en Galicia, Xairo d’Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d’Herbón.


“Quero ver o mar” en Carril
Como previa, Carril súmase á festa rosaliana cunha xornada o venres 13 titulada “Quero ver o mar” na que se inaugurará a exposición “Rosalía e o Carril” no Museo do Ferrocarril, e pola noite haberá lectura de poemas, dramatización do poema “Quero ver o mar” e unha recreación da derradeira viaxe en lancha que fixo Rosalía desde a praia á estación. Rematará cunha actuación musical de Najla Shami.



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo